spot_img
InicioPontevedra e ÁreaPontevedraPontevedra acolle a presentación do documental '20 anos de dignidade' promovido pola...

Pontevedra acolle a presentación do documental ’20 anos de dignidade’ promovido pola plataforma Nunca Máis

Pontevedra acolle a presentación do documental '20 anos de dignide' promovido pola plataforma Nunca MáisO vindeiro domingo 13 de novembro, ás 12 horas, no Pazo da Cultura de Pontevedra, será presentado e proxectado ao público o documental 20 anos de dignidade, unha nova peza audiovisual dirixida por Xosé Aragunde, e que conta co apoio da plataforma Nunca Máis.

Revista COUSAS DE Nº15

A obra recolle testemuñas de diferentes persoas que participaron de xeito directo na xénese de Nunca Máis, mais tamén da xente do mar que posúe unha visión directa da catástrofe acontecida nas costas galegas hai agora dúas décadas, achegando un balance destes últimos vinte anos.

O acto de presentación, celebrado esta semana desde o mesmo Pazo da Cultura da Boa Vila, contou coa presencia de concelleira de Cultura da cidade, Carme Fouces, que lembrou «o cúmulo de decisións erradas» que se tomaron durante e despois do afundimento do Prestige. «Alén disto, este acontecemento demostroulle ao mundo o que o pobo galego é quen de facer. Demostrámonos a nós mesmas que somos capaces de plantarnos diante de quen sexa e reivindicar a nosa vida e o que significa para nós o noso país».

«Estamos hoxe aquí para falar de como están as cousas a día de hoxe», sinalou a concelleira. «Hai unha cuestión que me leva dando voltas estes días, lembrando os rexistros que agora van saíndo, e todas aquelas burradas e decisións que se tomaron se están tomando igual ao respecto do cambio climático. Hai unha xente que segue a tomar decisións baseadas só en criterios económicos, en contra do que é a defensa da vida e do planeta e das persoas. O Prestige, 20 anos despois, o seu espírito segue presente, mais nós tamén seguimos como pobo, recordando e reivindicando, inxectando esperanza para seguir»

Pola súa banda, Uxía Senlle, unha das voceiras da plataforma, indicou a importancia de «recapitular, de pensar como chegamos até aquí e de tentar saber que pouso deixou este movemento social, esta plataforma que foi Nunca Máis». Senlle sinalou que a corrente xerada naquel intre foi o movemento máis aberto, máis plural e máis inclusivo e transversal da historia recente da Galiza. «Creo que todas temos un remuíño de imaxes en branco e negro, pero tamén unha serie de imaxes a cor da sociedade que lle plantou cara ao desastre e á incompetencia cunha paixón e cunha determinación que non esqueceremos na vida».

«Na nosa retina quedará para sempre gravada a nosa dignidade, e moito máis nesta efeméride», explicou Uxía. «Son momentos que quedan prendidos para sempre. Aprendemos moitísimo a través de longas xornadas de reflexión, con distintos sectores (a comunidade do mar, a científica, o ensino…) todos unidos baixo a mesma plataforma Nunca Máis. Lembramos a solidariedade inmediata a través dun voluntariado que chegou e que ondeaba as bandeiras de Nunca Máis que viaxaban nunha maleta chea de material revolucionario, mais tamén chea de esperanza. Coido que rompemos clichés. Creo que amosamos unha cara pouco coñecida, a dunha Galiza en pé de guerra, desafiante, sen pelos na lingua, apoiada e avalada por todos os sectores posíbeis. A día de hoxe debemos sentir orgullo e creo que hoxe podemos seguir pensando en cambiar políticas feitas contra a nosa dignidade e a natureza. A bandeira de Nunca Máis representábanos moi ben: era o símbolo de unión dun pobo contra o desleixo, contra o silencio e o inmobilismo. Vinte anos despois debemos ondeala con alegría e orgullo».

Presente tamén e actuando como segundo voceiro nesta xornada, Xaquín Rubido, Xocas, membro da Plataforma en defensa da ría de Arousa, quixo lembrar que grazas ás mobilizacións de Nunca Máis e do pobo galego «conseguimos avances en seguridade marítima» mais cómpre seguir tendo en mente as eivas neste ámbito e se é factíbel pensar que algo parecido volvese acontecer.

«Cremos que se avanzou, grazas ao labor realizado, e foi unha unha conquista da presión soccial promovida por Nunca Máis, pero hai certas cuestións que seguen sendo tendóns de Aquiles para a seguridade marítima e para o futuro», sinalou Rubido. «O perigo é obvio: vén do mar, do tráfico diario que se produce nas nosas costas. Cen buques que pasan diante de nós, dos que 35 son de mercadorías perigosas, e 15 deles son de bandeiras de conveniencia, bandeiras de libre matriculación. O perigo está aí».

«Entendemos que deberíamos ter máis información, que deberíamos de ter a disposición os datos públicos sobre o mar, sobre os buques que pasan por Galiza. É unha esixencia moral e cívica que estes datos se fagan públicos. Cantos buques foron sancionados administrativamente ou penalmente dos que pasaron polas nosas costas?», continuou. «Outro asunto, a tratar, e a pesar de que Rajoy diga que non hai osíxeno á profundidade na que está o pecio… e que os científicos xa demostraron que si… É esa corrosión á que esta sometido. Sabendo que hai 1.100 toneladas de fuel no pecio, é obrigado baixar até alí e controlar as fugas e ver se hai novas fugas para selalas. Isto é necesario».

Desde a plataforma tamén se sinalou que as bandeiras de conveniencia é un asunto que debe ser tratado co fin de que haxa unha correspondencia entre o propietario dun buque e a bandeira que ondea no pavillón. «Son como paraísos fiscais no que respecta ao diñeiro, pero no transporte marítimo. Menor regulación, menor control, taxas máis baixas, tripulacións pouco formadas e por tanto máis baratas e cun demostrado índice maior de accidentes marítimos. É crucial resolver este asunto para resolver a problemática da nosa seguridade marítima, xunto do control do Dispositivo de Separación de Tráfico de Fisterra».

Rubido quixo facer fincapé nas declaracións aparecidas hai escasos días dalgúns responsábeis políticos e técnicos durante o afundimento. «Son uns desalmados ao dicir que farían o mesmo. Desgárrame, non sei explicalo. Son uns jetas, uns caraduras», explicou. Dicir que farían o mesmo? Que tomarían as mesmas decisións? Converteron o accidente nunha catástrofe. Eses señores que saen agora a defender a súa xestión son uns caraduras e non deberían atreverse despois do acontecido a dicir semellantes parvadas. Está o Partido Popular en sintonía con esas tonterías? Podería ser outro partido, pero foron eles, o PP ten unha débeda con este pobo, e é pedir desculpas e recoñecer a súa responsabilidade e non dicir coa boca pequena que houbo erros. Con esa frase non se tapa o buraco que se fixo co Prestige».

Outras reivindicacións seguen vixentes hoxe, vinte anos despois, como a de Galiza ter competencias en materia de salamento marítimo e loita contra a contaminación mariña: O “caso Prestige” demostrou como a centralización das decisións en Madrid non só non resolveu, senón que agravou o problema. Temos unha singularidade no noso litoral, no noso clima, e na densidade de embarcacións que operan nas nosas augas que historicamente nunca se tivo en conta dende Madrid.

Tamén a demanda dun servizo de salvamento marítimo público, non dependente de empresas privadas, e por tanto que non entenda o salvamento como un negocio lucrativo, tal e como aconteceu hai 20 anos, e como se mantén aínda a día de hoxe.

- Publicidade -spot_img