A Serra do Galiñeiro alberga unha peculiar riqueza patrimonial, material e inmaterial
É a raíña da paisaxe. Sorprende a quen a observa por vez primeira pero tamén a quen convive con ela diariamente. A Serra do Galiñeiro, que toma o seu nome da súa crista granítica, érguese digna entre os termos municipais de Vigo, Gondomar, O Porriño, Mos e Tui. As súas dimensións impresionan, na distancia e ao pé de calquera dos cumios que a coroan a 700 metros de altura, o pico do Galiñeiro e o do Zorro.
Sempre observadora, omnipresente na distancia, esténdese a través de dez quilómetros de lonxitude e sitúase a tan só seis quilómetros do mar, feito que lle outorga unha particularidade máis que sumar ás múltiples que xa posúe.
Fonte de sustento
Dende tempos inmemoriais foi fonte de sustento, gorecendo á veciñanza de leña e auga, recurso do que conserva amplas reservas dado o seu privilexiado emprazamento que lle permite frear os ventos húmidos, ademais de albergar o nacemento de ríos como o Zamáns e o da Fervenza.
Biodiversidade singular
Serve, ademais, de espazo para o pastoreo de gando e para o cultivo de cogomelos. Conserva unha singular biodiversidade, con valiosas formacións vexetais como a carrasqueira húmida atlántica e especies endémicas como o pequeno toxo Ulex micranthus, a azulenta papuda, a rá patilonga ou o cabalo galego do monte, en perigo de extinción e protagonista dos tradicionais curros de Vincios e Morgadáns.
Historia xeolóxica única
A peculiar orografía da Serra do Galiñeiro, froito dunha historia xeolóxica única, dótana de valores tectónicos difíciles de atopar máis alá dos seus dominios, como a Cova da Becha, a Lapa da Moura ou a Touba do Brión.
O máis grande de Europa
No patrimonio arqueolóxico e etnográfico destacan as mámoas e petróglifos, sendo a Auga da Laxe o gran referente por considerarse un dos máis importantes de Galicia e o maior gravado de armas de Europa, con 12 metros de longo e cinco de ancho. A montaña tamén contén vestixios dunha antiga fortaleza de gran extensión, muíños de auga, presas… E un patrimonio inmaterial ateigado de personaxes míticas, como a Vella do Arruído, contos, lendas como a do Coto Furado ou topónimos, cantigas, oficios e un longo etcétera, expresións e manifestacións que constrúen a identidade cultural e social dun pobo.
Estas singulares características, unidas ao seu atractivo como espazo de lecer e de obrigada visita para montañeiros, escaladores e espeleólogos, convértena nunha paisaxe de valor incalculable.
Declaración como Parque Natural
Sobran razóns para protexer esta montaña e así se recolle en Cartografías Sensibles (vincios.org), un proxecto promovido Pola Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Vincios que achega a través da Rede o patrimonio material e inmaterial da Serra do Galiñeiro e da parroquia para a súa defensa, divulgación e posta en valor.
E sobran razóns para declarar esta formación xeolóxica Parque Natural, como solicitan dende a Plataforma pola Protección da Serra do Galiñeiro (serragalinheiro.wordpress.com), integrada por corenta entidades, e secundan centos de persoas que amosan o seu apoio en cada actividade convocada por este organismo, co obxectivo de preservar este tesouro natural e cultural, seriamente ameazado pola instalación dun parque eólico que contempla a instalación de 13 muíños cunha potencia total de 39 megawatts e unha inversión de 45,8 millóns de euros.
Afonso Rodríguez, un dos voceiros da plataforma, asegura que o proxecto “está en fase de avaliación” e destaca que veñen de presentar máis de 5.000 alegacións individuais, ademais da emitida pola propia entidade. “Solicitamos que a Serra do Galiñeiro se declare Parque Natural para protexela de actuacións irreversibles e evitar que novas empresas presenten proxectos para unha posible explotación mineira a ceo aberto, de granito ou ‘terras raras’, elementos químicos moi valiosos pola súa aplicación nas novas tecnoloxías, pero que de extraerse, esnaquizarían fisicamente O Galiñeiro”.