spot_img
InicioBaixo MiñoA GuardaUn total de 13 proxectos ligados ao mar aspiran ás axudas do...

Un total de 13 proxectos ligados ao mar aspiran ás axudas do Galp Ría de Vigo – A Guarda

Embarcación para a pescaturismo en Baiona
Embarcación para a pescaturismo en Baiona

As iniciativas, seis produtivas e sete non produtivas, buscan impulsar a remuda xeracional, a sostibilidade ou a innovación no sector

A xunta directiva do Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) da Ría de Vigo – A Guarda vén de aprobar a proposta definitiva de concesión de axudas da última convocatoria, tras superarse o período de alegacións, para 13 proxectos dos concellos de Soutomaior, Baiona, Vigo, Nigrán, Moaña, Redondela e Cangas. Agora, será a Consellería do Mar quen resolva a adxudicación destas axudas.

As iniciativas, seis de carácter produtivo e sete de non produtivo, axústanse á Estratexia de Desenvolvemento Local Participativo (EDLP) da entidade, coa que se busca mellorar a competitividade do sector, crear emprego, aumentar o valor engadido dos produtos pesqueiros, innovar na cadea de subministro, coidar o medio e promover a cultura mariñeira.

Proxectos produtivos

As axudas financiarán entre o 40% e o 80% do investimento a realizar nos proxectos produtivos. É o caso da iniciativa de Severino Casal, centrada na pescaturismo, que opta ao 80% de financiación pública. Con ela busca diversificar a economía local de Baiona á vez que revaloriza a cultura mariñeira e fomenta a pesca artesanal, a xestión sostible do medio ambiente e o consumo responsable dos produtos pesqueiros.

Entre os proxectos produtivos atopamos tamén, no mesmo concello, o de Veruela 2000 co que se quere crear un produto turístico baseado na práctica de deportes náuticos que se beneficie do patrimonio cultural, pesqueiro e marítimo da nosa ría. A divulgación da riqueza medioambiental será unha peza fundamental para esta proposta, ao igual que para Nigrán Skate and Camps que promocionarán o coidado e a preservación do patrimonio medioambiental e cultural pesqueiro, acuícola e marítimo coa finalidade de reforzar a súa identidade territorial mediante a realización de actividades deportivas, náuticas e de formación específica con escolares, turistas e particulares.

Por outra banda, vencelladas á mellora do valor engadido dos produtos, sitúanse as iniciativas de HQ Seaweed, Frigoríficos de Vigo e Gandón. A primeira delas versa sobre a elaboración de produtos a partir de algas mellorando o seu envasado e etiquetado. No segundo caso, con este novo proxecto, Frigoríficos de Vigo pretende realizar melloras en materia de eficiencia enerxética e seguridade alimentaria, incorporando un compresor estacionario rotativo de aire ou unha cámara de videovixilancia. Respecto á empresa canguesa, buscan mellorar a súa competitividade a través da dixitalización dos procesos de control de seguridade, a vixilancia das instalacións e a utilización de enerxías renovables.

Proxectos non produtivos

En canto ás porcentaxes de axudas aprobadas para os proxectos non produtivos, estas van desde o 90% ata o 100%. As que optan á maior porcentaxe son as de Asociación Mar Seguro de Galicia, que consiste na creación dun portal de emprego que axude á remuda xeracional no sector pesqueiro e facilite a incorporación de mulleres e xente nova; e a da Asociación de Familiares de Persoas con Alzheimer do Morrazo (AFAMO), que trata dun proxecto de intervención a través da cultura da música mariñeira co obxectivo de manter e mellorar as funcións cognitivas e as capacidades físicas e funcionais dos seus usuarios e usuarias, ademais da conservación do patrimonio inmaterial do mar.

Ligada tamén a este propósito, está a proposta da Asociación Mar da Pedra de Amigos da Gamelas sobre a recompilación de acepcións e termos en lingua galega sobre a navegación tradicional e de lecer.

Cos ollos postos no coidado do medio mariño, a Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (CEMMA) presentou a súa iniciativa para actualizar e poñer en marcha o Plan de Voluntariado de apoio á Rede de Varamentos e o Club Deportivo Salitre, desde Redondela, o seu proxecto para o desenvolvemento de actividades sostibles de ocio e culturais na Enseada de San Simón.

No tocante á administración, o Concello de Moaña concorre a esta convocatoria de axudas con ‘Moaña, un mar de mulleres’, un plan co que poñer en valor o traballo das mulleres no mar, visibilizando a súa contribución ao desenvolvemento do sector e ao patrimonio pesqueiro.

Pola súa parte, a Confraría de Pescadores San Francisco de Vigo aspira a crear un Centro de Expedición na Nova Lonxa de Canido e a mellorar a comercialización dos seus produtos.

O GALP celebra a súa Asemblea Xeral

Este mércores pola tarde o GALP Ría de Vigo-A Guarda celebrou a súa Asemblea Xeral para presentar as accións desenvolvidas durante o ano pasado, así como o balance de contas. Púxose tamén enriba da mesa a relación de actividades a poñer en marcha este 2022 e déuselle a benvida a unha nova entidade socia, o Club Social Moaña Mar.

- Publicidade -spot_img