A mostra, que dará a coñecer a riqueza arqueolóxica da provincia, se abrirá o próximo xoves coa presenza da presidenta Carmela Silva
A Deputación de Pontevedra leva ata o Pazo de Liñares de Lalín a mostra “Pegadas na paisaxe. O patrimonio de Deza”, unha ambiciosa exposición para mostrar o rico patrimonio arqueolóxico da provincia, que abrirá o xoves 27 de febreiro ás 19.00 horas. A presidenta da Deputación de Pontevedra Carmela Silva, acompañada do alcalde de Lalín, Xosé Crespo, asistirá á apertura que contará cun percorrido guiado por unha arqueóloga especialista. A mostra, que permanecerá en Liñares ata a Semana Santa, tamén ten por obxectivos contribuír á conservación e protección da paisaxe como parte do patrimonio cultural e fomentar a visita aos castros de Deza e outras entidades museísticas da contorna.
Organizada por Turismo Rías Baixas en colaboración co Museo de Pontevedra, a mostra vai estar estruturada en cinco eixos que abranguen “O patrimonio de Pontevedra”, “O Deza: terra de castros”, “Artefactos: pegadas no tempo”, “As pegadas na paisaxe de Pontevedra” e “O cálculo do tempo”. Así, vai centrase nos castros de Montaz e Toiriz en Silleda; Castriño e Doade en Lalín e Pena Grande en Rodeiro, así como en outros once xacementos da provincia como A Cabeciña, Penalba, Castrolandín, Alobre, Santa Trega, A Lanzada, Monte do Castro, Adro Vello, Monte do Facho, Salinas de Vigo o Toralla. Tamén amosará moedas, fragmentos de cerámica, un machado, unha lasca, unha estela, unha conta de bronce , unha argola africana e a fíbula romana de Rodeiro, atopadas nos distintos xacementos do Deza e pertencentes a un período que abarca dende o 1.500 ANE e o século VI. Xunto a estas pezas, a exposición presentará outras contemporáneas, relacionadas coa tradición do territorio, que dan mostra da evolución e transformación de diferentes actividades ao longo da historia, como o “besadoiro” do século XVIII do Centro Etnográfico Terra de Montes.
O contido expositivo estrutúrase en 100 metros cadrados que recollen os cinco ámbitos temáticos, información dos 16 xacementos e 36 obxectos arqueolóxicos, así como réplicas de elementos como o machado votivo de Deza, datando na Idade de Ferro. Presentará pezas, paneis e dioramas que darán conta da transformación da paisaxe dende a Idade de Bronce Final, especialmente no Deza, onde hai 107 castros catalogados.
“Pegadas na paisaxe. O patrimonio do Deza” segue a liña de “Galaicos: un pobo entre dous mundos”, que foi visitada por máis de 44.000 persoas en Madrid, Valencia e Pontevedra. A mostra estará acompañada por unha unidade didáctica, para escolares de entre 9 e 12 anos, que mediante tres xogos distintos vai permitir descubrir os contidos da exposición de xeito lúdico e divertido.