A entidade conversa coa Asociación Mar Seguro de Galicia, H.Q. Seaweed S.L e a Confraría de Pescadores San Francisco de Vigo sobre a súa experiencia coas axudas xestionadas polo GALP
O Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) da Ría de Vigo-A Guarda, encargado de xestionar as axudas da Consellería do Mar e do Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, financiou entre o 2019 e o ano pasado 25 proxectos, entre produtivos e non produtivos, que contribuíron á mellora e dinamización do tecido socioeconómico, potenciando as actividades relacionadas coa pesca.
Ao abeiro destas convocatorias de subvencións naceron iniciativas como ‘Os mares de baixura: unha web para formar e informar’, impulsada pola Asociación Mar Seguro de Galicia, Un mar de oportunidades, promovida pola Confraría de Pescadores San Francisco de Vigo, e o proxecto produtivo de H.Q. Seaweed S.L., polo que introduciron novos procesos para a produción, comercialización e distribución de algas mariñas galegas.
“Sen estas axudas o proxecto non existiría. Foi a maneira de financiar algo que nos interesaba moitísimo pero para o que non tiñamos medios para facelo. Nós puidemos realizar o proxecto e unha persoa púidose sumar ao mercado laboral”, conta Paula Pardo Fernández, coordinadora da Asociación Mar Seguro de Galicia. Nesta mesma liña Iago Soto García, patrón maior da Confraría de Pescadores San Francisco de Vigo, relata como as axudas do GALP permitiron sacar adiante un proxecto que resultaba “totalmente necesario se se quería continuar coa actividade” e o cal implicaba un investimento ao que non podían facerlle fronte sos: “Apoderounos, deunos credibilidade”. Pola súa banda, Sergio García Gil, xerente de HQ Seaweed S.L., localizada en Vilaboa, explica como a subvención beneficiou ao seu negocio: “Supuxo un crecemento exponencial, agora podemos captar a moitos máis clientes de calquera parte do mundo e a visibilidade da empresa creceu un 80%”.
O prazo para a presentación de proxectos pecha o vindeiro 1 de marzo
Os tres promotores souberon da existencia das axudas pola “súa promoción dentro do sector”, como di Sergio García. Un contacto permanente que na Asociación Mar Seguro de Galicia vén dado por ser socia colaboradora do proxecto de cooperación de Mar das Illas, impulsado de forma conxunta polos GALP Ría de Vigo-A Guarda, Ría de Pontevedra e Ría de Arousa. No tocante á Confraría de Pescadores San Francisco de Vigo estiveron informados das axudas “desde o principio” e sumáronse a elas tan pronto lles foi posible. No primeiro caso, financiouse o 50% da parte subvencionable do proxecto, no segundo o 95% e no terceiro o 80%.
Os proxectos
Desde a Asociación Mar Seguro de Galicia viron que o sector precisaba dun portal web que lles facilitase toda a información que “normalmente demandan e que teñen que buscar en distintas fontes”, desde aquela relacionada coa propia organización do sector, as titulacións que demanda, as diversas artes de pesca ou a obtención de permisos de explotación (permex). Así mesmo, contará cunha sección de formación específica en prevención de riscos laborais para os/as profesionais do mar. Trátase, pois, dunha “páxina web para formar e informar”, segundo describe a súa coordinadora. Un conxunto de recursos que tamén serán accesibles para as persoas que non pertencen ao sector.
O proxecto aínda se está a executar, polo momento están a traballar no deseño da páxina web e foron gravando unha serie de vídeos sobre o día a día de distintos oficios, desde o labor de cultivo e proceso do mexillón, o marisqueo a pé e a flote en Arcade ata a recollida dos ourizos e os percebes en Baiona e A Guarda.
Pola súa banda, H.Q. Seaweed S.L buscaba, en palabras do seu xerente, “mellorar as instalacións e a marca para a comercialización de algas galegas” co obxectivo de crear novos postos de traballo e incrementar a produtividade da empresa, que vende tanto ao resto de España como a nivel internacional. Deste xeito, deulle un valor engadido ás algas, produciu produtos finais a partir delas e contribuíu a xerar riqueza, diversidade, sostibilidade e melloras laborais no sector do mar, así como a diversificar as actividades económicas da zona.
Para a Confraría de Pescadores San Francisco de Vigo, “as axudas adaptábanse a unha necesidade que tiñamos”, conta o seu patrón maior. Así, no 2019 puxeron en marcha un plan, denominado Un mar de oportunidades, para mellorar as instalacións náuticas na zona portuaria de Bouzas, mediante a instalación dun tramo de peirao, modernización das torretas de servizo, dotación de medidas de seguridade e actualización da zona de acceso. “Temos unha concesión dunha mariña deportiva e tiñamos que renovala. O proxecto aproveitou esa renovación para orientala non só ao amarre de embarcacións deportivas de socios ou xente de fóra da confraría, senón tamén para ser xerador de proxectos de turismo mariñeiro e pescaturismo”, explica Iago Soto.
Esta intervención finalizou a finais dese mesmo ano e serviulles, ademais, para resolver certos asuntos xurídicos arredor da concesión: “Unha das razóns polas que pedimos o proxecto a través do GALP é porque é unha forma de avalialo, á vez que o fas, poste en contacto coas Administracións e estas ven que é un proxecto serio, no que implicas a máis xente, público”.
Dado o impacto da Covid-19 aínda non se puido materializar ningún proxecto, pero isto non quita que estean diversas ideas enriba da mesa: “Hai socios que están pensando en ter unha embarcación para alugar ou organizar rutas; (a axuda) estimulou toda unha nova vía de negocio”, expón o patrón maior.
O acompañamento do GALP
Iago Soto, Sergio García e Paula Pardo coinciden en que o proceso de solicitude das axudas é un tanto complexo, pois iso agradeceron o asesoramento prestado polo GALP Ría de Vigo-A Guarda, destacando a calidade da atención dada, “intentando motivar a súa solicitude e acompañando en cada paso”, apunta Sergio. Tamén foi importante, como engade Paula, a axuda prestada por outros promotores que xa fixeran este trámite con anterioridade.
Nun futuro, gustaríalles repetir como beneficiarios deste tipo d e axudas coa idea de impulsar novos proxectos e valoran moi positivamente o traballo do GALP a este respecto. “O GALP aporta unha mellora á accesibilidade das axudas europeas”, afirma o xerente de H.Q. Seaweed S.L. “Achega posibilidades de facer proxectos, nos que as asociacións, empresas, confrarías cremos pero non temos financiamento”, anota a representante da Asociación Mar Seguro de Galicia. “Non é a nosa única vía de financiamento, de subvención, pero agora mesmo considerámola a principal, a que mellor se adapta ás nosas características, e estamos pensando en novos proxectos para os próximos anos”, sinala o patrón maior da Confraría de Pescadores San Francisco de Vigo.
O prazo para a solicitude de axudas está aberto ata o 1 de marzo
A convocatoria para a presentación de proxectos que aspiren ás axudas xestionadas polo GALP Ría de Vigo-A Guarda permanecerá aberta ata o vindeiro 1 de marzo de 2021. Estas iniciativas deben encaixar dentro Estratexia de Desenvolvemento Local Participativo (EDLP) e desenvolverse nos municipios da área de influencia da entidade: Cangas, Moaña, Vilaboa, Soutomaior, Redondela, Vigo, Nigrán, Baiona, Oia, O Rosal e A Guarda.