spot_img
InicioBaixo MiñoO concerto da Misa medieval organizado polo festival Música no Claustro encheu...

O concerto da Misa medieval organizado polo festival Música no Claustro encheu a Catedral de Tui

O concerto da Misa medieval organizado polo festival Música no Claustro encheu a Catedral de TuiNo marco das festas de San Telmo 2022, o festival Música no Claustro impulsou a recuperación patrimonial da Misa medieval de San Telmo conservada no códice Pasionario Tudense.

Trátase do vestixio musical de maior significancia sobre a celebración do padroeiro Pedro González durante a Idade Media. Unha partitura litúrxica escrita en notación aquitana sobre liña vermella que foi reconstruída e interpretada por Seconda Pratica, un grupo con base nos Países Baixos e formado pola soprano Sofia Pedro, o contratenor Tim Braithwaite, o tenor Jonatan Alvarado e o baixo Nuno Atalaia.

Revista COUSAS DE Nº13

Un concerto extraordinario no que 300 persoas crearon unha atmosfera de silencio e respecto rodeando ao ensemble nunha disposición circular, na que os intérpretes cautivaron a atención do público, recreando a antiga ubicación dos cantorais e facistol no cadeirado do coro no centro do templo, baixo a representación de San Telmo na parte alta do órgano.

Unha xornada de estudo multidisciplinar e híbrida

En paralelo a esta cita musical, a sede tudense da UNED acolleu unha xornada de estudo multidisciplinar que contou coa participación do coengo arquiveiro Avelino Bouzón Gallego, o deán do Cabido Catedralicio José Diéguez Dieppa, a historiadora da arte Carmen Manso Porto, e os musicólogos Manuel Rey Olleros e Manuel Pedro Ferreira, xunto coa apertura de Samuel Diz, director artístico do festival e impulsor deste innovador proxecto de salvagarda e sensibilización patrimonial. Un encontro de coñecemento no que se inscribiron 40 persoas de Tui e outras localidades próximas como A Guarda, Goián, Gondomar, Vigo ou Valença do Minho.

O carácter híbrido desta xornada, nunha aposta pola dixitalización do festival, motivou o interese de persoas de A Coruña, Ames, Lalín, Ourense e Pontevedra, así como de Barcelona, Madrid, Valencia ou Glasgow; integrantes de formacións musicais como Dolce Rima, Manseliña ou Mistura Vocal; profesionais de Radio Clásica ou Buguina Turismo Cultural, e persoal docente dos conservatorios de A Coruña e Ourense, xunto coas universidades Autónoma de Barcelona, Nebrija ou Glasgow.

Divulgación do patrimonio catedralicio

A recuperación da Misa medieval de San Telmo enmárcase no preámbulo do VIII centenario da Catedral de Tui en 2025, no impulso de Música no Claustro pola investigación e difusión do seu patrimonio co apoio da Concellaría de Cultura e Ensino do Concello de Tui, o Cabido Catedralicio e a Secretaría Xeral de Cultura da Xunta de Galicia.

 

- Publicidade -spot_img