spot_img
InicioPontevedra e ÁreaDeza e Tabeirós - Terra de MontesXoaquin Loriga, o home que baixou do ceo

Xoaquin Loriga, o home que baixou do ceo

♦A reportaxe de Daniel González Alén está incluída no número 16 da nosa revistaxoaquin-loriga-o-home-que-baixou-do-ceo

Vai para cen anos o aviador Xoaquín Loriga Taboada, fillo ilustre de Lalín, aterraba nun improvisado aeródromo no Monte do Toxo de Lalín, pilotando un avión AVRO 504K do Exército o Aire, diante de milleiros dos seus paisanos que o agardaban para tributarlle unha grande homenaxe popular logo da súa proeza do voo Madrid-Manila.

Nunca un avión pousara nestas terras da Galicia Central ata esta ansiada e agardada visita do ilustre lalinense que viña de realizar con éxito o histórico raid a Filipinas, xunto aos tamén aviadores españois Gallarza e Esteve. O que fora piloto oficial do autoxiro de Juan de La Cierva e antes heroe condecorado das guerras de África chegaba a Lalín o 23 de xuño de 1927. Aquel día, ao fin e no medio dunha lixeira brétema, aparece a silueta do avión entre o entusiasmo e a emoción dos presentes, voando con arriscados exercicios para facer logo unha aterraxe perfecta. O xentío rompe o protocolo formando unha verdadeira avalancha humana. Todos queren ver, oír e apalpar ao home que baixou do ceo, para asegurarse de que o que ven nese día memorable non é un soño.

Homenaxes en Lalín e Galicia

Pasara un ano da xesta do voo Madrid- Manila e logo de varios aprazamentos e demoras,  o día de San Xoán de 1927, unha grande  multitude chegada de Lalín e comarca, e tamén  das catro provincias galegas, acudía a recibir ao aviador no monte do Toxo, preto da vila de Lalín. Unha grande comitiva acompaña e aclama ao seu ídolo no percorrido ata a vila  de Lalín, entre foguetes e acordes musicais, para dirixirse á igrexa parroquial, despois ao Casino e logo á Casa Consistorial, onde o aviador era distinguido como “Fillo Predilecto” e axiña foi descuberta dunha placa que daba o nome do aviador á máis céntrica rúa da vila, que tamén designaría outras na súa parroquia natal de Prado e na vila de Agolada.

xoaquin-loriga-o-home-que-baixou-do-ceo
Monumento realizado polo escultor Asorey en Lalin

As homenaxes sucedéronse nas xornadas seguintes en varias cidades galegas:  o día 24 en Compostela onde sería recibido polo arcebispo e polas autoridades daquela cidade, para  logo continuar viaxe  cara á Coruña, onde recolle  innumerables mostras de admiración e cariño. En días sucesivos visita Pontevedra, onde o agasallan autoridades e veciños, e Vigo, sen dúbida a cidade galega que máis se implica con Loriga, cun gran recibimento e aclamacións desde o momento da súa aterraxe na veciña praia nigranesa de Panxón. Na cidade olívica sucédense os actos na súa honra  destacando a  inauguración dunha rúa dedicada ao aviador.  Na estadía en Vigo, que se prolonga ata o 4 de xullo, anuncia a súa intención de facer un novo voo unindo Galicia con América e as autoridades olívicas contan coa súa axuda para construír aquí o primeiro aeroporto de Galicia, en pugna con outras cidades galegas.

Nacemento no pazo de Liñares e heroe en Marrocos

No Pazo de Liñares, pertencente á parroquia de Prado do municipio de Lalín, nacía o 23 de setembro de 1895, Xoaquín Loriga Taboada. Era o  fillo primoxénito de Eliseo Loriga Parra, natural da Coruña, daquela tenente de Artillería e co tempo xeneral, profesor do Rei Alfonso XIII  e  II Conde do Grove; e de Esperanza Taboada Bugallo, natural de Málaga,  filla do señor de Liñares, Carlos Taboada Rada, pertencente a unha familia emparentada con outras fidalgas da comarca e de Galicia, que probaran a súa nobreza nas Ordes de Santiago e Calatrava.

xoaquin-loriga-o-home-que-baixou-do-ceo
Xoaquín Loriga Taboada

Malia ter fixada a súa residencia en Madrid, a familia pasaba longas tempadas en Liñares e tamén en Cambados, onde os Taboada tiñan outro pazo e propiedades. Nos salóns e xardíns destes pazos galegos pasaría parte da súa infancia Xoaquín Loriga, quen aínda moi novo, rematado a bacharelato e  seguindo a tradición familiar, ingresa en 1912 na Academia de Artillería de Segovia, obtendo alí o despacho de oficial con vinte e dous anos cumpridos.  O seu primeiro destino será Melilla, onde xa empeza a distinguirse pola súa valorosa actuación nas Guerras de Marrocos. En 1920 ingresa na Escola de Aeronáutica de Madrid, acadando o título de piloto, para incorporarase ao servizo da Aviación Militar, tornando novamente a Marrocos, onde ascende a capitán, mandando unha escuadrilla e destacando naquel conflito, o que lle valeu a concesión da Medalla Militar en 1923.

