spot_img
InicioPontevedra e ÁreaPontevedraNovos Cinemas acollerá nesta edición o primeiro foco dedicado á cineasta lisboeta...

Novos Cinemas acollerá nesta edición o primeiro foco dedicado á cineasta lisboeta Susana Nobre

En canto ás proxeccións de APERTURA e CLAUSURA, o cineasta aragonés Raúl Capdevila inaugurará o festiva estreando en Galicia Los saldos (2022), a súa primeira longametraxe, coproducida xunto ao coruñés Andrés Sanjurjo; e o arxentino Santiago Fillol clausurará o certame con Matadero (2022), unha obra intensa sobre a loita de clases durante a rodaxe dun documental na Pampa no 1974.

Revista COUSAS DE Nº15

Novos Cinemas – Festival Internacional de Cinema de Pontevedra, presenta hoxe os primeiros contidos da programación da súa próxima edición, que terá lugar entre os próximos 13 e 18 de decembro.A cineasta, guionista e produtora Susana Nobre, visitará a cidade como protagonista da sección FOCO. Trátase dunha unha figura a reivindicar no efervescente panorama do cinema luso contemporáneo. Autora de tres curtametraxes e cinco longametraxes cunha relevante recepción no circuíto de festivais internacionais, a realizadora compartirá cos asistentes a súa concepción do cinema e protagonizará un encontro aberto ao público no que falará da evolución da súa obra e amosará imaxes inéditas da súa última longametraxe, Cidade Rabat.

A sétima edición de Novos Cinemas celebrarase entre os próximos 13 e 18 de decembro en Pontevedra.

Deste xeito Novos Cinemas presenta o primeiro monográfico dedicado á obra cinematográfica da realizadora, guionista e produtora lisboeta, no que se poderán ver varios dos sus filmes como O que pode um rosto (2003) ou Lisboa-Província (2010), Provas, Exorcismos (2015) ou No Táxi do Jack (2021).

Se afondamos nestes catro filmes, Provas, Exorcismos (2015) incide no universo laboral para radiografar a situación dun proletariado que, ademais de crises económicas, sofre os efectos das prácticas especulativas dun accionariado que o concibe como material funxible. Este retrato da dignidade de clase encontra o seu correlato ou extensión natural en No Táxi do Jack (2021). O que pode um rosto (2003) e Lisboa-Província (2010) centran os seus relatos na esfera da área asistencial sanitaria. Na súa primeira longametraxe, Susana Nobre documenta con suma atención e coidado os protocolos desenvolvidos nun centro oncolóxico lisboeta. Pola súa banda, Lisboa-Província depura o contextual e o colectivo para ilustrar sutilmente a íntima, epidérmica e confesional, relación entre enfermeira e paciente, mentres incide levemente na biografía laboral e sentimental da súa protagonista.

Fimes de apertura e clausura

En canto ás proxeccións de APERTURA e CLAUSURA, o cineasta aragonés Raúl Capdevila inaugurará o festival, o martes 13 de decembro, estreando en Galicia a súa primeira longametraxe, Los saldos (2022), un documental de produción galega estreado mundialmente no prestixioso certame helvético Visions du Réel, no que colisionan os conceptos de granxa e macro-matadoiro. 

Na película, José Ramón Capdevila, o último de tres xeracións de labregos e gandeiros, recibe a noticia de que o seu fillo Raúl vai volver á casa despois de non atopar traballo na cidade. Coa esperanza de encontrar algo mellor, ambos volven traballar xuntos na granxa, ao tempo que, na vila, se anuncia o desembarco do “Grupo Pini”, importante empresa do sector cárnico que quere construír un enorme macro-matadoiro.

O arxentino Santiago Fillol collerá a testemuña e pechará o certame, o domingo 18 de decembro, con Matadero (2022), unha obra intensa sobre a loita de clases durante a rodaxe dun documental na Pampa no 1974.

O filme conta a historia dun cineasta estadounidense chega á pampa arxentina para rodar Matadero: unha fábula fundacional sobre a loita de clases entre un grupo de traballadores asasinados polos seus xefes. Sitúaseno 1974 e a violenta persecución da esquerda vén de empezar na Arxentina mentres os actores máis novos da rodaxe están a piques de saltar á militancia clandestina.

O festival Novos Cinemas, que está organizado pola Asociación Cultural Novos Cinemas e Matriuska Producciones, conta co financiamento do Concello de Pontevedra, a Xunta de Galicia a través da Agadic, a Deputación de Pontevedra, a Universidade de Vigo e o ICAA.

- Publicidade -spot_img