spot_img
InicioGaliciaXoias da gastronomía de Galicia que engaiolarán os teus sentidos

Xoias da gastronomía de Galicia que engaiolarán os teus sentidos

Xoias da gastronomía de Galicia que engaiolarán os teus sentidosOs froitos da gastronomía galega gañan en calidade ano tras ano. A súa demanda crece co maior coñecemento que dentro ou fóra da comunidade se ten deles. Galicia conta con ata 35 produtos alimentarios amparados con etiquetas que certifican a correspondente denominación de orixe ou indicación xeográfica protexida.

A despensa galega abrangue no caso do agro desde os produtos lácteos e as carnes ata sobremesas tan emblemáticas como a tarta de Santiago, pasando por viños, auguardentes, meles, pans, castañas ou produtos da horta, entre eles, de xeito destacado, varias clases de pementos.

Viños e auguardentes

Galicia conta con cinco denominacións de orixe de viño: Ribeiro, Valdeorras, Rías Baixas, Ribeira Sacra e Monterrei. Cada unha cunha personalidade ben definida, pero todas cun denominador común: a calidade e a vinculación moi directa co territorio. Destacan os viños con indicación xeográfica (tamén coñecidos como Viños da Terra), dos que contamos con catro: Barbanza e Iria, Betanzos, Val do Miño-Ourense e -o de máis recente incorporación- Ribeiras do Morrazo.

Xoias da gastronomía de Galicia que engaiolarán os teus sentidos

Engádense pola riqueza e variedade as bebidas espirituosas. As indicacións xeográficas dos augardentes e dos licores tradicionais de Galicia protexen tanto a augardente branca, de herbas, ou licor de herbas e o licor café, bebidas todas elas que forman parte inseparable do imaxinario colectivo desta terra.

Carnes

As carnes de Galicia sempre gozaron de prestixio e recoñecemento. No caso do vacún, existe un selo de calidade: Tenreira Galega, a indicación xeográfica máis importante no sector cárnico español.

A protección destas producións viuse potenciada nos últimos tempos coa creación da Indicación Xeográfica Protexida Vaca galega e Boi galego. Esta IXP naceu en 2017 para protexer e amparar o sector e ofrecer un produto tan relevante como a carne de vacún maior, garantindo a súa orixe e calidade, igual que se vén facendo desde hai 30 anos con Tenreira Galega.

Xoias da gastronomía de Galicia que engaiolarán os teus sentidos

Tamén o sector cárnico de porcino galego de calidade ten o seu recoñecemento coa IXP Lacón Galego e, no ámbito avícola, convén recordar a incorporación aos selos de calidade do tan coñecido Capón de Vilalba.

Lácteos

Un dos puntos fortes de Galicia é o relacionado coa produción láctea. Neste sentido, hai que destacar, en primeiro lugar, a existencia dun indicativo que certifica o leite galego de calidade diferenciada. Trátase de “”Galega 100%”, un selo que garante a excelencia do produto e a súa orixe en explotacións localizadas na comunidade autónoma.

Polo demais, Galicia destaca tamén pola calidade dos seus queixos, con catro diferentes denominacións de orixe protexidas (Arzúa-Ulloa, Cebreiro, Tetilla e San Simón da Costa). Cada un ten a súa propia personalidade, pero todos coinciden en ofrecer ao consumidor un produto feito co máximo esmero e a partir dunha materia prima “o leite galego” de gran calidade.

A maiores…Xoias da gastronomía de Galicia que engaiolarán os teus sentidos

Tamén merece especial recoñecemento a calidade contrastada dos pementos que se producen en Galicia, os de Herbón, O Couto, Oímbra, Arnoia e Mougán.  Amparados baixo selo dunha denominación de orixe, no caso do primeiro, e de indicacións xeográficas protexidas nas restantes.

Os Grelos de Galicia son outro dos produtos da horta galega con calidade amparada por un indicativo específico, coa vista posta nunha maior proxección fóra da comunidade autónoma. Pódense atopar no mercado en varios formatos (fresco, conxelado ou en conserva), o que supón un importante número de consumidores potenciais.

As castañas, as patacas ou o mel producidos en Galicia tamén contan con recoñecemento especial pola súa calidade. A IXP Pataca de Galicia ampara outra referencia da despensa galega e ten a súa zona de produción repartida nas subzonas de Bergantiños (na Coruña), Terra Chá, A Mariña e Lemos (na provincia de Lugo) e A Limia (en Ourense).

Pola súa banda, a Faba de Lourenzá ou o Pan de Cea, entre outros, asocian o nome da súa zona de produción ao do produto. A Agricultura Ecolóxica -unha denominación que, a diferenza das demais, non ten carácter xeográfico- é outro indicativo de calidade que rexistrou un gran desenvolvemento nos últimos anos en Galicia. Trátase dun sistema de produción de alimentos baseado nun escrupuloso respecto ao medio ambiente, o benestar animal e o mantemento e mellora da fertilidade do chan.

En definitiva, Galicia ofrece un amplo abano de produtos alimentarios de extraordinaria calidade e polo tanto o seu poderío gastronómico está fóra de toda dúbida, sobre todo cando esta magnífica despensa -cualificada por Álvaro Cunqueiro como a de maior amplitude de Occidente- se pon en valor grazas ao magnífico traballo dos grandes cociñeiros e cociñeiras desta terra.

- Publicidade -spot_img