Rematada a contenda volverá ao Marrocos francés en decembro de 1926, comisionado a petición da Asemblea Superior da Cruz Vermella, para planificar a actuación da aviación sanitaria. Por méritos de guerra, en xaneiro de 1927 ascende a comandante de Artillería, continuando no seu destino na Aviación.

Piloto do autoxiro de Juan de La Cierva

O enxeñeiro Juan de la Cierva, fillo do ministro do mesmo nome, logo de seis anos de investigación tiña a punto o seu autoxiro C-6 construído nos talleres de Aviación de Cuatro Vientos. O autoxiro era unha importante contribución ao progreso da aviación, sendo considerado o precursor  do helicóptero, que aínda ía tardar dez anos en sucar os espazos de todo o mundo.

xoaquin-loriga-o-home-que-baixou-do-ceo

Para pilotar o aparato o inventor contou con Loriga, quen o 11 de decembro de 1924, despois dunhas breves instrucións, ergue o aparato ata unha altura de cen metros manténdose no aire durante máis de seis minutos, voando en círculo sobre o aeródromo para logo pousarse suavemente en vertical. Ao día seguinte Loriga fará un voo fundamental co autoxiro: partindo de Cuatro Vientos chegará ata Xetafe percorrendo os máis de dez quilómetros en doce minutos. Todos felicitan a La Cierva e Loriga que acaban de abrir os voos de cruceiro para os enxeños xiratorios. O 24 de xuño de 1925, o Rei Alfonso XIII asiste a unha exhibición do autoxiro. Ao rematar satisfactoriamente as probas  felicita ao inventor  e ao piloto, entusiasmado polo que acaba de ver.

O voo Madrid-Manila

O primeiro cuarto do século XX é a época dos grandes “raids” cubrindo longas distancias. Os adiantos acadados  despois da I Guerra Mundial chegan a España cos avións utilizados no conflito. Os aviadores Loriga, Esteve e Gallarza preparan desde 1924 o “raid” Madrid-Manila, pero problemas burocráticos e técnicos fan que os adiante nuns meses o comandante Ramón Franco e os capitáns Ruíz de Alda e Durán que, coa chamada “Operación Plus Ultra” conseguirían rematar o voo ata a Arxentina en xaneiro de 1926,  no que sería o primeira grande proba da aviación española que competía entón con ingleses, franceses, italianos e norteamericanos nestas grandes travesías.

xoaquin-loriga-o-home-que-baixou-do-ceo

O mesmo ano 1926, no medio dunha grande expectación, o 5 de abril, inicia Loriga cos capitáns Esteve e Gallarza o “raid” Madrid-Manila a bordo de cadanseu aparato “Breguet XIX ”  formando a escuadrilla “Elcano”. Cos aviadores van tres mecánicos e o combustible e repostos previstos para facer os  case 20.000 quilómetros de percorrido, cheos de aventuras e avatares que serian cubertos en  trinta e nove días. Logo das primeiras etapas polo Norte de África, Esteve perdeuse co seu biplano no deserto sirio, mentres os outros dous avións continuaban coa misión, atravesando os ceos de  Exipto, Irán, Pakistán, India, Birmania, Tailandia, Vietnam e China. Loriga houbo de abandonar o seu avión avariado en Macao, seguindo a viaxe con Gallarza ata Aparri,  xa no arquipélago filipino, onde foron clamorosamente ……

No seguinte enlace tedes a reportaxe completa publicada:

Revista COUSAS DE Nº16

 

- Publicidade -spot_img

[adrotate group="3"]
[adrotate group="2"]
[adrotate group="4"]
[adrotate group="5"]

Información das cookies

Este sitio web utiliza cookies para que poidamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies gárdase no teu navegador e realiza funcións como recoñecelo cando volves ao noso sitio web e axudar ao noso equipo a comprender que seccións do sitio web che resultan máis interesantes e útiles.