spot_img
InicioBaixo MiñoO festival Música no Claustro homenaxea aos refuxiados da Ucrania na súa...

O festival Música no Claustro homenaxea aos refuxiados da Ucrania na súa XVI edición na Catedral de Tui

Historia de dúas cidades: O Pacto de Tui en 1137
Claustro da Catedral de Tui

O festival tudense arrinca este luns cun concerto de Samuel Diz en homenaxe aos refuxiados da agresión bélica que está sufrir Ucrania. Esta nova edición do Festival Música no Claustro, terá lugar do 1 ao 7 de agosto e coma sempre no claustro da catedral de Tui.

Paralelamente o martes 2 e o sábado 6 levarán a cabo ás 19.30 horas as visitas guiadas con Santiago Vega sobre o proceso de creación do TUDE (Museo Catedralicio Diocesano) e o xoves 4 celebrarase un foro profesional sobre instrumentos musicais.

Todos os concertos comezarán ás 21.00 horas e serán de acceso libre por orde de chegada.

Revista COUSAS DE nº14

Durante a Primeira Guerra Mundial, os artistas Robert e Sonia Delaunay atoparon refuxio no norte de Portugal e sur de Galicia. Despois dunha primeira estancia en Vila do Conde, o matrimonio viviu entre Vigo e Valença, onde Sonia deseñou o mural “Hommage au donateur” para a Casa da Misericordia, conservado actualmente no Centro Pompidou. Nesta estancia na raia miñota, a artista de orixe ucraína viuse abraiada polo cromatismo de escenas populares nas que sandías de intensas cores dialogaban con arquitecturas de cabazas, cabezas de bois ou a férrea ponte internacional. Un imaxinario no que plasmou diferentes escenas relixiosas e no que as figuras femininas adquiriron un papel protagonista como en “O mercado no Minho”, cuxa poxa alcanzou os 4,59 millóns de euros no ano 2002 en París.
.
Música no Claustro 2022
O mercado no Minho – Sonia Delaunay
Concertos
Nun compromiso social activo, Música no Claustro acolle ás intérpretes refuxiadas SALO VIKTORIIA- NADIIA, DARIA BILOTSERKIVSKA E IRYNA MOROZOVA co obxectivo de que continúen facendo o que mellor saben facer, con luz e ilusión, incluso nestes tempos tan escuros para o seu país: a Ucraína. Nunha reflexión de xénero sobre os éxodos do século XX, abro o programa de concertos desta 16ª edición co recital de guitarra RETRATOS DE MULLER, conformado por obras de catro compositoras coetáneas ás vangardas europeas en diálogo coa obra contemporánea de Gloria Rodríguez Gil (Vigo 1972).
.

O concerto da Misa medieval organizado polo festival Música no Claustro encheu a Catedral de Tui

 

