♦A reportaxe de Suso Vila foi publicada número 4 da revista
O teatro é un lugar de lecer, para divertirse, abraiarse, pasa-lo tempo. Aínda que se quiso ver no Teatro un espazo para o exemplo, a doutrina, a aprendizaxe das ideas do momento, ao fin o espazo teatral foi un lugar onde recrearse fóra do duro traballo
O Teatro Principal de Tui amosa os cambios políticos e sociais do século XIX. É un exemplo da procura dun novo espazo social que suplantaría á mesma igrexa como centro da sociedade do Antigo Réxime.
Construir un Teatro no era tarefa fácil. Resultaba caro e difícil de manter. O século XIX é o ascenso da burguesía ao poder, cousa que lle permite acadar unha vella arela de distinción social: contar cun teatro permanente. Xa non serían os corrais, prazas públicas ou casas maltreitas.
O deseño do edificio partía da élite, da cultura, o arquitecto e os seus coñecementos, as necesidades e desexos de reflectir na riqueza ornamental e o luxo do teatro o seu estatus social. Pero para chegar a esta riqueza ou simulación do fastuoso era preciso o diñeiro, por iso mesmo as élites urbanas chegaban a implicar aos concellos vendendo o teatro como un proxecto colectivo necesario para o progreso social e incluso como un instrumento de financiación da beneficiencia local.
En Tui as principais familias traballarían desde 1842 para lograr a construcción dun teatro ao seu gusto e desexos. Van conseguir a intervención dun dos mellores arquitectos de Galicia neses momentos, Faustino Domínguez, para deseñar a complexa planta dun edificio teatral. En 1844 o teatro está rematado acadando a implicación de case toda a burguesía local, nun fito único en Galicia. O Concello colaboraría para evitar que a iniciativa fose malograda nun mal inverno.

Sorprende o resultado tendo en conta o papel marxinal que ten Tui. Perde a capitalidade de provincia en 1833 e non é unha cidade puxante no económico máis ben mostra un prolongado estancamento desde o século XVII.
Cómo é posible que o interese das élites fose capaz de lograr algo que noutras vilas e cidades galegas custou moito máis?
Tui mantivo ao longo do século XIX e principios do XX unha forte dinámica cultural que lle permitiría manter un escenario teatral con bastante dignidade. A fronteira marcaría o ritmo de moitas compañías ao longo de 150 anos. A ópera só dispoñible en grandes cidades tiña Tui como punto de referencia nas súas viaxes entre Vigo e Porto. Non debemos esquecer o papel que Valença ofrecía un público potencial para moitos espectáculos froito dos intercambios culturais a un lado e outro da fronteira.
Ao longo de 150 anos de historia o Teatro Principal foi escenario da vida pública de Tui. Un dobre escenario poderiamos dicir. Non só debemos contar o espazo da escena para o espectáculo tamén as butacas repartidas no patio, palcos, proscenios e galerías. O interior do Teatro estaba deseñado para ver e escoitar o que acontecía sobre o escenario pero tamén para ver ao público e ser vistos, falar dos veciños, cotillear, facer crítica política. Así o teatro convertíase nun espazo de socialización completo.
O Teatro Principal representa a historia cultural dun pobo, non só o de Tui, onde se desenvolveron numerosas experiencias culturais que explican a evolución da nosa sociedade ao longo de máis de cen anos.
O proxecto de recuperación do Teatro Principal polo arquitecto Cesar Portela non é unha simple proposta de rescate histórico, é unha proposta de rehabilitación social e cultural que afecta ao conxunto histórico de Tui. Que o Teatro volva ser un escenario vivo para ver e ser visto, para entender a cidade histórica pero tamén o instrumento do futuro de Tui.
Arquitectura
O deseño de Faustino Domínguez en 1842 amosaría as consideracións e reflexións sobre como debía ser un teatro para que tivese a mellor experiencia acústica e visua
O teatro de Tui conta cunha planta que tende a un gran cadrado. No seu interior conta cun perímetro pétreo en forma de elipse que encerra o patio de butacas e palcos, esta elipse permite acadar unha acústica de excelente calidade. A este tipo de modelos chámaselle “á italiana” por estar destinados desde o barroco á ópera en Italia de onde se toma o modelo escenográfico.

O teatro tiña diversas ornamentacións que enriquecían o seu aspecto e ficaban ligadas á tradición da pintura italiana no teito e no arco da embocadura do escenario.
Hoxe o principal ornamento que conservamos é o telón de boca realizado por Benigno Lorenzo en 1891 para os Xogos Florais, un dos mellores do seu tipo en España.
Os Xogos Florais
“24 de Xunio de 1891… Tuy, á mais antiga cibdá d’a terra gallega, foy a pirmeira que tivo á groria d’ainnaugurar n’ela á groriosa Institución d’os Xogos Froraes”, Alfredo Brañas pronunciaría estas palabras no evento cultural máis importante que tivo lugar no Teatro Principal de Tui.
A reportaxe completa a podedes ler no seguinte enlace:
*Suso Vila é Doutor en Historia do Arte pola Universidade de Santiago de Compostela





