spot_img
InicioCondado ParadantaO túnel do Confurco, unha obra inacabada debido á Primeira Guerra Mundial

O túnel do Confurco, unha obra inacabada debido á Primeira Guerra Mundial

o-tunel-do-confurco-unha-obra-inacabada-debido-a-primeira-guerra-mundial
O primeiro material móbil do tranvía Mondariz-Vigo (Vida Gallega, 15061919, p. 12

Houbo un tempo en que algunhas persoas podían imaxinar unha viaxe en tranvía partindo de Mondariz, cruzando Ponteareas, O Porriño e Mos ata chegar a Vigo. De alí sería posible alongar o itinerario  polas praias e atravesar Nigrán ata as portas de Baiona. Esa rede tranviaria que puido ser realidade malogrouse no tramo O Porriño-Mondariz e como unha testemuña case secreta daquela empresa queda hoxe un ben de patrimonio industrial de escaso recoñecemento: o túnel inacabado do Confurco.

Revista Cousas De Nº22

A inauguración do ferrocarril, con conexión a Madrid e logo a Portugal, comezaba a cambiar a paixón polas viaxes da época romántica en turismo, un novo concepto que comezaba a dar os seus primeiros pasos. En Mondariz chegaron a celebrarse consellos de ministros, reunións diplomáticas, visitas de membros da realeza e da aristocracia, plenos da Real Academia Galega, encontros e alternes do máis florido da vida financeira, artística e militar. Non obstante o proxecto termal de Mondariz adoecía das malas comunicacións existentes entre a estación do Porriño e o balneario, uns vinte quilómetros que debían realizarse en dilixencia e, máis  tarde, en automóbil.

Enrique Peinador Vela (1947-1917)

Enrique Peinador Vela (1847-1917) creou en Mondariz un dos establecementos balnearios de maior importancia de Galicia, da península ibérica e do turismo internacional.

Probablemente Peinador envexaba a situación dun balneario como o de Caldelas de Tui  que, se ben non era comparable ao seu nas proporcións de negocio e monumentalidade, recibía aos viaxeiros de Madrid e doutras provincias  cunha estación anexa ao propio establecemento termal.

Enrique Peinador Vela tivo un soño, crear a conexión a través de tranvía entre Vigo e Mondariz pasando polas vilas de O Porriño e Ponteareas. Deste xeito pretendía mellorar a súa oferta turística e, ao mesmo tempo, prevía un desenvolvemento económico da comarca poñendo como exemplo a grande cantidade de serradoiros que poderían utilizar o transporte en tranvía para achegar a madeira á rede ferroviaria ou ao porto de Vigo. Os primeiros movementos para construír o seu soño acontecen nos últimos anos do século XIX pero tomaron forma máis  decisiva a partir de 1904 en que se tramitan as concesións administrativas e se redacta o Proyecto Tranvia de Mondariz a Vigo “aprobado por la Superioridad” en xullo de 1907. No ano 1913 creábase a Sociedad Anónima Tranvía Mondariz a Vigo con domicilio en Ponteareas. O capital inicial de 1,5 millóns de pesetas aportados por Peinador esperaba sumarse a unha cantidade un pouco superior que aportaría a Sociedade Hispano-Belga, quedando unha parte máis pequena a cubrir por pequenos accionistas da comarca. Con iso e as axudas oficiais achegaríanse aos 5 millóns en que se calculaba o custo total do proxecto. En setembro do citado ano comezan os primeiros traballos de movementos de terras deseñando o trazado entre Puxeiros e O Porriño, labor que foi encomendada ao contratista Marcial Peralba.

Construción do túnel do Confurco na parte de Cans

En agosto de 1914 comezaron os traballos do túnel do Confurco, na parroquia de Cans. Os 900 metros  de percorrido baixo terra salvaban  ese punto de separación entre os vales do Louro e do Tea que presentaba un precipitado e sinuoso trazado na estrada de Villacastín. Seis meses despois a prensa informaba do avance das obras neste punto concreto: ”En el túnel de Confurco la perforación va avanzando por ambos extremos, ascendiendo a muchos miles de metros cúbicos la cantidad de tierras extraidas. Hasta ahora no se ha tropezado con roca y esto permite efectuar la perforación con mayor rapidez”. A obra do túnel non era realizada pola Sociedad General de Construcciones directamente coma o resto do trazado senón que estaba contratada por esta ao señor Fraucho. En Cans lembraban que a maior parte dos traballadores eran de Ourense e de Portugal. Desde un punto de vista técnico nada parecía presaxiar as dificultades que aparecerían no futuro, os traballadores da perforación e os canteiros continuaban a obra. En palabras de Alberte Reboreda: “A boca está conformada por un arco parabólico almofadado que anticipa un túnel de cantaría levantado en granito perfectamente labrado e escuadrado.”

 

o-tunel-do-confurco-unha-obra-inacabada-debido-a-primeira-guerra-mundial
Construción do túnel do Confurco na parte de Xinzo

A entrada que se conserva en bo estado é a do lugar de A Anduriña, na parroquia de Xinzo, mentres que o túnel pola parte de Cans foi tapiado pola construción da autovía A-52. Deste lado está moi viva a lembranza do túnel, tanto polo seu uso alternativo para o rego nas terras do arredor como pola entrada exploradora infantil de varias xeracións de nenos e nenas. O xornalista Anxo Boente dicía que “tiña unha entrada abovedada con pedra e eran uns 30 metros de bóveda moi bonito, despois continuaban uns cen metros máis a pedra viva”. O seu estado inacabado presentábase non só no seu percorrido senón tamén no seu baleirado interior que se facía máis pequeno ao avanzar cara o interior. Na memoria da parroquia de Cans hai varias explicacións que recolleu Óscar Franco na súa catalogación, un gran accidente no que morreron sepultados moitos traballadores, numerosas balsas de auga que impedían o traballo ou a historia máis estendida na contorna que atribúe a un cálculo errado o feito de que as dúas perforacións iniciadas en Cans e Xinzo nunca chegaron a encontrarse………….

O artigo de Xosé Ramón Paz Antón, foi publicada no nº 9 da nosa revista. Para continuar lendo a reportaxe completa, este é o enlace á versión dixital: 

Revista COUSAS DE Nº9

 

- Publicidade -spot_img