O festival, que conta co apoio do Concello de Tui, a través da súa Concellaría de Cultura e Ensino, e da Xunta de Galicia, a través da Dirección Xeral de Cultura, ten por obxectivo impulsar a investigación e a posta en valor do patrimonio cultural da Catedral de Tui. Neste senso, conmemoramos os 300 anos do Retablo da Expectación, obra do mestre artesán Antonio del Villar que, polas súas dimensións e coidada factura iconográfica, é un dos principais monumentos do templo. Nel destaca a representación da Virxe encinta e un medallón central coa escena do Nacemento no que un músico pastor toca a gaita. E como celebración neste contexto artístico, impulsamos unha residencia e CONCERTO DA GUARDESA NADIA VÁZQUEZ MARTÍNEZ que nos convida a explorar o imaxinario do seu instrumento: a musette barroca, un inhabitual aerófono con certas características similares á gaita e que estivo de moda na primeira metade do século XVIII.
.
Outra das agardadas celebracións é a presentación en concerto do traballo discográfico THE JOSQUIN SONGBOOK gravado cun especial coidado e fino tratamento pola soprano María Cristina Kiehr, o tenor Jonatan Alvarado e o vihuelista Ariel Abramovich na propia Catedral de Tui en maio de 2021, momento no que se conmemoraban os 500 anos do falecemento do compositor Josquin Desprez. Un disco editado polo selo Glossa que busca alcanzar a paisaxe imaxinaria da paz, da salvación, do perdón e da absolución, tal e como recolle o musicólogo John Griffiths no seu libreto, nese camiño cara a vida eterna tan importante no século XVI.
Música no Claustro 2022
Mural de Sonia Delaunay para a Exposición Internacional de París de 1937. Recuperación do Museo Gulbenkian. (Copiar)
Co compromiso da Sociedade de Artistas, Intérpretes e Executantes AIE, Música no Claustro volta a formar parte do circuíto estatal AIEnRuta. Nesta ocasión, o claustro medieval é anfitrión de dous concertos que mostran diferentes facianas de dous instrumentos que fan parte do noso imaxinario: o violín e o acordeón. Por unha banda, a formación galega Caamaño & Ameixeiras que chega a Tui no medio dunha intensa xira de presentación do seu primeiro disco AIRE! e, dende Portugal, o dúo formado por João Frade e João Silva co seu traballo discográfico LUGARES. Namentres para Sabela Caamaño e Antía Ameixeiras o humus da música tradicional é o punto de partida da súa propia linguaxe contemporánea, Frade e Silva alimentan o seu imaxinario e creatividade nos universos do jazz e das músicas improvisadas.
.
A unión da vangarda e a tradición é o obxectivo de DULZARO, un proxecto musical que toma a figura de Federico García Lorca a través do seu imaxinario, nunha combinación da súa poesía con sons modernos como samples, loops e sintetizadores electrónicos. Un concerto que pecha a 16ª edición de Música no Claustro creando un encontro ficticio na raia miñota entre Sonia Delaunay e Federico García Lorca no outono de 1916. Un encontro de dúas persoas que non se coñeceron (ou que non temos constancia) aínda que coincidisen en espazo e tempo. Un encontro no noso imaxinario a través das obras da artista ucraína ou das letras do granadino nas que o río Miño quedou impreso.
.
Música no Claustro 2022
montaxe Sonia Delaunay Valença
.
Para que está en obras a Catedral?
Unha catedral é un edificio vivo en continua transformación dos espazos que conforman o seu conxunto monumental. Ao longo da historia, estes cambios impulsaron novidades estéticas, tecnolóxicas ou funcionais. Agora, no horizonte do VIII centenario da Catedral de Tui en 2025, a sede eclesiástica prepárase para acoller o Tude Museo Catedralicio Diocesano, que mostrará o importante legado artístico e relixioso nunha museografía actualizada, optimizará os diferentes espazos catedralicios e impulsará a accesibilidade aos mesmos. Neste momento de transición, Música no Claustro convida a proxectar no imaxinario este proceso de rehabilitación en DOUS ENCONTROS E PERCORRIDOS ARTÍSTICOS dirixidos por Santiago Vega, cóengo, artista visual e director do Museo da Catedral de Tui.
.
RESONANCIAS 22, foro profesional de instrumentos musicais
Como principal actividade paralela aos concertos de Música no Claustro, a organización convoca a segunda edición do FORO PROFESIONAL DE INSTRUMENTOS MUSICAIS co apoio da Fundación Pública Artesanía de Galicia.
.
Un encontro interdisciplinar que reúne en Tui a Jonathan Santa Maria Bouquet, conservador do Museo de Instrumentos Musicais da Universidade de Edimburgo; a Antonio Suárez Martín, director do Centro Albayzín, Centro de Referencia Nacional da Artesanía, ou a Elena Vázquez, conselleira técnica da Subdirección Xeral de Xestión e Coordinación dos Bens Culturais do Ministerio de Cultura e Deporte, para tratar a conservación dos instrumentos musicais nos museos, a formación e certificación dos oficios artesanais na construción de instrumentos musicais, e na protección destes saberes e oficios nos plans nacionais de patrimonio inmaterial.
.
Dende unha perspectiva intersectorial, en RESONANCIAS 22 son protagonistas temas vencellados a Axenda 2030 en áreas de sostenibilidade, impulsando unha mesa I+D+i sobre o emprego de madeiras galegas na construción de instrumentos musicais coa directora de innovación da Axencia Galega da Industria Forestal, Montserrat Rodríguez Ogea; o técnico titular do Centro de Innovación e Servizos Tecnolóxicos da Madeira de Galicia, Francisco Pedras Saavedra, e o luthier José Catoira; e unha mesa redonda sobre a presencia de mulleres nos obradoiros de instrumentos musicais, coa participación das artesás Ana Fariña, Julia Marín Ramírez e Saínza Seivane, xunto á profesora e activista cultural Olga Nogueira.
.
Os artesáns Francisco Luengo e Pablo S. Otero presentan a Asociación Profesional Galega de Construción de Instrumentos Musicais LABRA, a intérprete Nadia Vázquez Martínez busca axitar ao sector co reto de construír unha musette en Galicia e, como colofón do programa, o oboísta David Garrido e o artesán Oli Xiráldez comparten o seu estudo e recente restauración do óboe barroco Thomas Stanesby Senior da Catedral de Tui, un dos instrumentos máis significativos da colección organolóxica da sede tudense.
- Publicidade -spot_img