A mostra itinerante da Rede REMA estará aberta ao público ata o 28 de xullo. O percorrido polos dez paneis permite coñecer as características máis salientables dos museos galegos adheridos nunha primeira fase.
A exposición “O océano que nos une” estará aberta ao público na Casa da Navegación de Baiona ata o vindeiro 28 de xullo. A mostra itinerante da Rede de Espazos Museísticos Atlánticos (REMA) quedou inaugurada nun acto celebrado no auditorio deste museo e poderá visitarse de mércores a domingo en horario de 10:00 a 14:00 e de 18:00 a 21:00 horas.
O alcalde de Baiona, Carlos Gómez Prado, foi o encargado de abrir esta presentación. Elena Herbello Puentes, xerente do GALP Ría de Vigo – A Guarda, realizou unha presentación técnica na que expuxo os avances levados a cabo ata o momento no proxecto Morada Atlántica. A técnica presentou tamén o resto de museos galegos que forman parte desta exposición, que son os que se uniron a esa rede de coñecemento nunha primeira fase de adhesión

Por último, a concelleira de Cultura de Baiona, Mirian Mar Costas Iriarte, pechou a presentación para dar paso a un percorrido guiado polos dez paneis de “O océano que nos une”, da man de Rosa Villar Quinteiro, técnico de xestión da Casa da Navegación de Baiona. Rosa apuntou que “tanto a Casa da Navegación como a réplica da Carabela Pinta son dous instrumentos de divulgación das orixes e a historia da que foi a Real Vila“. A técnico sinalou tamén que nos cinco anos de vida deste espazo fixeron fincapé en poñer en valor a relación de Baiona co mar e o papel que esta vila xogou na historia da navegación atlántica.
Percorrido pola costa galega
Trala súa estancia en Baiona, “O océano que nos une” continuará a súa ruta pola costa galega a través dos museos da rede REMA. Consulta aquí as vindeiras datas.
Info e fotos de REMA//



