spot_img
InicioPontevedra e ÁreaNigrán celebra o 'Día Internacional de Eliminación da Violencia Contra as Mulleres'...

Nigrán celebra o ‘Día Internacional de Eliminación da Violencia Contra as Mulleres’ con múltiples accións

Nigrán celebra o 'Día Internacional de Eliminación da Violencia Contra as Mulleres' con múltiples acciónsAdemais da campaña nos establecementos comerciais ‘En negro contra as violencias’, o luns pola mañá o Concello ofrece a través de Ciudad Ciencia un obradoiro específico para alumnos do IES Val Miñor a cargo de investigadoras da Universidad Complutense de Madrid. Ás 19:00 no Auditorio Municipal proxectarase a película ‘El Refugiado’ e previamente inaugurarase a exposición fotográfica do GALP ‘O mar tamén ten mulleres’ 

                                                               

O Concello de Nigrán súmase un ano máis á conmemoración do ‘Día Internacional de Eliminación da Violencia Contra as Mulleres’ o luns 25 de novembro con múltiples accións ese mesmo día e coa campaña ‘En Negro contra as violencias’ na que participan máis de cen establecementos comerciais, educativos e sociais do municipio.

A xornada arrancará ás 11:15 horas no IES Val Miñor co obradoiro ‘Por unha sociedade libre das violencias machistas’ que o Concello de Nigrán ofrece a través de Ciudad Ciencia para os alumnos de 3º da ESO. As investigadoras Concepción Castrillo e Ana Vicente, do Grupo de Estudos Socioculturais Contemporáneos da Universidade Complutense de Madrid, desprázanse ex-profeso a Nigrán para impartir este obradoiro onde explicarán conceptos e coñecementos crave sobre xénero e discriminación e, en especial, sobre as agresións sexuais. Con esta actividade preténdese, ademais, visibilizar os diferentes tipos de violencia contra as mulleres e os ámbitos nos que se exercen; esencial para a prevención destas actitudes e comportamentos. O obxectivo primordial é ofrecer ferramentas á poboación xuvenil para identificar a violencia de xénero nas súas diferentes manifestacións. A continuación, ás 12:00 horas, realizarase unha concentración de 5 minutos na Praza do Concello de Nigrán onde se anima á participación da veciñanza acudindo vestidos de loito en sinal de rexeitamento a todo tipo de violencia machista.

Xa pola tarde, o Concello inaugurará ás 19:00 horas no Auditorio Municipal a exposición fotográfica do Grupo de Acción Local Ría de Vigo-A Guarda (GALP 7) ‘O mar tamén ten mulleres’, que visibiliza o traballo feminino neste sector, historicamente nun segundo plano. Esta exposición é froito dunha recompilación de imaxes cedidas por entidades e particulares e que se cingue aos territorios de Nigrán, Baiona, Cangas, Moaña, Vilaboa, Soutomaior, Redondela, Vigo, Oia, O Rosal e A Guarda. ‘O mar tamén ten mulleres’ recolle a historia das mariscadoras, as redeiras, as carrexonas, as percebeiras, as peixeiras, as traballadoras da salga e a conserva, as bateeiras e de todas as mulleres do mar. Todas elas foron protagonistas do seu tempo e tamén o son agora desta exposición que recupera as sabenzas de mulleres anónimas para poñer en valor o seu traballo e renderlles homenaxe ao rescatar capítulos preciosos da nosa memoria histórica.

A continuación o Concello de Nigrán ofrecerá a proxección da película ‘El Refugiado’, sinalada polos Premios Cóndor como Mellor Película Argentina do ano 2014 e probablemente un dos mellores retratos sobre a violencia de xénero xamais plasmado na gran pantalla.

- Publicidade -spot_img