spot_img
InicioGaliciaUnha antiga Casa Reitoral, sede do Museo do Viño de Galicia

Unha antiga Casa Reitoral, sede do Museo do Viño de Galicia

Unha antiga Casa Rectoral, sede do Museo do Viño de GaliciaA nova sede do Museo do Viño de Galicia, está ubicada en pleno corazón da comarca do Ribeiro. Rematadas as obras de acondicionamento, xa se poden visitar as súas instalacións dende hoxe, día elexido para realizar o acto de inauguración oficial, nesta antiga casa reitoral que esta situada no municipio de Ribadavia, en concreto na parroquia de Santo André de Camporredondo.

O acto de inauguración contou coa presenza do presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, quen destacou que “o Museo do Viño de Galicia será a o gran escaparate da nosa cultura vitícola e a casa común dos viños de Galicia. Nesta liña, incidiu en que será un referente na materia non só en Galicia, senón tamén no resto do Estado.”

Feijóo tamén destacou que os fondos iniciais ou colección estable están constituídos polos bens do patrimonio cultural galego pertencentes á Comunidade Autónoma e precisou que a xestión deste museo dependerá da Xunta e a dirección será exercida pola dirección do Museo Etnolóxico de Ribadavia.

O presidente do Goberno galego subliñou que a Xunta destinou máis de 1,1 millóns de euros para rehabilitar a Reitoral de Santo André de Campo Redondo, onde se empraza o centro; e máis de 700.000 euros para a instalación do proxecto expositivo e actuacións de museografía. Así, en total, a Administración autonómica investiu 1,8 millóns de euros.

Nesta mesma liña, agradeceu a colaboración de todos os axentes implicados como a Diocese de Ourense, que cedeu o senlleiro edificio onde se ubica o museo e que data do século XVIII. Ademais lembrou a iniciativa e colaboración das 5 denominacións de orixe, as 5 rutas do viño e os profesionais do Museo Etnolóxico de Ribadavia. Tamén subliñou que a Xunta está a traballar co Concello de Ribadavia para deseñar un aparcamento axeitado ás necesidades do Museo dentro dunha acción integral da mellora da súa contorna.

As Rutas dos Viños promoverá nas rúas galegas a VIII edición das Xornadas de Portas Abertas

O museo recupera e pon en valor unha parte importante do legado de Galicia a través dunha actividade milenaria; amosa a historia e a paisaxe do viño, que é unha paisaxe agraria propia de Galicia; e visibiliza o traballo de mulleres e homes viñateiros que teñen neste museo un lugar onde verse representados. En concreto, o espazo monográfico estará dividido en 7 eidos: os territorios vitícolas e a humanización da paisaxe agraria modificada por este cultivo desde a Idade Media; as actividades da viticultura; as denominacións de orixe; as variedades vitícolas; a comarca do Ribeiro; a produción en mosteiros, granxas e priorados; e un último ámbito centrado no traballo da adega.

O MUSEO DO VIÑO DE GALICIA

O Museo do Viño de Galicia é un museo de titularidade autonómica que ten como finalidade a de recuperar, documentar, conservar e difundir o patrimonio cultural vitivinícola de Galicia para o coñecemento, a aprendizaxe e o gozo da cidadanía, en xeral, e o aproveitamento e a consulta dos/as investigadores/as e estudosos/as do universo vitivinícola, en particular.

A exposición percorre as tres plantas deste edificio singular construído no século XVIII como casa de priorado para explotación vitícola dependente do Mosteiro de San Martiño Pinario de Santiago de Compostela e convertido tras a desamortización de Mendizábal en casa reitoral de Santo André de Camporredondo.

Unha antiga Casa Rectoral, sede do Museo do Viño de Galicia

O edificio

O Museo do Viño está situado na coñecida como casa reitoral de Santo André de Camporredondo, que forma un conxunto monumental de singular relevancia e particular significado, situada en plena comarca do Ribeiro. A súa arquitectura está ao servizo dunha das súas funcións orixinarias: a elaboración, o almacenamento e a distribución de viño cara a Compostela, por tratarse dun priorado de San Martiño Pinario.

No século XX produciuse o abandono e o espolio de elementos diversos ata o inicio dos traballos de rehabilitación entre 1988 e 1990, primeiro a través dunha escola-obradoiro municipal e finalmente pola Xunta de Galicia dende o ano 2005, despois de que o inmoble fose cedido á Consellería de Cultura polo Arcebispado de Ourense.

A colección

O museo dedica a súa exposición permanente ao cultivo da vide e ao proceso produtivo do viño ao longo da historia en Galicia. Por unha banda, a vinicultura (técnicas e sistemas do cultivo da vide) e, por outra, a viticultura (técnicas e coñecementos da elaboración do viño). Os paneis explicativos aúnan textos e ilustracións de gran calidade e acompáñanse con obxectos significativos relacionados con cada panel, como ferramentas, escritos, instrumentos técnicos, contedores etc.

As salas

A exposición permanente desenvólvese en oito salas, dedicadas cada unha delas a unha sección, que acollen, entre outras, pezas relacionadas co cultivo das cepas, tanto dende o punto de vista histórico como dende os ciclos tradicionais de colleita. Tamén teñen o seu espazo pezas significativas relacionadas con cada denominación de orixe do viño en Galicia, cunha sala dedicada en particular á comarca do Ribeiro. Por último, poden verse pezas sinaladas no proceso de elaboración do viño, dende que chega a uva á adega ata a súa conversión en viño.

MÁIS INFORMACIÓN: museo-do-vino-galcia

- Publicidade -spot_img