spot_img
InicioPontevedra e ÁreaO Consello da Cultura Galega homenaxea os  navegantes galegos en “Inventio mundi”

O Consello da Cultura Galega homenaxea os  navegantes galegos en “Inventio mundi”

O Consello da Cultura Galega homenaxea os  navegantes galegos en “Inventio mundi”A presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Rosario Álvarez,  inaugurou onte no Museo de Pontevedra a última exposición producida pola institución. Chámase «Inventio Mundi. Galicia nas viaxes transoceánicas. Séculos XV-XVII» e tal e como explicou a presidenta “ten unha dobre condición, a de traer á memoria unha parte importante da historia de Galicia e de homenaxear aos esforzados navegantes galegos que abriron os camiños do mar, atopasen ou non gloria na empresa”.

Pola súa banda, o director do museo, José Manuel Rey, destacou que “poucas cidades como Pontevedra terán un pasado tan estreitamente vinculado co mar e darían á Historia tantos navegantes; e poucos museos terán aos mariños e navegantes tan presentes entre as súas coleccións”.

Na súa intervención o secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, subliñou que esta exposición é unha “nova forma de homenaxear a todos aqueles galegos que levan séculos levando o noso nome polo mundo”.

Neste sentido, Rodríguez Miranda destacou que a mostra “realza o papel de Galicia nas viaxes transoceánicas dos séculos XV a XVII”, que foron o punto de partida da unión entre Galicia e América.

Unha unión que, como explicou, perdura cinco séculos despois, foi reforzada de modo extraordinario pola emigración galega dos séculos XIX e XX, e “segue hoxe máis viva que nunca”. “Os procesos migratorios resultan fundamentais para entender o nacemento e consolidación da cultura galega moderna”, subliñou o secretario.

Neste escenario, Rodríguez Miranda salientou a importancia destes movementos para entender o “nacemento e consolidación da cultura galega moderna e da nosa identidade contemporánea, unha suma de afectos e afirmacións aberta ao mundo e disposta á mestizaxe”.

A expedición de Magalhães/Elcano en imaxes

A mostra amosa as consecuencias que a expedición Magalhães/Elcano, que partiu hai 500 anos, tivo para Galicia. Esta formidable viaxe deu ao vello reino galego unha oportunidade de aproveitar a súa situación nas rutas atlánticas, as vantaxes dos seus portos e a tradición dos seus mariñeiros.

Pese a que Os Reis Católicos descartaran Galicia como núcleo da Carreira das Indias, a Casa da Especiaría da Coruña, de onde partiría a segunda expedición para as Illas Molucas, foi un soño breve, pero deulle a Galicia un notable protagonismo.
Ofelia Rey é a comisaria desta mostra que se pode ver ata o 14 de xaneiro.

- Publicidade -spot_img