spot_img
InicioPontevedra e ÁreaPontevedraPont-Up Store premia as mellores iniciativas empresariais nunha edición sostible, innovadora e...

Pont-Up Store premia as mellores iniciativas empresariais nunha edición sostible, innovadora e igualitaria

Pont-Up Store premia as mellores iniciativas empresariais nunha edición sostible, innovadora e igualitariaO pasado sábado entregáronse os premios ás mellores iniciativas empresariais desta 9ª edición do Encontro de Emprendemento Pont-Up Store.

Revista COUSAS DE nº14

Como cada ano, o comité organizador foi o encargado de valorar e seleccionar as mellores iniciativas empresariais nas diferentes modalidades. Ao acto asistiron Iván Puentes, concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural de Pontevedra; Carlos López Font, responsable de Economía e Facenda da Deputación de Pontevedra; José Luis Ramírez, director de zona Pontevedra Metropolitana de ABANCA; e Pedro Figueroa, director do Pont-Up Store, quen manifestou que “estas iniciativas son unha boa mostra dun país cada vez máis sostible, máis innovador e máis igualitario”.

A empresa DAIRYPET SL, especializada en mascotas, conseguiu facerse co premio ao MELLOR EMPRENDEMENTO e tamén co recoñecemento como mellor iniciativa no ámbito de ALIMENTACIÓN E RESTAURACIÓN co seu lanzamento YOWUP, un innovador iogur para gatos e cans que ofrece beneficios saudables con aporte de probióticos, e que foi un dos stands máis visitados nesta edición.

No apartado de TURISMO, OCIO e BENESTAR, fíxose co premio SKEIRRUM, unha empresa dedicada a crear experiencias de escape ao aire libre, co obxectivo ede achegar aos mozos a contornas que non adoitan frecuentar utilizando como ferramenta un xogo e o seu smartphone.

Na categoría de ENXEÑERÍAS, CONSULTURÍAS E OUTROS SERVIZOS, levou o premio BENIU SOLUCIONES SL, que centra os  seus servizos en atender as necesidades do noso rural, empregando técnicas de agricultura de precisión principalmente mediante drons.

13 GRAOS, unha cooperativa sen fins de lucro foi recoñecida como proxecto destacado no ámbito da FORMACIÓN, EDUCACIÓN, ARTE E CULTURA, pola súa proposta para achegar á xente ao mundo submarino a través de ilustracións, audiovisuais, libros ou actividades.

Na modalidade das TIC E NOVAS TECNOLOXÍAS, o xurado destacou a proposta de DIGITAL MONSTER COLLECTIVE que produce videoxogos e ofrece servizos de out-sourcing para outras empresas, facendo arte, animacións, deseño de UX/UI e advergame, entre outros.

En DESEÑO DE MODA, COMPLEMENTOS E DECORACIÓN acadou o recoñecemento a marca de moda INIQUAL, cunha colección de xénero non binario especializada en roupa de confort.

Alianzas entre as startups do Pont-Up Exprés e as entidades escoitantes
O xurado do talent show alabou a creatividade, a innovación, o impacto positivo e o potencial de crecemento das sete iniciativas que presentaron onte os seus modelos de negocio. De feito, entre as ideas achegadas polos expertos para a mellora destas empresas, houbo dúas propostas de colaboración que van ser exploradas nos próximos meses. Dunha parte, Skeirrum recibiu unha proposta do membro do xurado, Xoán Martínez Reboredo, CEO de “Kaleido, Ideas & Logistics” e Presidente do Clúster da Función Loxística de Galicia, para crear experiencias de street scape en colaboración coa Fundación Mosteiros, coas que dar a coñecer o importante patrimonio destes enclaves. Pola súa parte, outra das expertas do comité de escoitantes, Rosa María Seoane Domínguez, xerente de ABANCA Innova, apuntou unha posible alianza coa cooperativa Alén para facer o mentoring en sostibilidade ás empresas que participan neste programa que lidera os procesos de innovación do banco e coordina as súas liñas de emprendemento e aceleración.

Balance
Nesta edición de volta á normalidade, o encontro ampliou o seu programa con máis de 30 actividades relacionadas co ecosistema emprendedor, en distintas localizacións da cidade de Pontevedra. Obradoiros, sesións formativas e mesas redondas orientadas fundamentalmente a internacionalización, o desenvolvemento sostible, a economía social a igualdade e a innovación. As actividades, todas elas de balde e dirixidas a incrementar as competencias dos emprendedores e a mellora dos seus negocios, puideron seguirse de forma presencial e tamén en liña, o que permite contar cun repositorio de recursos e ferramentas que quedarán dispoñibles na web do encontro. En total participaron máis de 70 especialistas das que 50 son mulleres expertas en diversos campos da tecnoloxía, o emprendemento na internacionalización de empresas e na innovación empresarial.

En canto ás empresas participantes, destacou o incremento das iniciativas constituídas como fórmulas de economía social, cun 12% de cooperativas. Ademais, a sostibilidade en todos os seus ámbitos consolídase como eixe transversal en prácticamente a totalidade das 39 iniciativas empresariais presentes nesta edición; e o rural abre unha esperanzadora porta con moitos modelos de negocio que demostran que se pode emprender con éxito e impacto desde unha aldea ou unha pequena vila.

Figueroa anunciou que “a partir de mañá o Pont-Up segue en fomato dixital a través de todos os recursos creados durante esta edición e que estarán dispoñibles na web como ferramenta para o traballo da comunidade emprendedora galega”. Figeuroa tamén avanzou que “o Pont-Up pecha a carpa pero continuará programando actividades durante o ano a través da Asociación para o Emprendemento e Innovación: Pont-Up Store, que vai seguir colaborando con outras organizacións de apoio ao emprendemento co obxectivo de aproveitar a experiencia e os valores promovidos polo Pont-Up Store ao longo destas nove edicións.

O Pont-Up Store é unha iniciativa do Grupo G4 Plus da Universidade de Vigo, liderada polo Campus CREA de Pontevedra, e conta co apoio da Concellaría de Promoción Económica do Concello de Pontevedra como patrocinador principal, e tamén co respaldo do Consorcio da Zona Franca de Vigo, a Deputación de Pontevedra, Abanca e R, entre as máis de 50 entidades públicas e privadas que durante estes anos foron sumándose ata conformar un ecosistema de apoio ao emprendemento co obxectivo de converter a Pontevedra na capital galega das mellores iniciativas empresariais. Nas labores de organización e coordinación, o encontro conta tamén coa participación da Asociación para o Emprendemento e Innovación Pont-Up Store, que ten como obxectivo aproveitar a experiencia e os valores promovidos polo encontro ao longo destas oito edicións, garantir a continuidade da celebración anual do evento e apoiar tanto aos novos emprendementos como a toda a comunidade de participantes, que representa a preto de 300 iniciativas procedentes de toda Galicia.

- Publicidade -spot_img