·Publicidade ·spot_img
InicioGaliciaA Coruña"As miradas de Isaac" estará na Coruña ata finais de agosto

“As miradas de Isaac” estará na Coruña ata finais de agosto

O presidente da Xunta asistiu esta tarde á inauguración desta exposición itinerante que, despois de pasar pola Cidade da Cultura, estará na Coruña ata finais de agosto para continuar a súa andaina por Vigo

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, convidou hoxe aos coruñeses a coñecer e recoñecer a contribución de Díaz Pardo á esencia da Galicia moderna a través da mostra As miradas de Isaac.

Durante o acto de inauguración, Feijóo destacou o contido desta exposición itinerante na que, a través de 480 pezas, ponse de manifesto a súa traxectoria e contribución esencial como intelectual, artista e empresario. “Os coruñeses teñen a oportunidade de achegarse a un galego universal, clave para entender a Galicia dos últimos cen anos”, dixo, incidindo no seu compromiso coa Comunidade, co desenvolvemento do seu carácter propio e coa súa cultura.

Ao longo da visita, o titular do Goberno galego afirmou que o carácter itinerante desta mostra encaixa coa personalidade polifacética do seu protagonista, “xa que apenas houbo espazos na intelectualidade, na arte, na industria cultural ou nos asuntos públicos sobre os que Isaac Díaz Pardo non dirixira as súas miradas”, recordou.

Así mesmo, aseverou que con esta mostra os coruñeses homenaxean a un home que tivo unha intensa relación coa súa cidade, xa que foi na Coruña onde se agochou para fuxir da represión que se levou ao seu pai, Camilo Díaz Baliño; onde impartiu clases de pintura e coñeceu á que sería a súa muller, Carmen Arias de Castro; e onde deixou testemuño da súa creatividade co seu emblemático mural no cine Goya ou co monumento aos fusilados en Adormideras.

Feijóo concluíu subliñando que a mostra, que está organizada pola Xunta e se exhibe na cidade herculina en colaboración coa Afundación, estará na cidade ata finais de agosto para continuar a súa andaina por Vigo. Ao respecto, destacou que durante a súa estadía na Cidade da Cultura recibiu máis de 26.000 visitantes.

As miradas de Isaac estará na Coruña ata finais de agosto

As miradas de Isaac

Esta é a primeira grande exposición sobre Díaz Pardo despois do seu falecemento (5 de xaneiro de 2012). O obxectivo é situar como merece na  historia de Galicia ao responsable de achegas tan relevantes como Sargadelos, o Laboratorio de FormasEdiciós do Castro, o Instituto Galego de Información ou o Museo de Arte Contemporánea Carlos Maside.

E para iso, poucas persoas mellores ca Xosé e Camilio Díaz Arias de Castro, os seus fillos, para guiarnos no relato como comisarios da mostra, que conta con máis de 500 obras de arte, carámicas, fotografías, publicacións, murais, audiovisuais e obxectos persoais para reconstruír a vida de entrega a Galicia desde a pintura, a cerámica, o deseño, a escritura e a iniciativa empresarial deste personaxe irrepetible.

A través delas analízanse e divúlgase ao home e a súa obra: a importancia do pai –Camilo Díaz Baliño– no desenvolvemento da súa personalidade; a infancia e mocidade compostelá; a faceta de pintor, que deixou unha profunda pegada en todas as súas realizacións; o seu contacto co exilio e o seu compromiso pola recuperación da memoria histórica; o labor como escritor; os emprendementos empresariais, con Sargadelos como insignia das súas realizacións industriais; as iniciativas culturais e investigadoras, entre as que cabe destacar o Seminario de Sargadelos ou o Instituto de Galego de Información; o deseñador industrial que proxectou máquinas, porcelanas, mobles ou Ediciós do Castro; o editor imparable; e finalmente o recuperador –con Luis Seoane– da vangarda artística galega anterior á Guerra Civil, coa posta en marcha do Museo Galego de Arte Contemporánea Carlos Maside.

As miradas de Isaac tamén procura, en definitiva,  expresar a excelencia humana de Díaz Pardo, posiblemente un dos personaxe máis homenaxeados, admirados e queridos da historia recente de Galicia.

- Publicidade -spot_img

Publicidade



Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies