O barco do Club Deportivo Alagua patroneado por Victor Manuel Álvarez alzouse este Sábado Santo coa vitoria do Trofeo Comunica do Monte Real club de Yates.
O Trofeo Comunica do Monte Real Club de Yates pechou este sábado unha nova edición coroando como gañador ao Nahela, do Club Deportivo Alagua da Guarda, que resultou vencedor absoluto na clasificación xeral, gañando tamén na clase ORC 1.

“O lóxico era ir cara ao norte, pola previsión, pero vimos máis presión cara ao sur e decidimos tomar ese rumbo, o que nos permitiu acertar. Tivemos algún problema no cambio de zona, para pasar de sur cara a Cíes, e aí perdemos moito tempo, pero finalmente logramos gañar e estamos moi contentos de que nos beneficiase tanto a compensación de tempos”, asegurou o patrón do Nahela tras finalizar a competición.
O barco do Club Deportivo Alagua subiuse todo o máis alto do podio dos da súa clase e levou do Monte Real os trofeos ao mellor da xeral e gañador de ORC 1. A segunda e terceira posición desa categoría foron para o Starfighter de Julio Rodríguez, do Real Club Náutico de Vigo; e o Unus do Monte Real Club de Yates, patroneado por Luís García Trigo.
Un barco desa clase, o Swan 45 do Monte Real Club de Iates Yess Too, patroneado polo portugués Rui Ramada, foi o máis rápido dos 26 veleiros participantes e completou as 11,9 millas de percorrido en apenas dúas horas e sete minutos.
Os de Ramada levaron a casa o gran sabor de boca que lles deixou o ser os máis rápidos en completar o percorrido, pero a compensación de tempos impediulles facerse co título dos da súa clase, que finalmente levou o Nahela.
O Abal Avogados/ Lagar de Pintos/ Fanautic do Ro Yacht Club, patroneado por Mariano Deus, fíxose co ouro da regata na clase ORC 2. O Balea Dous de Luís Pérez (Real Club Náutico de Rodeira) e o Don Pansa de Alberto Sousa quedaron segundo e terceiro.
Os monotipos J80, alleos á compensación de tempos, competiron en tempo real e a súa disputa finalizou co Pousado do Monte Real Club de Yates situado no máis alto do podio. A tripulación liderada polo comodoro do club baionés, Fernándo Yáñez, deixou a prata e bronce do trofeo ao Cunichán de José Luis Pérez e o Mondo de Bernardo Macedo.

Na clase Fígaro, o mellor da frota foi o Ladeira da vicecomodoro do Monte Real Genoveva Pereiro. Logrou impoñerse na xornada e facerse coa vitoria dos da súa clase, seguido do Serralleiras de Alberto Igrexas. O Erizana de Javier Ortega completou podio cunha merecida terceira posición.
Na entrega de trofeos, celebrada pola tarde no Monte Real Club de Yates de Baiona, estiveron presentes, entre outros, o alcalde de Baiona, Ángel Rodal; o presidente do Monte Real, José Luis Álvarez; e o director executivo de Comunica Comunicación Visual, Roberto Lira, como patrocinador do evento.



