
O Galician Freaky Film Festival volve por terceiro ano a cidade de Vigo para enchela de cine de terror, ciencia ficción e fantasía con toques freaks e de serie B
O Galician Freaky Film Fest volverá cunha terceira edición (se contamos a primeira edición denominada 0) a cidade de Vigo coa intención de ateigala de zombies, vampiros, lobishomes e montar unha auténtica festa da cultura freak tan incorporada no ADN de toda a xeración Xabarín.
Para conseguilo, o certame lanza as súas bases de inscrición en tres categorías: curtametraxes, longametraxes e videoclips. O prazo de recepción estará vixente ata o próximo 16 de setembro e poderanse enviar tanto en formato dixital coma en soporte físico.
As obras deberán pertencer ó mundo freak, entendendo isto como a serie B, o terror, a ciencia ficción, o cine fantástico ou a parodia dos mesmos, pero tamén a calquera outro xénero (western, policial, musical…) que teña a vocación de formar parte da cultura freak polas súa intención de sorprender, de amedrentar ou de tratar con sorna calquera tema. En definitiva, cintas cheas de gamberrismo.
As bases completas e a formulario de inscrición poden atoparse a partires de mañá na páxina web do certame.
TERCEIRO ANO DE FESTA FREAK
Este é o terceiro ano do Galician Freaky Film Fest (a primeira edición denominouse “cero”) que cada ano pretende achegarse á visión persoal coa que mesturamos os galegos os xéneros fantástico e de terror e lles sumamos unha boa cantidade de ruralismo e retranca.

A súa última edición foi todo un éxito tanto de público, xa que en moitas das sesións colgouse o cartel de “completo”, como da crítica, incrementando a repercusión mediática respecto ao ano anterior. Así, durante un fin de semana os asistentes gozaron de máis dunha vintena de traballos audiovisuais, un concerto freak de fin de festa ou a exposición do pintor Josef Mendez, un dos máximos expoñentes do horror pictórico nacional.
Nesta nova edición serán moitas as sorpresas relacionadas con esa cultura na que creceron os nenos e nenas de finais dos 80 e principios dos 90 baseada en pelis de ciencia ficción, series de anime e os videoclips do Xabarín Club. De feito, unha das novidades que de seguro sorprenderán será o deseño dun cartel que renderá unha homenaxe a “Alien”, unha das grandes sagas da ciencia ficción de todos os tempos e que chegará ao Galician Freaky Film Festival da man do deseñador Paulo Mosca.



