·Publicidade ·spot_img
InicioPontevedra e prov.PontevedraOs Premios Otero Pedrayo recoñecen este ano a Menchu Lamas e Rosario...

Os Premios Otero Pedrayo recoñecen este ano a Menchu Lamas e Rosario Álvarez

Os Premios Otero Pedrayo recoñecen este ano a Menchu Lamas e Rosario ÁlvarezA cultura, as artes e a lingua vestíronse de longo hoxe na Deputación de Pontevedra coa solemne gala de entrega dos Premios Otero Pedrayo 2021, que este ano organizou a institución e que recoñeceu ex aequo a dúas grandes mulleres: a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, e a artista plástica  Menchu Lamas. 

Un Pazo engalanado para tan relevante ocasión, cunha longa alfombra vermella que se despregou desde a explanada de Montero Ríos e as escalinatas centrais e se estendeu ata o Salón de Plenos, acolleu a cerimonia que presidiu a presidenta provincial, Carmela Silva, acompañada polas representacións das  deputacións galegas, das universidades, da Xunta, dos presidentes da Real Academia Galega, Victor Freixanes, e da Fundación Otero Pedrayo, Eduardo López, e de moitos nomes do tecido cultural e das artes de Galicia. O solemne acto foi conducido pola escritora María Canosa, quen o definiu “como un acto de amor”, e contou coa actuación de Alejo Amoedo ao piano e Lucía Comesaña coa zanfona. Á cerimonia asistiu tamén a escultora Soledad Penalta, autora da peza artística dos Premios.

Unha recepción ás dúas premiadas pola presidenta da Deputación foi o primeiro dos actos da maña na Sala de Xuntas, onde Rosario Álvarez e Menchu Lamas asinaron no Libro de Honra da institución. Despois celebrouse a recepción oficial ao pe da escalinata exterior do Pazo tras a que a comitiva accedeu ao Salón de Plenos, escenario da Gala de entrega dos Premios. Tras a proxección dun vídeo sobre a figura de Otero Pedrayo e os Premios que levan o seu nome, procedeuse á lectura da acta  do xurado polo presidente da Fundación, Eduardo López, quen oficializou os galardóns a Menchu Lamas, a artista galega de maior proxección internacional, e Rosario Álvarez, a primeira muller en presidir o Consello da Cultura Galega. Ambas as dúas tamén foron homenaxeadas coas tradicionais loas que realizaron Rosario Sarmiento, xestora cultural e comisaria artística no caso de Menchu Lamas, que puxo en valor que “con ela se recoñeza por primeira vez nos Premios o traballo dunha artista plástica galega”, e a escritora Fina Casalderrey para glosar a figura de Rosario Álvarez, da que destacou o feito de ser tantas veces pioneira na proxección da lingua “a María Moliner galega e moito máis, e referente imprescindible no estudo e investigación científica da lingua”. Ambas premiadas se converten amais na cuarta e na quinta muller galardoadas nos 44 anos de historia dos Premios Otero Pedrayo. As dúas recolleron a peza artística do galardón de mans da presidenta da Deputación de Pontevedra acompañada das institucións que integran os Premios.

A mestra da cor Menchu Lamas mostrou a súa emoción: “Cando eu traballo non só é para min e se a alguén lle queda unha pegada do que eu fago non hai maior declaración de amor”

Na súa intervención, a pintora Menchu Lamas mostrou a súa emoción por lograr “un premio que leva o nome de quen representa a modernidade da paisaxe e fíxonos mirar doutra maneira o que é Galicia, a súa paisaxe cultural”. A artista recreou a complexidade do seu percorrido pola cor, “eu compoño coas cores”, e puxo en valor o traballo da creación: “As creadoras e creadores somos o traballo colectivo do noso tempo, representantes do espírito que nos move no tempo que estamos vivindo. Cando se valora a pintura ou a creación contemporánea, dixo Lamas, se está a valorar o que é o futuro dun país, e dunha sociedade máis libre”. A artista tamén se referiu á escaseza de mulleres premiadas. “A invisibilidade da nosa presenza, da mirada distinta das mulleres, cando estivemos creando desde que nacemos pero non se miraba”. Menchu Lamas rematou cun canto á arte. “Cando eu fago un traballo non so é para min senón para todo o mundo que o mire e se a alguén lle queda unha pegada do que eu fago non hai maior declaración de amor”.

