spot_img
InicioRevistasCOUSAS DE - A túa revistaA revista COUSAS DE despídese despois de máis de 15 anos de...

A revista COUSAS DE despídese despois de máis de 15 anos de vida compartida

cousas-de-a-revista-despidese-despois-de-mais-de-15-anos-de-vida-compartidaHoxe toca pechar esta páxina contando algo que sempre vimos afastado, e é que o andar da revista Cousas de termina aquí, tamén nos seus dominios dixitais.

Que difícil escribir unha despedida que mestura orgullo, añoranza, ilusión compartida e melancolía. Que difícil pechar 15 anos de buscar, perderse, atoparse… Que difícil describir nunhas poucas liñas os paso andados.

Foi nos primeiros meses do 2010 que saía do prelo a primeira edición de Cousas de cunha cabeceira dedicada A Estrada. Dende entón, foron protagonistas nas páxinas da noisa revista, mulleres e homes que brillaron e brillan na actualidade nos seus correspondentes campos, moitas das asociacións que traballan polo benestar dos demáis, agrupacións musicais, etc., dando voz tamén a unha longa lista de persoas coñecedoras da nosa cultura e arte, grazas aos cales coñecemos un pouco máis da nosa historia

O novo medio de comunicación que nacía, creouse coa idea de compartir nas súas páxinas, información de carácter máis local, tanto sobre temas máis xerais, como sobre a súa actualidade e co ambicioso obxectivo de poñer en valor principalmente, todo aquilo que se estaba facendo no eido social e cultural no territorio que abarcaba cada publicación.

Escrito integramente en galego o seu obxectivo foi sempre combinar actualidade con artigos e reportaxes que permitisen un maior coñecemento do noso patrimonio, medio natural, tradicións, etc., principalmente da provincia de Pontevedra e poñendo o foco ante todo nas persoas.

Despois de tantos anos, houbo cambios neste proxecto e con eles, avances que se xestaron, superando non poucas dificultades e por que non dicilo?, tamén erros. Non podería ser doutra maneira, Cousas de é un cúmulo de procesos que xerminaron nas mans de quenes participaron, dirixindo ou colaborando neste proxecto que foi crecendo co paso dos anos.

O camiño non foi sinxelo, mais hoxe, quince anos despois daquel momento, podemos subliñar que Cousas de, arraigou no corazón de moita xente, estando moi presente en centos de fogares da provincia, sendo distribuída principalmente  a través de preto dun centenar de puntos autorizados e por suposto tamén presente nas Bibliotecas, Arquivos, Asociacións (culturais, sociais ou empresariais), Concellos, etc.

15 anos nos que quixemos estar preto de ti

Mesmo nos primeiros meses da pandemia e do conseguinte confinamento, fixemos todo o posible por levar a revista aos nosos lectores, contando coa complicidade de moitísima xente, por exemplo as praceiras e praceiros dos diferentes Mercados da provincia.

15 anos compartindo, actualidade e reportaxes e poñendo sempre o foco no ámbito do social e cultural, na colaboración transfronteiriza, no coñecemento do noso patrimonio natural e cultural, na educación, e sempre con especial atención ás asociacións que traballan por mellorar a vida das persoas.

Cousas de pecha as súas portas oficialmente, pero os recordos, aprendizaxes e logros destes anos permanecerán sempre vivos

Cousas de despídese hoxe tamén con tristeza, mirando desde hai tempo como o panorama mediático e informativo mudou considerablemente non só en Galicia, senón tamén no mundo enteiro, cunha presenza cada vez maior de loias a través das redes sociais e onde o que conta, principalmente son os “cliks”. No seu ensaio de 1980 “O culto á ignorancia”, Isaac Asimov adviertió que non basta con proclamar o dereito á información se quen o exerce non ten as ferramentas para entendela. De que serve unha prensa libre cando as palabras longas asustan e os matices confunden?. Ler, e máis aínda, comprender e cuestionar, vólvense case uns actos subversivos.

Dicimos un “ata sempre!” con tristeza, si, pero cun gran orgullo compartido con todas e cada unha das persoas empresas e institucións que o fixeron posible.

 

Texto extraído en parte, do Editorial publicado no derradeiro número da nosa revista

- Publicidade -spot_img

[adrotate group="3"]
[adrotate group="2"]
[adrotate group="4"]
[adrotate group="5"]

Información das cookies

Este sitio web utiliza cookies para que poidamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies gárdase no teu navegador e realiza funcións como recoñecelo cando volves ao noso sitio web e axudar ao noso equipo a comprender que seccións do sitio web che resultan máis interesantes e útiles.