spot_img
InicioCondado ParadantaMemoria da Fonte de Troncoso. Unha obra de Antonio Palacios en proceso...

Memoria da Fonte de Troncoso. Unha obra de Antonio Palacios en proceso de recuperación

Memoria da Fonte de Troncoso. Unha obra de Antonio Palacios en proceso de recuperaciónEsta reportaxe esta incluída coas fotos correspondentes, no número 10 da nosa revista.                                      Por Alberte Reboreda                                                                                                                                              En recordo de Moncho Iglesias, profesor e precursor do estudo da obra de Antonio Palacios

A surxencia que nos ocupa aparece incluída na obra Descripción de 54 fuentes minerales del Reyno de Galicia que redactou Pedro Gómez de Bedoya en 1772, onde relata que hai unha fonte medicinal “junto al río Tea, en sitio llamado Saidoiro”…“nace en unas piedras en muchos y violentos borbollones, cuya agua es clara, fría, de mal olor, de sabor picante adstrinente, fastidioso, y que deja teñidas las piedras de una mucosidad ferruginosa”(…). Conclúe cunha observación sobre o estado de conservación do manancial que resulta moi actual: “Lástima es que esta fuente esté con el mayor desamparo”.

Revista COUSAS DE Nº10

A mediados do século XIX as propiedades salutíferas de Mondariz eran de público coñecemento segundo o Diccionario de Pascual Madoz (1846- 1850). Os mananciais da Gándara e Troncoso, nacentes ambos do futuro Balneario de Mondariz, son descritas así: “Hay en el término 2 fuentes medicinales que producen muy buenos efectos à los dolientes que las beben: la que se halla á orillas del Tea es nitrosa y sirve para curar enfermedades cutáneas (…). Como no se han hecho análisis de las aguas, ni los habitantes de esta feligresía han dado publicidad á las virtudes que encierran, no podemos hablar con mas estensión de ellas”.

Memoria da Fonte de Troncoso. Unha obra de Antonio Palacios en proceso de recuperación

O descubrimento da fonte atribúese en distintas ocasións en falso, desde o século XIX, ao párroco Domingo Blanco Lage quen, en 1858, instalaría unha bañeira, acondiciona o manancial e, en 1864, manda analizar as augas por vez primeira. Uns anos máis tarde, en 1877, o doutor Isidro Pondal, médico director do Balneario de Mondariz, sinala que era costume tomar baños ao aire libre nesa bañeira, hábito que o galeno considera indecente de acordo coa moralidade da época.

A fonte das ribeiras do Tea, recomendada para combater as enfermidades do estómago e a diabetes, xunto coa da Gándara, acabaría dando orixe ás famosas Augas de Mondariz, o “Vichy galaico” en palabras de Emilia Pardo Bazán, declaradas de Utilidade Pública no ano 1873.

As augas foron declaradas de utilidade pública por volta de 1873

Nese mesmo ano de 1877, o médico e cronista Nicolás Taboada Leal constata que as condicións da fonte melloraran levemente. Así afirma que as súas augas estaban “encerradas en un estanque de cantería de forma cuadrada, y brotan de abajo arriba en un suelo granítico, y por entre las grietas de las piedras del fondo de pilón”, había ademais unha pía de pedra na que cabía unha soa persoa “aunque no con mucha comodidad, á causa de ser demasiado reducida”.

Memoria da Fonte de Troncoso. Unha obra de Antonio Palacios en proceso de recuperación

El manantial de Troncoso, sobre todo, exige reformas de conservación y adorno, que todos los años estamos notando de menos; y sea quien sea el que deba proyectarlas y realizarlas, espero que escuchen sin susceptibilidad y sin prevención la voz del amigo, que es la voz de su propia conveniencia”. Este texto, de rabiosa actualidade despois do completo derrube da cuberta e do piso do pavillón de embotellado que tivo lugar no mes de marzo de 2019, podería ser escrito hoxe, pero foi publicado en Faro de Vigo en 1889.

O poeta e xornalista vigués Pío Lino Cuíñas (1851-1927) describe en 1897 na revista Galicia Moderna unha visita a Mondariz: “En la calle tropecé con un general de división, dos sobrinas de un fiscal, un contralmirante, una baronesa viuda, un banquero, un ex-ministro de la Corona, un portugués, luego otro portugués, y otro y otro hasta el número de doscientos. ¡Vamos, que ni en Mozanbique!” (…) “Más tarde, dirijí mis pasos, por un camino bastante descuidado, hacia las orillas del plácido Tea, donde brota burbujante el manantial de Troncoso” continúa.“Buen número de agüistas, vaso oblongo en mano, esperaban vez a semejanza de las criadas de servir en nuestras exhaustas fuentes”.

INTERVENCIÓN PALACIANA

O longo litixio que mantivo a familia Peinador co Concello de Mondariz pola titularidade da Fonte de Troncoso retrasou a intervención arquitectónica neste recinto. Aínda que os propietarios do establecemento balneario e os aguistas fixeron uso dela desde 1873, o manancial apenas sufriu reforma ningunha, e as cheas invernais do río Tea que o anegaban causaban continuas molestias aos usuarios de toda condición social e económica, que acudían a Mondariz na procura de saúde.

En 1907, solucionado o preito a favor dos Peinador, a nova propiedade constrúe un muro de contención para evitar as frecuentes inundacións, unha gran escalinata para baixar a tomar as augas, e comezan as obras de “una galería cubierta y unos almacenes para botellas”, un proxecto do que é autor o arquitecto Antonio Palacios, amigo persoal dos propietarios, tal e como informa La Temporada e evidencia o deseño das dúas fontes, en particular das escaleiras en curva e dos grandes ocos cubertos por arcos de medio punto das fachadas principais.

