O Templo Votivo do Mar en NIgrán é unha das improntas arquitectónicas máis destacadas do porriñés Antonio Palacios (1876- 1945) no Val Miñor.
De carácter rexionalista, o templo Votivo do Mar, ubicado en Panxón “baixo advocación da Virxe do Carme”, eríxese imponente nesta parroquia mariñeira que noutrora ía formar parte do plan comarcal do proxecto de urbanismo de Vigo, deseñado polo propio Palacios nos albores da década de 1930. Foi precisamente este traballo o que deu a coñecer ao arquitecto a obra que ficaba alí dende o século XII, a capela de San Xoán -da que hoxe só resta o arco visigótico sobre o que se construíu- e que debido ao seu grave estado de deterioro, requería a construción dunha nova igrexa.
Máis de oitenta anos despois daquel primeiro contacto de Palacios, Mary, unha turista procedente de Nova Zelanda, observa con admiración a fachada do templo. “¡É impresionante!”, exclama. Leva uns días na comarca, tras arribar aquí logo dunha longa travesía en bicicleta polas costas europeas. Non é a primeira vez que visita o santuario, pero gústalle tanto que quere volver a velo antes de emprender de novo a súa viaxe. “O máis bonito é a combinación da pedra coas cerámicas de cores”, engade en referencia á decoración interior da construción. Este comentario podería non ter maior importancia se non fora porque este era undos obxectivos estéticos de Antonio Palacios. Buscaba que as escenas marianas e as representacións en alusión a San Xoán Bautista e San Telmo dos mosaicos, aportasen un xogo cromático que non deixase indiferente ao visitante.
Ademais de Palacios, dous nomes foron clave para lograr este resultado: o párroco de Panxón naquela época, Jesús Espinosa, e José Mogimes, o contratista da obra. Dado que a residencia do porriñés estaba fixada en Madrid, cada detalle do templo quedaba reflectido nas misivas que se intercambiaron Palacios e Espinosa entre 1932 a 1937, período no que se executou o templo Votivo do Mar.“O sacerdote tomou o relevo do seu antecesor, Florencio Fajo, para levar a cabo o santuario a través dunha subscriciónpopular. Palacios entrou en contacto con esta comisión e a única condición que estableceu para redactar o proxecto, foi que se respectase o arco triunfal que todavía se conserva nas proximidades do santuario”, afirma José Ramón Veiga, historiador mosense experto en arquitectura rexionalista.
Así comezou a xestarse un proxecto que condensa importantes elementos característicos da obra de Palacios. “O templo é un exemplo de arquitectura moi primitiva, inspira- da nas igrexas románicas do rural e case xeolóxica porque a pedra non está traballada”, sinala Veiga. Como ocorre na Virxe da Rocha -tamén autoría de Palacios- a arribada da carabela Pinta a Baiona está presente nesta construción, concretamente na ábside, nun intento de ligar a arquitectura coa simboloxía vernácula. Son diversos os mosaicos que enchen de beleza o interior do templo e é José Mogimes quen, seguindo as directrices explícitas nas cartas de Palacios a Espinosa, intervén na súa plasmación. “Cando comezou a Guerra Civil Española, o arquitecto quedou illado na capital e Mogimes deulle continuidade á obra até a súa conclusión: decorou as bóvedas, fixo o campanario…”.
Ao igual que Gaudí, Palacios define o trencadís como a técnica idónea para realizar os mosaicos. Esta decisión, sumada ao o uso de mármore e granito no pavimento, “fai do santuario unha obra de collage, que denota unha liberdade artística inspirada no creador catalán”, puntualiza o experto, quen agrega: “Palacios incluso deseñou todo o mobiliario interior”. Celoso dos seus proxectos (amosábase inflexible ante calquera modificación das súas instrucións), o desexo último do porriñés era deixar unha obra monumental. Un feito que superou con creces en todo o territorio español e do que o Val Miñor pode presumir de conservar varios exemplos, non só o templo Votivo do Mar, tamén a Virxe da Rocha e dúas vivendas residenciais sitas en Praia América.
Unha técnica construtiva que non funcionou como podería esperar Palacios foron as vidreiras
do templo. “Moitas delas atópanse actualmente en mal estado porque están tomadas con cemento, un material que non permite as dilatacións e contraccións que experimenta o vidro ante cambios de temperatura ou compresións. Isto está a provocar problemas de humidadeque se agravan coa chuvia, sobre todo, nun ano como o que estamos a vivir”, explica Francisco Castro, o arquitecto que elaborou o proxecto de rehabilitación do santuario.
Despois de catro anos da súa conclusión, Castro alédase de poder afirmar que proximamente comezará a primeira fase de restauración do templo coa colocación dunha pequena vidreira experimental no batisterio composta por un panel de vidro flotante sobre un bastidor metálico. “Se esta alternativa funciona, prevense restaurar do mesmo xeito as vidreiras restantes, así coma o cilindro e o campanario, que presentan algunhas fisuras debido aos embates do vento”, adianta Castro.
*Reportaxe incluída no nº2 (2013), da nosa revista, edición Val Miñor
by Silvia Camesella





