spot_img
InicioBaixo MiñoA GuardaO certame “Vilas en Flor” distingue a 39 municipios galegos coas Flores...

O certame “Vilas en Flor” distingue a 39 municipios galegos coas Flores de Honra pola súa xestión paisaxística

O certame “Vilas en Flor” distingue a 39 municipios galegos coas Flores de Honra pola súa xestión paisaxísticaO acto celebrouse no Auditorio de Caldas de Reis, coa presencia da conselleira de Medio Ambiente, o tenente de alcalde da localidade e o presidente da Fundación Juana de Vega, xunto con representantes de entidades organizadoras, patrocinadores e membros do xurado

Revista COUSAS DE Nº15

No certame «Vilas en Flor» deste ano participaron 39 concellos de toda Galicia aos que se espera que se unan moitos máis durante o ano 2023, como salientou a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez Mejuto, que presidiu este acto ao que asistiron representantes de todos os municipios participantes. Estiveron presentes tamén o primeiro tenente de alcalde de Caldas, Manuel González Martínez; o presidente da Fundación Juana de Vega, Enrique Sáez; o presidente da Asociación Galega de Empresas de Xardinería, AGAEXAR, Víctor Pérez Vilar, e o presidente da Asociación de Viveristas do Noroeste, ASVINOR, Ignacio Etxebarria. Antes da entrega dos galardóns pronunciou unha conferencia o biólogo Francisco Rodríguez Trinidad, sobre a mala praxe na xestión do arborado urbano en pobos e vilas de Galicia.

Tras a ponencia deu comezo a entrega das distincións coa intervención do director do movemento Vilas en Flor e director da Escola Galega da Paisaxe, Pedro Calaza, que agradeceu o apoio de ASVINOR e AGAEXAR como entidades organizadoras xunto coa impulsora da iniciativa, a Fundación Juana de Vega. Tamén destacou a implicación da Consellería de Medio Ambiente e das empresas patrocinadoras, Rain Bird e Husqvarna.

FLORES DE HONRA OUTORGADAS

  • 4 flores de honra: Tomiño, Chantada e Allariz.
  • 3 Flores de honra: A Guarda, Caldas De Reis, Cambados, Baiona, Gondomar, Carballo, Lalín, Mondoñedo, Narón, Ponteceso, San Sadurniño, Salceda De Caselas, Salvaterra De Miño.
  • 2 Flores de Honra: A Laracha, Fene, Tui, Oza-Cesuras, O Carballiño, Culleredo, Cuntis, Arteixo, Abegondo, As Somozas, Pontedeume, Sada, Sarria, Vilagarcía
  • 1 Flor De Honra: Miño, Mondariz, San Xoan De Río, A Pobra De Trives, Curtis,  Ortigueira, A Estrada, Leiro, Coristanco

A continuación explicou as claves dunha iniciativa que iniciou a súa andadura en Galicia no ano 2018 co obxectivo de apoiar as boas prácticas no eido ambiental dos municipios galegos de menos de 40.000 habitantes. Comezou con só cinco participantes e foi tal o éxito do proxecto que se multiplicou ata acadar 39 localidades nesta edición. Pedro Calaza aclarou que Vilas en Flor non é un concurso sobre estética, senón que busca o recoñecemento ao labor que desenvolven os concellos para poñer en valor o medio ambiente, protexer e mellorar espazos verdes urbanos e rurais e contribuír á mellora da calidade de vida dos residentes, así como promover os atractivos turísticos vinculados ao paisaxismo.

A continuación tivo lugar a lectura na acta, pola que se concederon as flores de honra, que van de unha ao máximo de cinco, e se outorgan en virtude da análise dun xurado multidisciplinar composto por expertos profesionais e especialistas vinculados ao paisaxismo. A través de visitas técnicas a todos os municipios participantes, o equipo valorou aspectos relacionados co patrimonio paisaxístico, o respecto ao medio ambiente, o aproveitamento dos espazos verdes para fomentar a saúde pública, a xestión da auga e dos residuos, as actividades de promoción dirixidas á cidadanía e tamén a xestión turística.

Tras o acto de entrega interviñeron os representantes institucionais, que valoraron a excelente traxectoria de Vilas en Flor desde a súa posta en marcha en Galicia. Pola súa banda, a conselleira de Medio Ambiente destacou o papel de Vilas en Flor para “descubrirnos tesouros da gran xoia natural que e Galicia”, e que é necesario seguir promocionando a nivel internacional. Agradeceu o esforzo dos organizadores e participantes e salientou a importancia de desenvolver accións para que os concellos prioricen os seus espazos verdes. Engadiu que a planificación, o ordenamento e o bo facer ao final teñen a súa recompensa, con recoñecementos como Vilas en Flor, co mérito engadido de que implica un enorme esforzo manter o nivel e seguir conquerindo este recoñecemento ano tras ano.

O presidente da Fundación Juana de Vega salientou que a entidade compre 150 anos tras o pasamento da súa inspiradora, que deixou por vontade testamentaria destinar o seu patrimonio á mellora da calidade de vida do rural. Un legado que a Fundación aborda desde numerosas frontes, como paisaxismo, a través da Escola Galega de Paisaxe. Neste marco inscríbese o Certame Vilas en Flor, sinalou Enrique Sáez, para destacar o labor que desenvolven as asociacións Agaexar e Avisnor neste ámbito, para contribuír á mellora da paisaxe dos municipios galegos. Tamén quixo transmitir a súa felicitación ao xurado aos municipios galardoados.

O anfitrión do acto, o tenente de alcalde de Caldas de Reis, deulles a benvida a todos os asistentes ao seu concello, hoxe convertido na “capital das Vilas en Flor” e das boas prácticas en paisaxismo. Quixo transmitir os parabéns a este certame e agradecer ás distincións outorgadas a todos os concellos participantes, xa que “significan que imos no bo camiño na xestión da paisaxe dos nosos municipios”. Engadiu que desde o seu concello intentarán mellorar e acadar unha nova flor na próxima edición, para o que seguirán traballando nas liñas xa iniciadas, xa que “cremos moito neste proxecto e estamos moi implicados”.

- Publicidade -spot_img