spot_img
InicioPontevedra e ÁreaPontevedraA louza de Sargadelos. Historia dunha Real Fábrica en Galicia

A louza de Sargadelos. Historia dunha Real Fábrica en Galicia

a-louza-de-sargadelos-historia-dunha-real-fabrica-en-galiciaFundada polo fidalgo asturiano Antonio Raymundo Ibañez, Sargadelos foi a primeira fábrica de louza moderna creada en España por iniciativa empresarial de carácter particular.

Revista Cousas De Nº20

Pinceladas históricas

Foi en 1804 cando en Sargadelos, parroquia do municipio de Cervo, na provincia de Lugo, levantouse a que foi a primeira fábrica de louza moderna creada en España por iniciativa empresarial de carácter particular. Pioneira na introdución no noso país do sistema de fabricación de louza fina, acabaría converténdose nun dos centros cerámicos de referencia no panorama industrial do século XIX en España e o máis importante dos que existisen en Galicia.

a-louza-de-sargadelos-historia-dunha-real-fabrica-en-galicia

Fundada polo fidalgo asturiano Antonio Raymundo Ibañez, respondía os desexos de expansión duns negocios que tiñan a súa orixe máis próxima na xa asentada fábrica de fundición, establecida desde 1791, e que ocupaba o mesmo recinto no que se construíron as instalacións destinadas á produción de pezas cerámicas. Un emprazamento privilexiado no que se atopaba todo o necesario para o inicio dun proxecto empresarial, cuxo obxectivo principal non era outro que o poder competir coas manufacturas do mesmo xénero que por entón se importaban desde o estranxeiro, ofrecendo á público louza fina de calidade a imitación da inglesa, con modelos, formas, deseños e decoracións novas e un acabado final aparente no que á utilidade sumábase a elegancia e un prezo de mercado alcanzable.

a-louza-de-sargadelos-historia-dunha-real-fabrica-en-galicia

O recoñecemento oficial da calidade dos seus produtos por parte da Xunta Suprema do Reino de Galicia chegaría en 1810, o mesmo ano no que comezou con éxito a súa comercialización, estendendo os puntos de venda á capital española onde os membros da clase burguesa, os seus principais clientes, comezaron a adquirir as pezas cerámicas ofrecidas nos correspondentes catálogos de vendas.

O despegamento da factoría chegará, tras uns anos de altibaixos económicos, en 1845, momento no que se inicia a que será a súa etapa de máximo esplendor. A compañía encargada da explotación da fábrica de louza desde 1848, Luís da Riva e Compañía, será a responsable da introdución dunha importante modernización técnica baseada no modo de facer das fábricas inglesas da época. Baixo a dirección do inglés Mr. Edwin Forrester Heath, natural de Staffordshire, e coa incorporación de novos operarios especializados procedentes de distintos centros cerámicos de Europa, Sargadelos introducirá as últimas novidades en técnicas decorativas -decorado mecánico ou estampado- e tamén na elaboración de pastas, dunha calidade moi superior ás que se usaron ata ese momento.

a-louza-de-sargadelos-historia-dunha-real-fabrica-en-galicia

Un período de éxito, cunha produción diaria de 104 fornadas, no que se ofrecerán pezas dunha gran variedade de formas e deseños (vaixelas, xogos de café, té e chocolate, xerras, vasos, pezas de escritorio, aseo e tocador, figuras decorativas e botes de farmacia) ademais dun amplo abanico de motivos decorativos. Unha constante que se manterá ata 1866, data na que se paraliza a produción ata 1873, momento no que se inicia a que sería a cuarta e última etapa da factoría. Un período complicado desde o punto de vista económico, no que non haberá especiais contribucións con respecto á etapa anterior, limitándose a reproducir o que entón se facía ou a vender produtos en stock.

O peche definitivo da Real Fábrica prodúcese en 1875. Case cen anos despois, en 1972, as ruínas das antigas fábricas, o pazo de Ibañez, a casa da Administración, a presa e a canle foron declarados Conxunto Histórico-Artístico.

Formas e series decorativas

A historia da Real Fábrica divídese en catro épocas, cada unha das cales se caracteriza por un determinado tipo de louza e motivos decorativos, así como un selo ou marca de fábrica específico.

As primeiras pezas saídas dos fornos de Sargadelos na que sería a súa etapa inicial (1806-1832) eran de tipo inglés, as chamadas “cream ware”, facilmente recoñecibles……

SE QUEREDES SABER MÁIS, CONVIDÁMOSVOS A QUE LEADES A REPORTAXE COMPLETA NO NÚMERO 15 DA NOSA REVISTA. 

 

Por Natalia Fraguas Fernández

Conservadora do Museo de Pontevedra

- Publicidade -spot_img