O Concello de Nigrán convoca un ano máis o xa tradicional concurso de carteis ‘Quin Alborés’, dotado con 500 euros á proposta gañadora, co obxectivo de difundir a imaxe do Nigranjazz 2018.
O prazo de presentación de propostas comeza o mércores 2 de maio e remata o venres 8 de xuño. As bases para participar poden consultarse na web do Concello (www.nigran.org), ou na propia Casa Consistorial.
O concurso está aberto a persoas físicas maiores de 18 anos, podendo presentar cada unha delas un máximo de dúas obras, coa condición indispensable de ser inéditas e cunha estética relativa ao mundo do jazz. Os orixinais realizaranse en formato vertical, en tamaño A2 (594 x 420 mm.) cunha calidade mínima de 350 ppp. Os traballos presentados deberán garantir o anonimato dacordo co previsto nas bases e poderán enviarse por mail ou por Rexistro ou Correos seguindo as indicacións facilitadas nas devanditas bases.
Este certame rende homenaxe dende o ano 2010 ao artista nigranés Quin Alborés, gran amante do jazz e quen impulsou o Festival dende o seu comezo deseñando os seus tres primeiros carteis.



