spot_img
InicioPontevedra e ÁreaPontevedraO Palacete das Mendoza ábrese á cidadanía para mostrar a súa cara...

O Palacete das Mendoza ábrese á cidadanía para mostrar a súa cara máis innovadora, dixital e accesible

O Palacete das Mendoza ábrese á cidadanía para mostrar a súa cara máis innovadora, dixital e accesibleEntrar pola porta do Palacete das Mendoza é botar a vista atrás cara á Pontevedra de principios do século XX grazas á tecnoloxía do XXI empregada na gran transformación levada a cabo pola Deputación na sede de Turismo Rías Baixas

Cousas de revista nº16

Se ben os turistas que visitan a provincia xa desfrutan deste renovado espazo, a institución provincial busca agora que a cidadanía coñeza a remodelación acometida “nun dos edificios máis bonitos de Pontevedra”, como asegurou a presidenta, Carmela Silva.

As visitas comezaron con representantes de empresas e asociacións turísticas, como o presidente do Clúster de Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal, a xerenta da Ruta do Viño Rías Baixas, Lorena Varela, o presidente de  Hoempo, Daniel Lorenzo, a responsable das Rías Baixas de APIT Galicia, Soledad Chayán, ou a directora do Parador de Pontevedra, Meritxell Marcos, así como os directores e directoras dos medios de comunicación da cidade de Pontevedra, que puideron probar en directo os diferentes elementos interactivos, como as gafas de realidade virtual, instalados no marco do proxecto europeo “Tourist Inside”.

Ao longo do mes de febreiro, estas visitas ábrense a colectivos e asociacións da provincia interesadas en coñecer a reforma integral deste espazo “renovado e único”, solicitándoo a través do correo electrónico turismoriasbaixas@depo.es.

Grazas a “Tourist Inside”, que conta cun orzamento de 1,9 millóns de euros e está financiado ao 60% por Red.es con fondos Feder, a Deputación, amais da transformación acometida no Palacete das Mendoza, remodelou outras 11 oficinas que no momento no que se puxo en marcha o proxecto formaban parte da Rede Info Rías Baixas. Nestes momentos, a Rede está integrada por 33 oficinas polo que Carmela Silva anunciou que xa se está traballando para darlle continuidade e reformar desta maneira “as que quedaron fóra na primeira convocatoria”. “Queremos -en palabras da presidenta- que as e os visitantes que se achegan ás oficinas de turismo, o primeiro contacto que teñen cos concellos que visitan, descubran unha oficina diferente á tradicional, porque hoxe en día buscan coñecer e vivir experiencias en primeira persoa. E tan pronto como entren no Palacete das Mendoza xa as van vivir”.

A transformación do Palacete

A través da innovación, mediante o emprego intelixente das novas tecnoloxías, a xeración de contidos dixitais e a tecnoloxía inmersiva, a Deputación converteu o Palacete nun auténtico recurso turístico. Desta maneira, recreouse no interior do edificio o seu xardín durante a vida das irmás Mendoza, empregando mobiliario, elementos de información e ata un sistema de aromaterapia. Tamén se instalou unha videowall a modo de grande escaparate virtual da provincia, configurada con 16 monitores multipantalla, de 55 polgadas cada un. Ademais, tralo mostrador de atención turística, hai agora unha sala inmersiva 270º, un área de proxeccións na que se mostran contidos que contan “a historia do Palacete e a vida en Pontevedra da época das irmás Mendoza”, tematizada ademais no principio do século XX das “xefazas” que viviron no palacio, empregando vinilos, unha lámpada de época e ata estores automáticos.

O Palacete das Mendoza ábrese á cidadanía para mostrar a súa cara máis innovadora, dixital e accesible

Na zona esquerda do edificio atópase agora un espazo de realidade virtual 360º, no que, grazas a unhas gafas de realidade aumentada, as persoas visitantes poden mergullarse en sete salas que recrean os salóns das irmás Mendoza a finais do século XIX e principios do XX. “É unha recreación extraordinariamente ben feita, xa que ata o mínimo detalle é idéntico ao que era cando elas vivían no edificio”, asegurou Carmela Silva. Ademais, instalouse un “sorprendente” espazo holográfico, no que se poden ver recreacións das irmás como donas do Palacete en distintos contextos da súa vida.

Por outra banda, a presidenta da Deputación explicou que se instalou un elevador para que as persoas con mobilidade reducida “poidan entrar polo mesmo lugar que o resto de persoas, xa que a fachada do edificio ten que ser un espazo accesible para todos”. Ademais transformouse o mostrador de atención ao público para aproveitar mellor o espazo. Desta maneira, pasou de situarse no fondo a ocupar todo o espazo central, optimizando a atención e gañando en almacenamento e inclusión, pois conta cunha zona especial para atender ás persoas con mobilidade reducida. Convértese tamén nun espazo de información accesible para que “as persoas con diversidade funcional poidan desfrutar tamén da experiencia”, cunha impresora braille para imprimir folletos para persoas invidentes, así como un bucle magnético que permite mellorar a sonoridade para persoas que empregan audiófono. Por último, todos os vídeos que se proxectan na oficina levan interpretación en lingua de signos.

O Palacete inclúe ademais unha mesa interactiva con pantalla de 65 polgadas, multitáctil e con deseño accesible na que, a través dun mapa interactivo, as persoas visitantes poden gardar recursos turísticos e crear automaticamente unha ruta que poden enviar ao seu correo electrónico. Tamén se puxo en marcha un portal web, unha aplicación móbil de interoperabilidade e instaláronse dúas tabletas con soporte de pé nas que a xente “poderá contarnos o grado de satisfacción que tivo da visita”.

- Publicidade -spot_img