Os titulados universitarios e de ciclos superiores poderán presentar as súas solicitudes ata o 12 de xaneiro
O plan concederá 200 bolsas (o 80 % destas irá destinado a concellos e o 20 % restante á Administración provincial) dirixidas a titulados universitarios e de ciclos superiores.
Os mozos interesados en acceder ó plan terán que ter finalizados os estudos con posterioridade ó 1 de xaneiro de 2007, estar inscritos no Servizo Público de Emprego da provincia de Pontevedra e estar empadroados en calquera concello da provincia con anterioridade ó 1 de xuño de 2014. Ademais, será preciso non ter experiencia previa na profesión na que van realizar as prácticas.
O prazo para presentar as solicitudes conclúe o vindeiro 12 de xaneiro.
As titulacións máis solicitadas son diplomatura/grao en Turismo; ciclo superior de Administración e Finanzas; licenciatura/grao en Dereito; diplomatura/grao en Traballo Social; ciclo superior en Animación Sociocultural e Turística; diplomatura/grao en Dirección e Xestión Pública; Biblioteconomía e Documentación ou Información e Documentación; licenciatura/grao en Economía; licenciatura/grao en Xornalismo; Enxeñería Técnica de Obras Públicas ou grao en Enxeñería de Obras Públicas; diplomatura/grao de Relacións Laborais ou Relacións Laborais e Recursos Humanos; licenciatura en Administración e Dirección de empresas e diplomatura/grao en Educación Social.
Un ano de prácticas profesionais
Tal e como recollen as bases do programa, as bolsas terán unha duración de seis meses, prorrogables por outros seis, de forma que os bolseiros poderán permanecer durante un ano no centro de traballo que lles corresponda.
As bolsas serán de 700 euros no caso dos titulados de ciclos superiores e de 800 euros para os universitarios.



