Inicio Pontevedra Traducida ao galego a obra poética infantil de Stevenson o autor de...

Traducida ao galego a obra poética infantil de Stevenson o autor de ‘A illa do tesouro’

traducida-ao-galego-a-obra-poetica-infantil-de-stevenson-o-autor-de-a-illa-do-tesouro

A filóloga viguesa Celia Vázquez traduce por primeira vez ao galego a obra poética infantil de Stevenson, autor de ‘A illa do tesouro’. O libro inclúe os textos orixinais e traducidos de ‘A Child’s Garden of Verses’

Con A illa do tesouro (1883) conquistou a miles de lectores de todo o mundo e, dende entón, a obra novelística do escritor escocés Robert L. Stevenson pertence xa ao imaxinario adolescente colectivo, pero este éxito das súas novelas relegou a un segundo plano a súa obra poética, sobre todo fóra da súa Gran Bretaña natal. Consciente desta realidade Celia Vázquez, profesora da Facultade de Filoloxía e Tradución e crítica literaria, acaba de publicar Stevenson e a tenrura da súa poesía infantil, un libro no que recolle, en versión inglesa e galega, os poemas de A Child’s Garden of Verses (1895), obra na que o autor reuniu o conxunto das súas poesías infantís. “Quixen rescatar a poesía que escribiu para nenos, que nin sequera está traducida na súa totalidade ao castelán”, explica Vázquez, para quen a figura de Stevenson é moi interesante dende o punto de vista biográfico.

O libro non é só un conxunto de poemas bilingües, senón que inclúe varios capítulos introdutorios onde se examinan polo miúdo aspectos biográficos do artista e a súa bibliografía, e sobre como a propia Celia Vázquez afrontou a tarefa da tradución, tendo así unha dobre lectura para nenos e para adultos.“Non podía deixar pasar esta oportunidade de mostrar como Stevenson plasma nos versos o modo que teñen os nenos de concibir o mundo”, subliña a autora da obra. A Child’s Garden of Verses é unha das obras do escritor Robert L. Stevenson menos coñecidas polo público de fala non inglesa, ao igual que a maioría das súas creacións poéticas e os seus ensaios. “Estamos ante unha poesía fascinante que xorde dun poeta con alma de neno, unha poesía soñadora e marabillosa”, relata Celia Vázquez, que explica que ao final o libro pasou a ser algo máis que unha sinxela tradución, “pois a miña condición de profesora e investigadora sempre me leva máis lonxe”, explica a autora.

Máis tempo para dedicarse á escritura

A docente recoñece que comezou coa tradución da obra hai bastantes anos, “pero naqueles momentos a preparación das clases, a docencia e a dirección do Departamento de Filoloxía Inglesa, Francesa e Alemá eran máis prioritarios”, explica, así que non foi ata este momento cando o texto puido ver a luz da man do Servizo de Publicacións da Universidade. Por este motivo, o de seguir escribindo, a filóloga decidiu pre xubilarse da docencia, aínda que mantén vinculación coa Universidade posto que dirixe varias teses de doutoramento e imparte clases nun mestrado. Inmersa na tarefa da escritura e publicada xa esta obra, Vázquez prepara agora unha colaboración para unha biografía sobre o novelista Tom Sharpe e pensa xa en novas publicacións.

A presentación oficial e formal do libro aínda non tivo lugar, comenta Vázquez, “pero a miña idea é que se faga nalgunha librería e invitar a todas aquelas persoas interesadas na literatura infantil e na figura de R.L. Stevenson”, confirma.

Traducir poesía, unha tarefa delicada

A autora afronta a tradución do poemario como un reto, pois antes de facelo, explica, “é preciso escoitalo para coñecer o seu ritmo, comprendelo, analizar a súa forma, o seu ser estético, de que recursos bota man, etc.” Para isto segue os pasos de autores como Roman Ingarden ou Gloria Prado coa intención de aproximarse ao texto e descifralo. Insiste Vázquez en que cando se aborda unha tarefa destas características, inténtase conseguir que a tradución sexa o máis semellante á voz e ao sentimento auténtico do escritor, sobre todo para que chegue aos nenos e nenas a sonoridade e musicalidade das rimas do poeta, “trasladar ao galego a mesma impresión de fascinación dos versos orixinais coma se estivera escrito por Rosalía de Castro”, asegura na introdución do libro.

O contido da obra, un reflexo da infancia do escritor

A profesora fai tamén na súa obra unha chamada de atención sobre as ilustracións, que conforman un tándem perfecto co texto, así como sobre varios dos capítulos da obra, que deixan entrever a fraxilidade do escritor e a súa necesidade de construír mundos que o afasten da realidade. “Cada poema achéganos ás emocións da infancia, ás dúbidas, aos medos e á fantasía, abundan os que recordan a súa enfermidade, pero o seu tema favorito son as aventuras de viaxes, especialmente as que ocorren no mar”, subliña Vázquez. A obra está composta por infinidade de exemplos que axudan a lembrar a nenez: o amigo invisible, a fuxida das sombras propias, o rexeitamento á cama… e nela tamén ten espazo para lembrarse da persoa que o coidou de neno, a quen dedica varias poesías. “Trátase dunha poesía da que se desprende a influencia da herdanza cultural celta, que o propio Robert Stevenson recoñecía abertamente”.

Unha lírica con carencia de traducións

Stevenson publicou catro libros de poesía en vida e outro póstumo Songs of travel and other voices, “non hai dúbida de que é bo poeta pero se o comparamos con Borges, Pound ou Cernuda é mellor consideralo un gran novelista”, asegura a autora do libro, quen subliña que apenas hai bibliografía especializada sobre a lírica do escritor, nin sequera en Gran Bretaña, e as traducións ao castelán son moi escasas, “unha das mellores a feita por Javier Marías, titulada De vuelta al mar”, confirma a filóloga.

DVigo/Leticia Castro

- Publicidade -

ÚLTIMA REVISTA

+ VISTOS

SÍGUENOS

680FansGóstame
290SeguidoresSeguir

ETIQUETAS

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies