O equipo do Citroën C3 R5 imponse no 53 Rally Recalvi Rías Baixas e afianza o seu liderado á fronte do Campionato Galego de rallys.
Víctor Senra e o seu copiloto David Vázquez xa forman parte da historia do Rally Recalvi Rías Baixas. Este sábado inscribiron o seu nome como vencedores da 53º edición, tras conseguir o mellor tempo en cinco dos nove tramos disputados na segunda etapa da proba viguesa. Alberto Meira (con catro scratchs) foi segundo e Ricardo Costa completou o pódium.
O actual campión galego encarou a segunda etapa do Rally desde a vixésima posición, despois de deixarse 22 segundos nas dúas pasadas á superespecial Vigo – O Castro. Pero no primeiro tramo deste sábado levantouse xa ao segundo posto tras marcar o mellor tempo e aproveitarse, sobre todo, dos problemas do portugués Ricardo Costa e a picada que lastrou toda a proba ao campión asturiano Óscar Palacio.

Ao liderado da clasificación xeral levantouse Alberto Meira, que logrou o segundo mellor tempo no TC3. O de Vincios saíu a por todas no TC4 (Gondomar – O Porriño) e aumentou a súa vantaxe con Senra, pero unha buxaina en Salceda e un novo scratch de Senra na especial de Vigo – Alba – Nigrán relegoulle á segunda posición.
Cos dous pilotos separados por sete segundos, a loita pola primeira praza presentábase apaixonante. Esperábase que Alberto Meira volvese atacar no Tramo Gondomar – O Porriño, pero problemas no turbo do seu Citroën DS3 R5 fixéronlle perder moito tempo con respecto a Víctor Senra, finalizando o segundo bucle a + 51.674 do líder.

Co rallye xa de fronte, o do Citroën C3 R5 preferiu non arriscar na última sección do 53 Rallye Recalvi Rías Baixas e mesmo aproveitou para probar novos reglajes na súa montura.
Toda a atención centrouse entón na loita pola segunda e terceira praza. Meira puido liquidar os problemas do seu Citroën DS3 R5 na asistencia e anotouse o scrtach nos tres últimos tramos da tarde, o que lle permitiu asegurarse o segundo caixón do podio, a 21 segundos de Senra e con +30.751 de vantaxe sobre o portugués Ricardo Costa, que lle gañou a batalla por ese terceiro caixón a Iago Caamaño. Manuel Fernández, vencedor da pasada edición do 53 Rally Rías Baixas foi quinto.
O grupo de dez primeiros clasificados completárono Óscar Palacio, o excampeón galego de rallys Luís Vilariño, David González Gil e Jorge Cagiao, piloto do Renault Clio pertencente ao Recalvi Team e que logrou vencer dentro da categoría N5 ao Suzuki Swift de Pablo Rey, décimo clasificado.
As Copas de promoción
Nun rally complicado pero que compensou con decoro, o portugués Ricardo Costa foi, ademais, o piloto mellor clasificado da Pirelli- Driver Top Ten A. Na Pirelli- Driver Top Ten B dominou con total autoridade Francisco Dourado. A primeira etapa finalizou con Jose Manuel Pazos no máis alto desta Copa, pero Dourado levantouse ao liderado no primeiro tramo desta segunda xornada e xa non se apeou do mesmo.

Na Pirelli- AMF MotorSport viviuse algo parecido. Rubén López, que chegaba aquí coa bitola de líder destacado, logrou subir ao primeiro posto na primeira pasada por Vigo – O Castro, pero a partir de aí Joaquín Pérez Rey levou o mando da proba, certificando a vitoria final con 31 segundos de vantaxe sobre López.



