Inicio Pontevedra Baixo Miño Unha exposición de obxectos tradicionais complementará a visita dramatizada ao Arrabal 

Unha exposición de obxectos tradicionais complementará a visita dramatizada ao Arrabal 

Veciñas e veciños de Oia protagonizan unha visita dramatizada ao ArrabalUnha exposición realizada grazas á recompilación de obxectos tradicionais complementará a oferta de actividades culturais que se desenvolverán na fin de semana do 1 e 2 de xuño con motivo da visita dramatizada protagonizada polas persoas participantes no obradoiro de teatro “6×6 Punto de encontro O Arrabal: historias non escritas”.

A mostra reunirá obxectos cedidos pola veciñanza, entre os que se atopan ferramentas de carpintería, apeiros de labranza, elementos relacionados co tecido da lá e do liño, fotografías, documentos e xornais antigos, entre outros. Todos eles gardan algún tipo de relación coas historias “non escritas” que se representarán durante a visita dramatizada e que falan do patrimonio inmaterial e a memoria colectiva de Oia.

Baixo o título “O Arrabal, historias non escritas”, a proposta expositiva partirá do material para explicar o inmaterial, facendo fincapé nas historias locais que manteñen unida á comunidade e que inclúen desde contos e lendas ata costumes e tradicións que xa non se practican. Ao mesmo tempo, renderase homenaxe a figuras clave da cultura galega, como Rosalía de Castro e Castelao.

A mostra permanecerá exposta na Oficina de Turismo de Oia desde o sábado 1 de xuño e poderá visitarse durante todo o mes no horario de apertura das anteditas instalacións.

Catálogo

Ademais da montaxe da propia mostra, a iniciativa inclúe a edición dun catálogo onde se explican os obxectivos da actividade e onde tamén se reúnen os textos das diferentes pezas dramáticas a representar pola veciñanza. Deste xeito, poderase entender a relación entre as pezas que se exhiben e o espectáculo das artes escénicas. O catálogo estará accesible en formato papel e tamén en PDF a través de código QR para consultar desde o teléfono móbil.

Tanto a exposición como o catálogo son iniciativas organizadas pola Asociación Costa dos Castros, a cal solicitou financiamento á Deputación de Pontevedra dentro da liña de subvencións para a Dinamización da Lingua do ano 2019.

Historias non escritas

O obradoiro de teatro veciñal está organizado polo Concello de Oia e impartido pola Artística Teatro e Danza entre os meses de febreiro e maio. A raíz do proceso de análise e reflexión sobre o patrimonio inmaterial e a memoria colectiva desenvolvidos coa veciñanza participante no obradoiro, elaboráronse varias pezas teatrais que serán representadas o vindeiro domingo 2 de xuño a partires das 19.00 horas en diversas localizacións emblemáticas do barrio do Arrabal.

Ademais, o barrio acollerá unha programación complementaria composta por un espectáculo infantil, postos de artesanía local e música de cantos de taberna. Toda esta actividade desenvolverase nunha contorna cunha ambientación moi especial, pois a decoración estará elaborada polo alumnado dos colexios do municipio.

- Publicidade -

ÚLTIMA REVISTA

+ VISTOS

SÍGUENOS

680FansGóstame
282SeguidoresSeguir

ETIQUETAS

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies