Inicio Galicia O Parque Illas Atlánticas de Galicia conta co seu primeiro plan de...

O Parque Illas Atlánticas de Galicia conta co seu primeiro plan de autoprotección para a xestión das situacións de emerxencia

Preto de 50 voluntarios recollerán información sobre os usos do medio mariño e as aves mergulladoras das Illas Atlánticas
Praia das illas cies dende o miradoiro

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, avanzou onte que a Dirección Xeral de Patrimonio Natural xa ten elaborado o primeiro Plan de autoprotección do Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, co que se pretende garantir a xestión das situacións de emerxencia que poidan acontecer nas illas do parque, é dicir, dotar a este espazo natural dunhas ferramentas de planificación propias que melloren a capacidade de resposta e facer fronte ás posibles emerxencias que puidesen presentarse.

Tal e como sinalou a conselleira na xornada técnica de presentación deste documento, o feito de que Illas Atlánticas conte cun plan de autoprotección é de gran importancia para poder establecer os recursos humanos e materiais necesarios, así como as secuencias de acción que os grupos de intervención levarán a cabo para conseguir unha xestión eficaz das situacións de emerxencia que se puideran dar dentro dos límites do parque nacional. Trátase pois de dar unhas pautas e de xerar unha organización ante unha situación de emerxencia.

A conselleira de Medio Ambiente destacou que grazas a este documento dase resposta a cuestións de moita importancia para a conservación e protección dos valores das illas que conforman o único parque nacional en Galicia, como a fixar as actuacións ante un risco de incendio ou calquera outro incidente que poña en perigo a persoas, actividades e bens materiais ou naturais.

Sinalou que o plan de autoprotección é o documento co que se garante a intervención inmediata dos distintos grupos de accións e persoas implicadas, así como permite a coordinación e intervención inmediata das axudas externas.

Ángeles Vázquez destacou que neste plan tamén se determinan as responsabilidades e manda para cada unha das emerxencias que poidan acontecer, así como os procedementos de comunicación e coordinación entre os grupos operativos. Esta funcionalidade será posible grazas á organización e adestramento dun equipo humano cunhas funcións específicas, a mellora dos medios materiais para a intervención e a programación periódica de simulacros e exercicios que permitan incrementar o grao de eficiencia na neutralización das posibles ameazas internas ou externas.

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda recordou que o plan de autoprotección é unha das novidades que se estableceu coa aprobación do Plan Reitor de Uso e Xestión do Parque Nacional Illas Atlánticas de Galicia, aprobado polo Consello da Xunta a finais de decembro de 2018 e que entrou en vigor a comezos deste mesmo ano, e que rexerá durante a vindeira década no único parque nacional presente na Comunidade Autónoma.

Reiterou que un PRUX, e o do Parque Nacional en particular, é un claro recoñecemento ao traballo realizado para dotar a este espazo natural único en Galicia dunha folla de ruta na que se detallan os obxectivos e os criterios de xestión, establecendo a normativa de protección, a regulación de aproveitamentos, a zonificación e as actuacións expostas para o próximos dez anos en materia de conservación, uso público, investigación, seguimento.

- Publicidade -

ÚLTIMA REVISTA

+ VISTOS

ETIQUETAS

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies