spot_img
InicioGaliciaOs principais países de fala portuguesa estarán no Foro da Cooperación Municipalista...

Os principais países de fala portuguesa estarán no Foro da Cooperación Municipalista da Lusofonía  

Os principais países de fala portuguesa estarán no Foro da Cooperación Municipalista da Lusofonía  O encontro organizado polo Fondo Galego de Cooperación celebrarase os días 12 e 13 de novembro en Santiago de Compostela co apoio da Xunta de Galicia

Representantes de Portugal, Brasil, Guinea-Bissau, Angola, Mozambique, Cabo Verde ou São Tomé e Príncipe participarán os días 12 e 13 de novembro no Foro da Cooperación Municipalista da Lusofonía: os municipios, pezas clave do desenvolvemento. O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade organiza estas xornadas co obxectivo de achegar a realidade dos países de fala portuguesa ás autoridades locais galegas e, ao tempo, reflexionar sobre as relevantes achegas dos gobernos municipais á consecución dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible fixados pola ONU. O encontro celebrarase na Escola Galega de Administración Pública, en Santiago de Compostela, e as persoas interesadas en asistir poden inscribirse no correo comunicacion@fondogalego.org.

O Foro da Cooperación Municipalista da Lusofonía abrirase ás 10 horas cun discurso da alcaldesa de Boane, María Cupane, como voceira da Rede Mozambicana de Mulleres Autarcas. O primeiro debate da xornada xirará arredor da implementación dos ODS no eido local e contará con membros das asociacións de municipios de distintos países, entre eles o que fora ministro brasileiro Edinho Silva. Representantes de concellos galegos como San Sadurniño e As Pontes estarán na mesa de boas prácticas a partir das 15.30 horas.

A segunda xornada do encontro dará a coñecer a partir das 9.30 horas as experiencias da cooperación galega con países de lingua oficial portuguesa, coa intervención entre outras de entidades como a Coordinadora Galega de ONGD, CETMAR, CEIDA ou Cooperación Galega. Na seguinte sesión as alianzas entre o municipalismo da comunidade lusófona exemplificaranse con casos actuais coma os do Concello de Ames, a Unión de Cidades Capitais de Lingua Portuguesa ou a Rede Intermunicipal de Cooperação ao Desenvolvimento, de Portugal. O encontro pecharase cos primeiros pasos para a creación dunha Rede de autoridades locais da Lusofonía polos ODS e coa declaración ‘Solidariedade alén da lingua’.

O Fondo Galego

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 97 concellos e as deputacións de Pontevedra, A Coruña e Lugo, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Garántese deste xeito unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos con impacto nos países do Sur e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional. Recoñecido como axencia municipal da cooperación galega, desde a súa fundación en 1997 o Fondo Galego ten desenvolvido máis de 150 proxectos en preto de 30 países e promove numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur.  

- Publicidade -spot_img