A lingüista Rosario Álvarez que se declarou “oteriana”, fixo unha loa ao patrimonio lingüístico “como creación colectiva de homes e mulleres. Concibo a cultura en 360 graos e Galicia é o meu universo”

Pola súa banda, a lingüista Rosario Álvarez dedicou a súa intervención ao propio “Don Ramón, polo que sentía fascinación”, á docencia, a súa nai e á cidade de Pontevedra. A premiada recordou “aquel 30 de xaneiro do 73 cando con 21 anos asistiu, “sentada no chan”, á conferencia en Fonseca de Otero Pedraio “e fíxome oteriana ante a súa oratoria, a súa sintaxe, o seu don da palabra”. Álvarez, que definiu como unha honra recibir este premio xunto a Lamas, “levamos vidas paralelas, tanto que nunca nos tocamos”, fixo todo un canto á docencia. “Sempre digo que son profesora, porque esa vocación ven da miña confianza no poder da educación e do coñecemento, os trazos da miña vida. Fíxeme investigadora para saber máis e poder transmitilo, a educación deume satisfaccións impagables.”. A premiada lembrou a súa nai, “unha verdadeira mestra, a quen debo a miña curiosidade cultural”, e a todas e todos mestras e mestres “porque sempre aprendín das e dos mellores”. Tamén á cidade de Pontevedra “porque as miñas raíces e a súa pegada deixaron en min todo o que fixen ata o día de hoxe”. Álvarez rematou cunha loa ao patrimonio lingüístico “como creación colectiva de homes e mulleres. Concibo a cultura en 360 graos e Galicia é o meu universo”.

Os Premios Otero Pedrayo recoñecen este ano a Menchu Lamas e Rosario Álvarez

A presidenta da Deputación de Pontevedra, como entidade anfitrioa da entrega dos Premios deste ano, foi a encargada de pechar a cerimonia. Carmela Silva enxalzou ás dúas premiadas “dúas mulleres que lle poñen altura cultural e intelectual a Galicia”. “Hoxe, dixo a presidenta provincial, Otero Pedrayo estaría feliz e diría que acertamos. Naceron dúas mulleres que traballan para que non perdamos a nosa lingua, a nosa cultura, e naceran outras que seguiran traballando para seguir construíndo”. “Hoxe, subliñou Carmela Silva, é un día fermoso porque recoñecemos a dúas mulleres que rachan coas silveiras para que poidamos atravesalas e que fan aquelo que fai que o mundo sexa mellor, a cultura. Sigamos camiñando entre silveiras, apartándoas para facer un camiño no que Menchu e Rosario van de primeiras e detrás delas tantas mulleres e tantos homes para construír a nosa cultura. Menchu enche de cor a nosa vida e Rosario dende a investigación e a palabra segue a estudiar con rigor e innovación unha lingua que é imprescindible manter viva.”.

A presidenta da Deputación, que citou a Victor Freixanes, Xesús Alonso Montero, ou José Manuel Rey entre as moitas das personalidades da cultura, das letras e das artes presentes no Salón de Plenos, apelou ao orgullo “da nosa cultura creativa, da nosa arte en todas as disciplinas, un pobo cunha historia política e unha sociedade que foi deixando pegada e cunha lingua propia que é o noso pensamento, a que nos constrúe”. Carmela Silva rematou sinalando que “hoxe celebramos todo iso e homenaxeamos ás persoas que constrúen cultura”, sen esquecer “tanto tempo sen que os nomes das mulleres foron recoñecidos aínda que sempre estiveron. Por iso, resaltou, este Premio Otero Pedraio é moi especial, porque homenaxea a dúas mulleres que tanto nos dan, ás que tanto debemos e ás que próximas xeracións tanto lles deberán”

- Publicidade -spot_img

Publicidade