Memoria da Fonte de Troncoso. Unha obra de Antonio Palacios en proceso de recuperación

No andar superior de Troncoso, o proxecto contemplaba un total de cinco espazos: unha cociña, dous dormitorios, unha sala e un despacho para o administrador. As fachadas norte e sur replican os grandes ocos que articulan os frontis dos edificios da Fonte da Gándara e do edificio da Varanda, o que evidencia a vontade de Palacios de dotar estas tres construcións dun estilo común e recoñecible, de forma que os aguistas identificasen en todos eles unha unidade formal en todo o balneario, tal e como avanzaba a memoria do proxecto, publicada por La Temporada en 1908.

O conxunto palaciano resultante, coñecido popularmente como As Augas de Abaixo, quedaría composto por dous volumes  arquitectónicos claramente diferenciados. Por unha banda, un bloque de planta rectangular duns 100 metros cadrados levantado en pedra conformado por soto e planta baixa. Este edificio, que acolleu no piso inferior o obradoiro de embotellado de auga mineral, contaba cunha cuberta de tella plana fabricada en “La Caeyra” (Poio) polo Marqués de Riestra, cando sufriu un derrube por falta de mantemento e conservación xeral do inmoble que tamén destruíu por completo o piso alto.

Memoria da Fonte de Troncoso. Unha obra de Antonio Palacios en proceso de recuperación

En 1909 La Temporada de Mondariz informa que o arquitecto porriñés visitara as obras que “bajo su dirección se están llevando a cabo en Gándara y Troncoso”. Chegara o tempo de que a antiga fonte do Saidoiro, fose obxecto, por fin, dunha renovación integral proxectada polo autor do Palacio de Comunicaciones de Madrid, co obxecto de monumentalizala.

As liñas curvas que regulan a circulación interior crean unha sensación de maior amplitude espacial

Unha marquesiña anexa, tamén de planta rectangular e duns 130 metros cadrados, foi realizada en fundición polas empresas viguesas de Antonio Sanjurjo Badía (responsable da varanda modernista interior) e mais polo Taller Mecánico de Manuel González (autor da cuberta metálica e da reixa perimetral de finais do século XIX que se trasladou a esta localización procedente da Fonte da Gándara).

Memoria da Fonte de Troncoso. Unha obra de Antonio Palacios en proceso de recuperación

Conformado por un soto, que alberga o manancial da fonte propiamente dito, a planta que coincide coa rasante do paseo permite gozar de excelentes vistas sobre o río a través dun balcón cuberto e voado. O acceso a este bloque da edificación realízase a través de dúas portas de dobre folla situadas na fachada sur; ambas dan acceso, ademais de á balconada, a unha dupla escalinata curva que permitía ás persoas auguistas descender ata un patio cuberto no que agardaren a que unha operaria do establecemento, situada ao pé da fonte, lle servise a auga do manancial sobre un mostrador de perfil sinuoso.

En palabras da doutora Pérez Sánchez (2005) ”las líneas curvas que dominan la planta provocan un efecto semejante al de la Fuente de Gándara, creando una sensación de movimiento que sugiere una mayor amplitud espacial. Palacios utiliza esta solución en varios de sus edificios para compensar el reducido tamaño de alguna de sus partes”.

O deseño da fonte harmoniza co edificio da Varanda e coa Fonte da Gándara, dando unha idea de unidade

Con todo, o proxecto do arquitecto porriñés, que na altura traballaba arreo en Madrid en múltiples proxectos, nunca chegou a ser executado na súa totalidade. Detalles como as esferas graníticas que debían rematar en altura as pilastras, para as que o proxectista ideara un triple acanalado nunca executado, son un exemplo do que dicimos.

PROPIEDADE MUNICIPAL

Situado na ribeira do río Tea, incluído hoxe na Rede Natura 2000 da Unión Europea, esta fonte monumental figura no Catálogo de Bens Culturais do Concello de Mondariz Balneario cun grao de protección integral e tamén no Plan Básico Autonómico aprobado pola Xunta de Galicia, o que, sobre o papel, a dota dun nivel de protección legal suficiente para asegurar a súa conservación.

Memoria da Fonte de Troncoso. Unha obra de Antonio Palacios en proceso de recuperación

Con todo, foi necesario que a veciñanza puxese en marcha na primavera de 2019 a plataforma SOS Fonte de Troncoso para coidar e denunciar o estado de conservación deste manancial. Eles conseguiron informes favorables á súa recuperación do Colexio de Arquitectos de Galicia, da Escola de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia ou do Consello da Cultura Galega. Ademais de dar a coñecer publicamente o seu estado de abandono ante as administracións competentes, o Concello e a Xunta de Galicia, os veciños dirixíronse tamén á Valedora do Pobo, que abriu unha investigación sobre a titularidade do edificio, que resultou ser da empresa en liquidación Fuentes Capital S.A. Finalmente, o xulgado mercantil nº 5 de Madrid, do que é titular Teodoro Ladrón Roda, autorizou a cesión do inmoble ao Concello de Mondariz Balneario o 20 de novembro de 2020, que aceptou a titularidade do edificio.

Na actualidade a Consellería de Cultura encargou a redacción dun proxecto de rehabilitación integral ao arquitecto César Portela, o que permitirá –así o desexamos– que esta obra de Antonio Palacios deixe de ser a única obra galega deste proxectista en estado de abandono e desamparo.

- Publicidade -spot_img