spot_img
InicioBaixo MiñoA GuardaO AECT crea un "anel verde" de 180 km de sendeiros continuos...

O AECT crea un “anel verde” de 180 km de sendeiros continuos arredor do río Miño

O AECT Rio Minho estudará os problemas de mobilidade transfronteiriza grazas á aprobación dun novo proxecto europeoAECT Rio Minho quere potenciar o Río Miño como destino de natureza e para iso vai lanzar unha nova iniciativa: identificar os sendeiros que existen arredor da conca fluvial e unilos para crear un ‘Anel Verde’ con 180 quilómetros de rutas continuas accesibles a pé e en bicicleta.  A información sobre o ‘Anel Verde’, coas características de todos os treitos, será subida a Wikiloc e dinfundirase para dalo a coñecer entre o público que busca destinos relacionados co ecoturismo, a aventura e o patrimonio.

A creación do ‘Anel Verde do Río Miño’ foi anunciado hoxe polo deputado de Cooperación Transfronteiriza e vicedirector do AECT Uxío Benítez, quen explicou que nestes momentos estase a facer traballo de campo coa intención de presentar o proxecto aos concellos da zona o vindeiro mes de outubro.

O deseño do itinerario do Anel Verde está nestes momentos aínda aberto. Estase a trazar a xeolocalización das rutas que o conforman a través de todos os concellos da conca do Miño dende Caminha a Melgaço volvendo ata A Guarda pola parte galega, preferentemente polos sendeiros e pasos existentes máis preto do río, así como tamén por onde existen elementos de paisaxe, culturais e patrimoniais máis senlleiros. Esta formulación do Anel Verde será logo cotexada coa información municipal.

Tamén se están a elaborar fichas coas características de cada treito da ruta, como o grao de dificultade, situación e conservación, accesibilidade, se é recomendable para familias, ou tamén información sobre os elementos de interese que poida haber. Todo isto subirase a Wikiloc, unha ‘mashup’ internacional que reúne e comparte rutas ao aire libre xeorreferenciadas con puntos de interese en todo o mundo e dispoñible en varios idiomas, que é consultada como referencia por milleiros de persoas que buscan excursións de sendeirismo e itinerarios de moi diferentes tipoloxías.

Unha das vantaxes do traballo de campo que está a realizar o AECT é que está a identificar zonas non transitables, que precisan de rozas ou acondicionamentos (recuperacións de firmes, ampliación ou mellora para a circulación ciclista); permite localizar os puntos nos que é preciso facer unha interconexión entre rutas próximas pero aínda non unidas ou mellorar a continuidade existente; documenta o estado da sinalización, para a instalación de novos paneis informativos ou a súa reposición; e permite ampliar datos sobre as especies naturais de fauna e flora xa recollidas noutros traballos sobre a natureza da zona. Os resultados deste ‘levantamento’ do terreo servirán de base para actuar e chegar á máxima calidade da ruta.

O obxectivo de todo este traballo é a creación final do ‘Anel Verde do Río Miño’, unha proposta de ruta xeolocalizada continua de 180 km arredor do río con información e os máximos e mellores servizos para as persoas usuarias, que permita poñer o espazo natural en valor como un destino turístico de calidade para así realizar unha oferta internacional. De feito, preténdese unificar tamén a imaxe visual e corporativa para difundir campañas de promoción.

A iniciativa da creación do Anel Verde leva ‘en carteira’ dende hai tempo. De feito, o AECT Rio Minho xa realizou varias enquisas entre as persoas que participaron nas actividades ‘Vive o Rio Minho‘ na campaña de verán de 2020 nas que se realizaran rutas de sendeirismo por tramos moi transitados, actividades de aventura e tamén de turismo cultural e patrimonial. A finalidade dos inquéritos era obter información sobre cales eran as principais peticións, os aspectos a mellorar e outros datos analíticos para definir estratexias de futuro.

- Publicidade -spot_img