spot_img
InicioVigo e áreaVigoA sede da Deputación en Vigo amosa as pezas de dez creadoras...

A sede da Deputación en Vigo amosa as pezas de dez creadoras latinoamericanas becadas pola Escola Técnica de Xoiería do Atlántico

Revista COUSAS DE nº14A mostra “Forxadoras de historias, metal e pedra” reúne unha selección de obras de diferentes estilos realizadas polas artistas con materiais de proximidade e poderá visitarse ata o 7 de novembro na Sala Maruja Mayo

Revista COUSAS DE nº14

Dez creadoras de América Latina, “Forxadoras de historias, metal e pedra”, son as protagonistas da nova iniciativa expositiva da Deputación na Sala Maruja Mallo da sede de Vigo. Con música a cargo de Señora DJ e un animado desfile a cargo destas creadoras inaugurouse esta tarde a singular mostra que amosa as orixinais creacións de Gabriella Amador, Alejandra Campos, Ana Feliz, Escarlen Feliz, Adriana Gutiérrez, Daniela Tamayo Herrera, Ana Lozano, Anetha Mclean, Rebeca Tobar Blanco e Nara Trujillo, todas alumnas da Escola Técnica de Xoiería do Atlántico de Vigo e becadas a través do programa Talento Atlántico. A presidenta provincial, Carmela Silva, acompañada do director da Escola, Carlos Pereira, e representantes de asociacións culturais e de igualdade da cidade, destacou o excepcional traballo desenvolvido polas deseñadoras e polo centro. Ao fío desta exposición celebraranse tamén talleres con escolares, con preto de 200 xa confirmados de catro centros educativos de Vigo. A mostra, que poderá visitarse ata o 7 de novembro, reúne pezas de xoiería artesanais con distintos estilos, feitas a man e con materiais de proximidade e nas que as autoras exaltan as súas raíces latinoamericanas. Na súa maior parte son xoias forxadas en metal e pedra pero tamén de diferentes materiais como alpaca, ferro, aceiro, escaiola, corno, resinas, esmaltes ou tecidos.

Carmela Silva lembrou na súa intervención a excepcional labor desenvolvida pola Escola Técnica de Xoiería do Atlántico. “O equipo deste centro dá leccións de vida, cunha formación humanista e aquí está a mostra”. A presidenta louvou o traballo exquisito “destas mulleres que veñen de ter a oportunidade de formar parte deste proxecto tan fermoso, Talento Atlántico, que une ambos continentes, teñen podido formarse neste marabilloso oficio e unha vez que rematen os seus estudos volverán aos seus países para seguir creando e para ser formadoras nos seus países. Non creo que haxa mellor xeito de completar así un ciclo: dunha banda, que atopedes a forma de construír unha vida ligada á xoiería, pero tamén comunidade”.

Pola súa banda, o director da Escola, Carlos Pereira, amosou o orgullo do centro por amosar a obra “das nosas dez creadoras de xoias máis internacionais, pertencentes a cinco países de América Latina”. “Elas –dixo- teñen escollido a nosa provincia e a cidade de Vigo para seguir formándose nas súas carreiras profesionais”. Agradeceu o respaldo da Deputación “no comezo desta andadura” e destacou a acollida que xa están a ter entre os centros escolares da cidade os vindeiros talleres que as creadoras van impartir durante o periodo en que dure a exposición”.

“Forxadoras de historias, metal e pedra” xurde como colaboración da institución provincial coa Escola Técnica de Xoiería do Atlántico de Vigo e co seu proxecto de bolsas Talento Atlántico, no que levan axudando, por terceiro ano consecutivo, na formación de mulleres de América Latina nas áreas de xoiería e artesanía. As dez protagonistas estudan o seu último curso na Escola e proceden de Honduras, O Salvador, Panamá, Chile e República Dominicana e elas serán as próximas formadoras nos seus países de orixe, onde poderán ensinar un oficio que permite fabricar produtos locais que logo poden ser vendidos tanto ás persoas dos seus países como a turistas. A través da xoiería creativa e artesá buscan rachar cos estereotipos e cos límites impostos á creatividade feminina, á vez que desenvolven o seu potencial para dinamizar a economía dos seus países.

Alta demanda dos talleres con centros escolares

Deste xeito, nun principio estaban previstos tres talleres guiados polas propias alumnas dirixidos a escolares, aínda que a alta demanda por parte dos centros de Vigo obrigou a amplialos ata seis. Desenvolveranse ata o vindeiro 7 de novembro e está prevista a participación de preto de 200 escolares dos colexios Possumus, Martín Códax, Mercantil e Alba de Vigo. Nestas actividades as creadoras amosarán as diferentes técnicas artísticas mediante a elaboración de prototipos de xoiería e bisutería.

- Publicidade -spot_img