spot_img
InicioBaixo MiñoNava Castro visita os traballos realizados na contorna Muíños do Folón e...

Nava Castro visita os traballos realizados na contorna Muíños do Folón e do Picón, un dos 700 BICs da Comunidade galega

A directora de Turismo visitou hoxe os avances dos traballos realizados na contorna Muíños do Folón e do Picón, un dos 700 BICs da Comunidade galega, onde se vén de instalar un quiosco que mellora a experiencia dos visitantes

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, visitou hoxe no Rosal os avances dos últimos traballos levados a cabo nos Muíños do Folón e do Picón, un dos preto de 700 Bens de Interese Cultural (BIC) que están catalogados no conxunto da Comunidade galega e onde se vén de mellorar a experiencia dos visitantes que se achegan a coñecer este recurso turístico.

Ao abeiro da colaboración de Turismo de Galicia con este concello pontevedrés, o goberno galego investiu na posta en valor turística desta área xa máis de 250.000€ que posibilitaron a creación dunha área de recepción, aparcadoiro e bancadas ao aire libre para facilitar o traballo dos guías turísticos. Os últimos avances inclúen a construción dun quiosco na zona de recepción para dotar de maior comodidade a visita e tamén se colaborou para poder sinalizar o acceso por estrada a este BIC.

Coa súa presenza, Nava Castro puxo en valor o papel que a actividade turística está a ter á hora de conservar e manter os BICs en Galicia, dos que máis de 300 están nesta provincia pontevedresa. “Os Muíños do Folón e do Picón son un recurso cun potencial turístico innegable como demostra que sexa considerado como un complexo histórico, etnográfico e único en Europa”, explicou Nava Castro.

Impulso para o medio rural

Neste sentido, referiuse ao turismo cultural como un dos segmentos turísticos cun maior potencial de crecemento, só superado pola paisaxe e a gastronomía. Recursos como os BICs permiten afondar no seu impulso á vez que favorecen economicamente as zonas nas que se sitúa, especialmente no rural, converténdose en elementos clave para desestacionalizar e atraer visitantes que xeren sustentabilidade económica e ambiental.

Con esta iniciativa o Goberno galego dá resposta ao seu compromiso, incluído na Estratexia do turismo de Galicia 2020, por facer da Comunidade un destino de calidade, sustentable, responsable, diversificado e accesible, posibilitando que os concellos de toda a xeografía galega poidan recuperar os seus mellores recursos diferenciadores.

- Publicidade -spot_img