spot_img
InicioPontevedra e ÁreaMadamas e galáns: O Entroido de Cobres

Madamas e galáns: O Entroido de Cobres

O Entroido é unha festa ancestral que se perde no tempo, quizais, rituais de orixe pagano que co paso do tempo e xeración tras xeración foi conquerido o carácter tradicional co que se mantén ata o día de hoxe

Nas beiras da enseada de San Simón mantense vivo un rito que se remonta ao século XVIII e que reflicte a importancia da transmisión das tradicións de xeración en xeración. O espírito das veciñas e veciños do concello de Vilaboa non deixou morrer o afamado Entroido de Cobres, declarado Festa de Interese Turístico de Galicia en 1999.

Na zona coñecida como Cobres, formada polas dúas pequenas parroquias de Santo Adrán e Santa Santa Cristina, perdura unha das celebracións máis vistosas da provincia de Pontevedra. Segundo escritos da época, tradicionalmente era denominado Antroido dos Cobres, pero a súa orixe aínda non está clara.

Madamas e galáns: O Entroido de Cobres

Crese que, como símbolo de riqueza e posición social, as familias adiñeiradas engalanábanse durante os días que duraba o entroido para percorrer a zona. As persoas solteiras vestían os seus traxes con orgullo e representaban as súas familias. Estes son os famosos personaxes coñecidos como “madamas” e “galáns” que, ano tras ano, enchen de colorido e ritmo as parroquias de Santa Cristina e Santo Adrán, en Vilaboa. Cos bailes, a música e a popular Danza dos Cobres van de casa en casa levando a festa. Normalmente estas fan un donativo para poder seguir cos festexos, e canto máis xeneroso sexa, maior algarabía!

Madamas e galáns: O Entroido de Cobres

Os coñecidos como “madamas” e “galáns” levan a festa de casa en casa, enchendo ás rúas de colorido e música coa popular Danza dos Cobres

 

No Entroido de Cobres prodúcese unha representación das distintas clases sociais e isto evidénciase fundamentalmente na vestimenta. Deste xeito, primeiro están os “aldeáns“, traballadores humildes e vestidos de distintos oficios; a continuación atópanse “os de branco“, que portan roupas sinxelas, con menos cores e abelorios; e por último, encabezando o grupo, están as “madamas” e “galáns”, vestidos con total pulcritude, con roupa branca cuberta por encaixes, cintas de cores, abelorios, xoias etc. Destaca o seu grande e vistoso chapeu feito a man, cuxas cores, brillos e flores o converten no centro de todas as miradas. Este chega a pesar entre 6 e 8 quilos, e dedícase polo menos medio ano de traballo para mantelo así de vistoso.

Madamas e galáns: O Entroido de Cobres

Durante os días de festa, de sábado a martes, pódense ver charangas e grupos de música tradicional das Rías Baixas. O último día ten lugar un dos momentos máis esperados: a tradicional Corrida do Galo, unha serie de xogos populares na praza da casa da cultura de Riomaior. Para finalizar o día aparece o “predicador”, un personaxe que non revela a súa identidade e que critica os acontecementos que tiveron lugar na zona durante o ano.

Vilaboa é a entrada á comarca do Morrazo desde a capital de provincia e a ría de Vigo e a de Pontevedra rodean esta península na que o entroido está presente en cada recuncho. Nas Rías Baixas poderás vivir grandes historias e momentos inesquecibles.

//Fotografías cortesía do Concello de Vilaboa e de Turismo de Galicia

//Blog Turismo Rías Baixas

- Publicidade -spot_img