·Publicidade ·spot_img
InicioPontevedra e prov.PontevedraOs Rías Baixas Fest reforzan a súa aposta por promover "a riqueza"...

Os Rías Baixas Fest reforzan a súa aposta por promover “a riqueza” da provincia baixo os parámetros da sostenibilidade e a igualdade

Adaptados á nova normalidade, pero sen perder a súa esencia de promover os valores paisaxísticos, gastronómicos e culturais do destino Pontevedra provincia e reforzando o seu compromiso coa igualdade e a sostibilidade, volven os Rías Baixas Fest, os sete eventos musicais máis destacados do panorama galego unidos baixo a marca provincial da Deputación de Pontevedra.

A presidenta Carmela Silva presentou a nova edición arroupada polos seus promotores e as súas promotoras, así como por representantes dos concellos onde se celebran, nun acto baixo o magnolio dos xardíns do Pazo Provincial, onde brillou a música en directo a cargo da intérprete de Leticia Rey, acompañada á guitarra por Iago Fernández.

“Grazas pola vosa valentía, por darnos alegría, por ser capaces de sufrir sen rendervos e por manter vivos estes festivais tan pegados ao territorio que nos fan tan especiais, diferentes e únicos/as –destacou Carmela Silva-. Fostes capaces de reinventarvos, ás veces poñendo en perigo ás vosas empresas, a vosa vida, e a xente ten que sabelo. Porque o que non se podía consentir era que se perdera esta riqueza, porque é unha riqueza desta provincia, e o fixestes co voso esforzo, co voso traballo, ánimo e optimismo cando era difícil ser optimista. Creo que iso dá tamén esa imaxe e ese relato de que estes festivais son fortes e capaces de manterse nas dificultades”. A presidenta subliñou que tras un 2020 “horrible”, este 2021 “será mellor, aínda que un pouco complexo, pero comezamos a ver luz e vai poder haber música en vivo, que vós precisades e a sociedade necesita moito”.  No acto proxectouse o vídeo da cantante Woyza que forma parte da campaña turística deste 2021 da Deputación, “É o teu momento”.

Carmela Silva: “Agradezo aos promotores e promotoras todo o grande esforzo que fixestes para reinventarvos e darnos alegría, porque o que non se podía consentir era que se perdera esta riqueza”

Carmela Silva enxalzou a traxectoria da marca Rías Baixas Fest, nacida dunha proposta do sector da industria musical da provincia, “que desde hai cinco anos nos deu forza e nos permitiu construír un relato común” en torno ao territorio, á cultura, a gastronomía, á economía circular e de proximidade, e cunha “fonda aposta pola sostibilidade e a igualdade”. Subliñou a necesidade de aproveitar os recursos que chegarán dos fondos europeos para seguir a converter estes festivais “nunha referencia”. “Os Fest Galicia naceron despois de que se consolidara esta idea –sinalou-.  E paréceme interesante que as ideas que nacen nun lugar poidan adquirir máis corpo e converterse nalgo máis global”.

O calendario dos festivais abranguerá desde xullo a setembro e arrancará co Atlantic Fest de Vilagarcía, que se celebrará do 12 ao 24 de xullo, para continuar logo co Vive Nigrán, que terá lugar do 15 ao 17 de xullo, o Festival Sinsal de Redondela (23 ao 25 de xullo), o SonRías Baixas de Bueu (3 ao 8 de agosto), o Marisquiño de Vigo (6 ao 8 de agosto) e o Festival Revenidas de Vilaxoán (9 ao 12 de setembro). Está pendente de data o Festival Portamérica de Caldas de Reis. A presidenta provincial subliñou tamén “a creatividade” amosada polos e polas produtoras dos festivais, “porque a sorpresa é marabillosa nestes festivais”.

Raquel Seijo, representante de Vive Nigrán, e Carlos Rodríguez, de PortAmérica, subliñan o “reto” para adaptar os festivais á situación e “enfocar novas vías de traballo”

Tanto Raquel Seijo, representante do Vive Nigrán, como Carlos Rodríguez, de PortAmérica, lembraron que este 2021 vai seguir sendo un ano difícil, “non o que nos gustaría que fose”. Pero, como engadiu Seijo, “é outra vez un reto para adaptarnos e enfocar novas vías de traballo, non só a parte musical”. “No Vive Nigrán –dixo-, temos diferentes facetas, como Vive Sostible o Vive Patrimonio, que cremos que completarán a oferta. E todos e todas estamos a facer un esforzo extra outro ano máis para adaptarnos á situación e aportar un valor engadido aos nosos festivais, que sen dúbida o teñen. Queremos xerar unha imaxe que poña en valor a contorna na que se desenvolven, que é fundamental, todo o que temos nas Rías Baixas de patrimonio, cultura, natureza e que nos diferencia”. A promotora, presidenta da Asociación de Festivais de Galicia, tamén aproveitou para sinalar que desde este colectivo se está tamén a facer un esforzo en sostibilidade e igualdade, “e en chegar a acordos e unificar criterios para levar aos nosos festivais a un grao superior, máis involucrado e profesional; porque cremos que é fundamental como escaparate que somos”.

Carlos Rodríguez, adiantou que a organización do PortAmérica está a traballar “para facer un festival parecido” ás anteriores edicións, “o máis placentero para o público”, tendo en conta a complicada situación para desenvolver este evento, que “normalmente vive a experiencia de xuntar gastronomía e música”. “Si estamos a traballar –apuntou- para que a de 2022 sexa unha edición máis parecida ao normal e ao que o público se merece”.

- Publicidade -spot_img

Publicidade



Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies