spot_img
InicioGaliciaA CoruñaA Fundación Luis Seoane acolle unha exposición ao redor da obra de...

A Fundación Luis Seoane acolle unha exposición ao redor da obra de Guillermo Monroy

a-fundacion-luis-seoane-acolle-unha-exposicion-ao-redor-da-obra-de-guillermo-monroyGuillermo Monroy. Aquí e agora é unha exposición ao redor da obra de Guillermo Monroy (Navia, Vigo, 1954 – Vigo, 1982), impulsor do grupo Atlántica e unha das figuras fundamentais para comprender a evolución da pintura do último terzo do século XX en Galicia e, por extensión, en España.

A súa desaparición temperá aos 28 anos non impediu que deixase tras de si unha produción excepcional e coherente, fiel reflexo da súa busca permanente dunha linguaxe pictórica capaz de traducir a súa experiencia do mundo sensible aos límites xeométricos do cadro.

A vixencia desa linguaxe e a contemporaneidade da súa pintura son os piares sobre os que o comisario da exposición, o artista e crítico Ángel Cerviño, elaborou un proxecto que non deixa espazo para as especulacións acerca da posible evolución da obra de Monroy de non ter falecido prematuramente, unha reivindicación que queda recollida no título da mostra. Guillermo Monroy. Aquí e agora reúne unha selección de pinturas, debuxos e cadernos, moitos deles inéditos, máis de cincuenta obras procedentes na sua maior parte do legado familiar e de coleccións públicas e privadas de Galicia. Trátase da segunda gran exposición dedicada ao artista tras a celebrada na Casa das Artes de Vigo fai máis de tres décadas, en 1993.

A cor e a xeometría do cadro son os dous aspectos formais dos que parte Guillermo Monroy para elaborar a súa pintura. Nada é casual, todo está perfectamente estudado, desde a xustaposición das cores, que se distribúen en trazos grosos ou masas de distintas dimensións, ata a súa disposición dentro dos límites físicos do soporte. Para o artista, o rectángulo é un marco de reflexión ao que traslada a súa experiencia vital e as súas afinidades.

A pintura de Monroy non é abstracta, pero tampouco é un reflexo estricto do mundo que lle rodea. É un espello, unha fiestra aberta cara o seu pensamento na que aparecen figuras sen rostro, estáticas, de pé ou sentadas, meditando, sempre cara á fronte, cara ao espectador; ou paisaxes, obxectos cotiáns e espazos baleiros nos que, ás veces, é posible percibir a presenza de quen os habitou.

Membro fundador de Atlántica, Monroy foi tamén o nexo entre o grupo vigués e o coruñés La Galga, dous puntos de inflexión na transición cara a modernidade da arte galega dos que xurdirían artistas como Antón Patiño, Menchu Lamas, Mon Vasco, Manuel Moldes, Ignacio Basallo, Correa Corredoira, Antón Lamazares, Xesús Vázquez ou Pepe Galán e outros moitos.

Ante á obra de Guillermo Monroy adóitase lamentar o desgraciado accidente que lle impediu desenvolver a súa obra de madurez pero, e se a súa obra de madurez témola diante? Calquera persoa que se achegue á pintura de Monroy sen coñecer a tráxica circunstancia que puxo fin á súa vida recoñece ao momento a madurez deste traballo, o seu perfecto acabado e o resolutivo ensamblaxe dos diferentes elementos; aquí non se aprecia ningunha clase de dúbida, inseguridade ou inacabamento: todo está onde ten que estar. Esta é a obra madura e cabal dun artista armado xa con todos os seus recursos. Aquí non falta nada, a súa obra de madurez xa a temos aquí, aquí e agora, diante da nosa mirada.

Gullermo Monroy. Aquí e agora estará nas salas da Fundación Luis
Seoane ata o 15 de febreiro de 2026.

- Publicidade -spot_img

[adrotate group="3"]
[adrotate group="2"]
[adrotate group="4"]
[adrotate group="5"]

Información das cookies

Este sitio web utiliza cookies para que poidamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies gárdase no teu navegador e realiza funcións como recoñecelo cando volves ao noso sitio web e axudar ao noso equipo a comprender que seccións do sitio web che resultan máis interesantes e útiles.