Inicio Pontevedra O Museo de Pontevedra recibe en menos dun mes a visita de...

O Museo de Pontevedra recibe en menos dun mes a visita de case 3.000 persoas para ver a exposición ‘Galaícos’

A Mostra "Galaicos" recala no Museo de Pontevedra tras ser visitada por máis de 32.000 persoas en Madrid e ValenciaA exposición está a espertar grande interese nos centros de ensino das provincias de Pontevedra e da Coruña

Mesas redondas, un programa radiofónico, obradoiros para todas as idades, visitas guiadas á mostra e aos xacementos arqueolóxicos da provincia e ata unha oferta gastronómica. Estas son algunhas das actividades que a Deputación de Pontevedra organiza durante os vindeiros meses arredor da exposición “Galaicos”, unha das apostas culturais máis ambiciosas da institución que, desde que chegou ao Museo de Pontevedra o pasado 4 de outubro, “xa foi visitada por preto de 3.000 persoas”. Así o anunciou a Presidenta provincial, Carmela Silva, que presentou este mércores o catálogo de actividades acompañada polo director do Museo, José Manuel Rey.

Para achegar máis coñecemento á cidadanía, a Deputación organizará en primeiro lugar entre novembro e xaneiro tres mesas redondas. Carmela Silva lembrou que “as datas están pechadas en principio, xa que poderían variar en función das relatoras e relatores”. A primeira será previsiblemente o 28 de novembro, co título “Unha nova mirada en torno ao que narra ou debe narrar a Arqueoloxía”. O 12 de decembro tería lugar a segunda mesa redonda, “Somos o que comemos! Que nos queda da dieta dos Galaicos?”. E a última mesa redonda celebraríase o 23 de xaneiro e chamarase “E ti, de quen ves sendo? Galaicos, castrexos, celtas?”. A Presidenta provincial informou de que “entraremos polo miúdo na vida deste pobo e no que nos achegaron ata a actualidade”. A Presidenta sinalou ademais “o compromiso coa igualdade desta Deputación, co cal estas mesas redondas serán paritarias”.

O Museo de Pontevedra recibe en menos dun mes a visita de case 3.000 persoas para ver a exposición 'Galaícos'

Outra das principais actividades complementarias será unha oferta de catro obradoiros, que comezarán en novembro con “Que vestían os galaicos? Tecidos, técnicas e complementos”. Nel, salientou Carmela Silva, farase unha “introdución á indumentaria do pobo a partir dos rexistros arqueolóxicos para coñecer os tecidos e as técnicas de fabricación e tinguido que empregaban, así como os complementos da súa vestimenta”. En segundo lugar, a Fundación Terra Termarum de Castrolandín impartirá o obradoiro “Modelando coas mans, cerámica castrexa”, que se celebrará en novembro e en decembro, e será un obradoiro participativo que nos achegará ao proceso de elaboración da cerámica castrexa. “Arqueoloxía dos sentidos”, infantil, permitirá principalmente a través do tacto e do olfacto identificar obxectos –que estarán en caixas de cartón pechada– que adoitan aparecen nas escavacións arqueolóxicas. Analizaranse para podelos asociar á vida cotiá no pasado. “O día a día dos Galaicos. Materiais, técnicas, procesos” terá lugar en decembro, e será unha recreación histórica dalgunhas das actividades que formaban parte do seu día a día. Ademais, avanzou Silva, “nestes intres o equipo de Educación do Museo de Pontevedra está a traballar na definición dun obradoiro infantil sobre xoiaría e adornos para o Nadal. Unha das grandes actividades dos nosos antepasados estaba ligada á xoiaría” e lembrou que “na exposición pódense observar pezas de xoiaría desta época”.

As visitas guiadas tamén forman parte das actividades para grupos en xeral e tamén para centros escolares (a demanda), os mércores e os sábados ás 18:00 horas. Ademais, Carmela Silva informou de que a Deputación tamén organizará “visitas aos xacementos da provincia que forman parte deste proxecto, como poden ser Alobre (Vilagarcía de Arousa) ou Monte do Facho (en Cangas do Morrazo)”.

A oferta de actividades de “Galaicos” complétase cunha emisión especial do programa radiofónico “Efervesciencia”, dirixido por Manuel Vicente. Por último, Silva informou de que “durante o tempo que Galaicos estea no Museo, o seu restaurante ten unha carta cos produtos e alimentos propios da etapa histórica que ilustra a exposición, adaptados ao século XXI” como “as landras, as castañas, o millo e outros alimentos”, que se poderán saborear ata finais de xaneiro de 2020. “Un menú que fala dunha gastronomía moi avanzada no século XXI, onde os e as profesionais da nosa provincia son referentes, como un novo xeito de atraer á cidadanía a través do padal”.

Preto de 3.000 visitas en menos dun mes

A Presidenta provincial, Carmela Silva, tamén informou dos primeiros datos de visitas de “Galaicos”, “un total de 2804 visitantes” que están a deixar “opinións moi favorables nas enquisas de satisfacción nas que nos comentan as súas percepcións sobre o seu contidos”. Silva asegurou que “hai unha alta demanda de visitas guiadas, e tamén unha alta participación de centros educativos da provincia de Pontevedra e tamén da provincia da Coruña. Isto é moi relevante xa que os nosos e as nosas estudantes deben coñecer a nosa historia, para ter orgullo do que somos e para que as novas xeracións lle sigan dando pulo á historia da nosa provincia”. Entre os meses de novembro e de xaneiro “xa temos en previsión que nos visiten 1338 escolares, pero serán moitos máis porque só contamos as visitas xa pechadas”. Carmela Silva valorou que “Galaicos está a espertar moito interese e estas actividades farán que tanto esta exposición como a nosa historia e a nosa cultura, que tanto achegaron a Europa e a todo o mundo, teñan moita presenza”.

Chega ao Museo de Pontevedra a mostra 'Galaicos. Un pobo entre dous mundos'

A exposición “Galaicos” abrangue a historia de Galicia no período comprendido entre o crepúsculo da Idade de Bronce (1500-800 antes da nosa era) e o século VI. O seu obxectivo é amosar o nexo de unión entre dous mundos, o Atlántico e o Mediterráneo, a través de máis de 60 obxectos arqueolóxicos, algúns orixinais e outros réplicas, así e información sobre algúns dos xacementos da provincia, entre eles os da Cabeciña, Penalba, A Lanzada, Santa Trega, Monte do Castro, Castro de Alobre e Castrolandín, Monte do Facho, a vila romana de Toralla e Salinas de Vigo ou Adro Vello. As fotografías e vídeos que se amosan permiten coñecer estes xacementos e valorar a paisaxe arqueolóxica da provincia para amosar os cambios e as continuidades que se producen durante un longo período de tempo de máis de 2000 anos da historia de Galicia. “Galaicos” chegou ao Museo de Pontevedra o pasado 4 de outubro despois de recibir máis de 32.000 visitas no Museo Arqueolóxico Nacional de Madrid e o Museo da Prehistoria de Valencia.

- Publicidade -

ÚLTIMA REVISTA

+ VISTOS

ETIQUETAS

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies