spot_img
InicioCondado ParadantaChega a Salceda a exposición fotográfica "Auga. O sangue da terra"

Chega a Salceda a exposición fotográfica “Auga. O sangue da terra”

Chega a Salceda a exposición fotográfica "Auga. O sangue da terra"A mostra forma parte do proxecto «Corriente cultural» que propicia a colaboración entre ABANCA, Afundación e o Concello de Salceda de Caselas

A Casa da Cultura Castelao de Salceda de Caselas acolle desde hoxe, mércores 30 de xuño, a exposición fotográfica «Auga. O sangue da terra», de Manuel Valcárcel, unha iniciativa posible grazas á colaboración entre o Concello de Salceda de Caselas, ABANCA e Afundación. A mostra, de entrada libre e gratuíta, permanecerá aberta ao público ata o vindeiro o vindeiro 28 de xullo, de luns a venres, en horario de 9.00 a 21.00 h (a partir do 20 de xullo, de 9.00 a 15.00 h). No acto de inauguración de hoxe estiveron a alcaldesa, Verónica Tourón; Loli Castiñeira, tenenta de Alcaldía; Alex Rodríguez, concelleiro de Cultura; Marité Cores, coordinadora da Área de Cultura de Afundación e José Luis Romero Quiroga, coordinador de Banca Institucional de ABANCA en Vigo.

Esta proposta é parte do proxecto «Corrente cultural», que considera a arte como un instrumento imprescindible para fomentar o coñecemento e o desenvolvemento colectivo. Grazas a este proxecto, Afundación, a Obra Social de ABANCA, impulsa a capilaridade da cultura en Galicia, ampliando a oferta artística alén das súas sedes e trasladándoa ás vilas galegas para desenvolver tamén nelas as actividades da entidade. «Auga. O sangue da terra» é así mesmo unha invitación a reflexionar sobre o impacto da nosa actividade, así como sobre a necesidade perentoria de incorporar a sustentabilidade á nosa forma de vida.

Na exposición realízase un percorrido pola relación do ser humano coa auga mediante fotografías dos cinco continentes. Lugares tan remotos como Nova Celandia, India, China, Níxer, o deserto de Atacama ou a conca do lucense río Lor foron fotografados por Manuel Valcárcel e recollidos neste proxecto expositivo que ten como obxectivo valorar a auga como elemento vital e amosar como inflúe a presenza ou ausencia de auga nas culturas, nas paisaxes e nos ecosistemas.

As imaxes están distribuídas en tres bloques. O primeiro, «Os estados da auga», recolle fotografías tomadas en Nova Celandia e Galicia, co río Lor como protagonista, que plasman o paso da auga en estado sólido ao líquido e, ao mesmo tempo, os engarces entre a montaña e o mar.

«A auga e a vida» conforma o segundo bloque con imaxes de dous lugares do continente asiático. Un deles é Varanasi, na India, por onde pasa o río Ganges, que é parte da vida espiritual dos hindús e é destino sacro de peregrinación. O segundo lugar é Longshen Guilin, na China, onde o manexo da auga por parte do ser humano determinou a paisaxe. As ladeiras reconstruíronse con terrazas nas que se cultiva o arroz.

«Vivindo na escaseza» é o último bloque que trata sobre a escaseza e ausencia de auga. Inclúe imaxes de Malí e os seus pescadores bozo, quen, aproveitando a época seca, recollen todo o peixe que poden no río Níxer para despois vendelo. A escaseza de auga tamén se ilustra con imaxes do deserto de Atacama, onde a seca deu lugar a unha paisaxe lunar.

- Publicidade -spot_img