spot_img
InicioPontevedra e ÁreaAs tradicionais Danzas de Cobres enchen de cor as rúas do Casco...

As tradicionais Danzas de Cobres enchen de cor as rúas do Casco Vello de Vigo

As tradicionais Danzas de Cobres enchen de cor as rúas do Casco Vello de VigoTrece parellas de madamas e galáns bailaron esta tarde ao son da música polo Casco Vello de Vigo para dar a coñecer un legado ancestral que o concello de Vilaboa mantén vivo desde o século XVIII

Cousas de revista nº16

Nas beiras da enseada de San Simón mantense vivo un rito que se remonta ao século XVIII e que supón un dos máis notables exemplos do rico patrimonio inmaterial que se conserva na provincia de Pontevedra. O Entroido de Cobres, no concello de Vilaboa, é un dos máis vistosos e con maior arraigo do Noroeste Peninsular e desde a Deputación de Pontevedra trabállase na súa promoción internacional ao incorporalo este ano á nova campaña turística “Orixe Rías Baixas”, ademais de brindarlle hoxe a sede de Vigo para presentar as súas actividades ao conxunto da cidadanía.

A Deputación de Pontevedra enche o centro de Vigo coas tradiciionais Danzas de Cobres, un dos Entroidos máis singulares e con maior arraigo da provincia

A presidenta Carmela Silva, xunto ao alcalde de Vigo, Abel Caballero, o alcalde de Vilaboa, César Poza, e as e os dirixentes da Cultural de Cobres, animaron aos veciños e veciñas da cidade viguesa e da provincia a sumarse este ano a unha celebración “colorista e única que representa á perfección este legado ancestral que queremos preservar e potenciar nas novas xeracións”. Como dixo Abel Caballero “Trátase dun grande Entroido, estamos encantados que estean en Vigo.

Trece parellas de madamas e galáns bailaron esta tarde ao son da música desde a sede provincial do Casco Vello ata a rúa Príncipe, pasando pola Porta do Sol. O epicentro da cidade caeu rendida ante o bo facer de danzantes de todas as idades que garanten o relevo xeracional do Entroido de Cobres. “É moito máis que unha festa, forma parte do noso patrimonio cultural e agradecemos esta grandísima oportunidade de poder traer unha mostra do que somos ao centro da primeira cidade de Galicia”, enxalzou o alcalde de Vilaboa, César Poza, durante o acto de presentación no exterior da sede viguesa

A Asociación Cultural de Cobres carga en boa medida coa responsabilidade de coidar e promocionar un Entroido que está declarado Festa de Interese Turístico de Galicia desde 1999

Esta tarde mobilizaron a un total de 26 bailaríns e bailarinas e a unha vintena de músicos para recrear con fidelidade a danza de Cobres no centro de Vigo. Desde o colectivo destacan que se trata “dun dos entroidos máis antigos de Europa e dos que mellor se conservan” e confían en chamar a atención con esta presentación como se fixera hai tres anos no Palacete das Mendoza en Pontevedra. “Queremos que a xente de Vigo saiba que a cinco minutos de Rande teñen este mes de febreiro un dos entroidos máis singulares e únicos do país”, explican os responsables da asociación, que tamén proxectaron un vídeo promocional realizado para divulgar a historia desta festa e o seu profundo arraigo entre a veciñanza de Vilaboa, que aspira a lograr o recoñecemento como Festa de Interese Turístico Nacional.

Centos de veciñas e veciños de Vigo tiveron ocasión de ver en directo as espectaculares danzas de Cobres e coñecer a súa elaborada vestimenta na que destacan como elemento máis singulares uns enormes sombreiros adornados con flores, espellos, cadeas e cintas de cores e que teñen habitualmente un peso de entre cinco e oito quilogramos, desafiando o equilibrio incluso das persoas máis veteranas.

Carmela Silva eloxiou a minuciosa ornamentación dos traxes e recoñeceu o traballo de todas as veciñas e veciños que traballan durante todo o ano para manter vivo o Entroido de Cobres e implicar á rapazada, contando na actualidade cun total de 25 parellas de baile que de sábado a martes de Entroido percorrerán á pé ás parroquias de Vilaboa para levar a súa música e bailes casa por casa. É así como se mantén viva unha festa con máis de dous séculos de historia e que goza dunha saúde de ferro.

 

Madamas e galáns: O Entroido de Cobres

A Deputación de Pontevedra considera o de Cobres e o resto de celebracións tradicionais da provincia “un recurso turístico de primeirísimo nivel porque contribúen de forma notable a consolidar un destino único cunha marcada personalidade”. Este é o motivo de que a campaña de Turismo Rías Baixas 2023 para a provincia de Pontevedra poña en valor o enorme potencial da cultura, as tradicións e o patrimonio inmaterial e de que se contara especificamente coas madamas e galáns de Cobres como unha desas manifestacións imprescindibles que ninguén que nos visite pode perderse.

- Publicidade -spot_img