spot_img
InicioPontevedra e ÁreaPontevedra'Grazas xoguetes': A nova campaña da Deputación que agradece neste Nadal aos...

‘Grazas xoguetes’: A nova campaña da Deputación que agradece neste Nadal aos xogos poder soñar sen estereotipos de xénero

'Grazas xoguetes' A nova campaña da Deputación que agradece neste Nadal aos xogos poder soñar sen estereotipos de xéneroA campaña está protagonizada pola inmunóloga África González, a cineasta Emma Lustres, o bailarín Diego Landín, a futbolista Paula Dapena e o cociñeiro Pepe Solla, que lembran os xoguetes que lles inspiraron para elixir a súa profesión

Revista COUSAS DE Nº15

Os xoguetes axúdannos a cumprir os nosos soños, libres de prexuízos e estereotipos sexistas. Esta é a principal mensaxe que lanza a potente campaña da Deputación deste ano para a adquisición e uso de xogos e xoguetes igualitarios nas vindeiras festas, cuxo lema é “Grazas xoguetes”. Está  protagonizada por cinco profesionais da provincia que agradecen aos seus divertimentos infantís terlles inspirado para elixir a súa ocupación laboral, todas en ámbitos no que o seu sexo aínda está infrarrepresentado. Son a inmunóloga África González, a cineasta Emma Lustres, o bailarín Diego Landín, a futbolista Paula Dapena e o cociñeiro Pepe Solla. Estes tres últimos participaron hoxe na presentación xunto a Laura Seara, de Red Talento Consultoras, creadora da iniciativa, que, como destacou a presidenta provincial Carmela Silva, “é unha campaña única e moi relevante, que vai ter moito impacto. Levamos oito anos facéndoa e todas foron un éxito pero a deste Nadal é potentísima e moi impactante”. Amais, a campaña volve incluír un concurso escolar para elixir “O mellor xoguete do mundo” polo alumnado de 3º e 4º de Primaria.

“Grazas xoguetes por axudarnos a soñar sen estereotipos” reivindica a importancia e o decisivo papel dos xogos xoguetes na educación, no desenvolvemento da personalidade e na elección de futuras profesións. As distintas pezas da campaña amosan aos e ás citadas profesionais cos xoguetes que lles inspiraron e aos que dan as grazas por axudarlles a soñar  e ensinarlles que podían ser o que quixeran. Pepe Solla xogou de neno cunha cociniña vendo a súa avoa; África González lembra o estetoscopio que tivo de regalo; Paula Dapena o balón co que xogaba de nena; Emma Lustres a súa primeira cámara de cine de xoguete e Diego Landín os peluches de animais bailaríns. Xunto ás frases de cada un,  un lema común:  Este Nadal aposta polo talento das túas fillas e fillos, aposta por xoguetes libres de estereotipos.

Carmela Silva agradeceu a participación de profesionais “tan relevantes, referentes a nivel nacional e internacional que van permitir co seu compromiso que xuntos e xuntas reflexionemos cando vaiamos mercar un xoguete”, e louvou o relato desta campaña:  “Xogar marca a vida e o obxectivo é  que nenas e nenos experimenten co xogo e poidan acabar sendo o que desexen libremente e que se abra un gran abano. Non só as nenas teñen pechadas moitas cousas que poderían ser e facer, senón tamén os nenos. Que todos e todas teñamos calquera decisión nas nosas mans, para poder construír unha vida de seres felices que fan o que lles gusta, o que soñaron cando xogaban”.

Neste senso, citou a Heidi Britz-Crecelius para afirmar que “non hai nada que os seres humanos fagan, saiban, pensen, esperen ou teman que non teña sido experimento, practicado ou ao menos anticipado durante a etapa do xogo na infancia”. Carmela Silva puxo tamén en valor a entrada en vigor do Código Deontolóxico sobre Publicidade non Sexista acordado entre o Goberno e o sector da publicidade e fabricantes, que busca evitar nesgos e roles de xénero nos anuncios, como a Deputación ven facendo desde hai 8 anos. “Creo que o xoguete é unha actividade humana fundamental que marca os nosos soños, os nosos desexos, o que queremos ser, pero tamén marca como somos como seres humanos. Se se nos educa en igualdade, se se permite que nenos e nenas teñan a capacidade de elixir libremente con que xogar, como vivir e imaxinar, porque iso é o xoguete, construiremos unha sociedade na que poderán ser o que queiran cando teñan que decidir”.

Laura Seara, de Red Talento Consultoras, destacou o papel da Deputación nestas iniciativas “porque non hai unha institución que sexa máis referente no Estado neste traballo a prol do xoguete igualitario e non sexista”. Agradeceu o traballo do publicista Pablo Ojea e a ilustradora Iria Prol e subliñou que na campaña están presentes os tres principais axentes da socialización: “a familia, porque está dirixida a pais e nais para que lle dean unha pensada aos xoguetes que van poñer nas mans dos seus fillos e fillas; o profesorado, e un terceiro que ten que ver co que se aprende a través das amizades e nas redes sociais”. Neste senso, destacou que os e as protagonistas da campaña son “influencers moi importantes”.

As e os protagonistas uníronse ao chamamento. Pepe Solla subliñou que este tipo de campañas amosan que “aínda hai fisuras na sociedade”. “Vivimos nunha sociedade que cada vez máis se regula por leis e prohibicións, e obviamos que educar é un proceso moito máis importante. É máis lento, pero ten moitísimo mellor resultado. Por iso é un orgullo pensar que teño participado nalgo como isto, que amosa como me gustaría que se regulase a sociedade. E pensar sobre todo que se dirixe aos nenos/as, porque eles/as van construír a sociedade que veña. Temos que deixarlles un legado”.

Diego Landín, director do Ballet de Galicia en Marín, lembrou a súa experiencia no ámbito da danza, “onde está moi separado o que teñen que facer o home e a muller ou o que poden facer” e onde a presenza masculina cando comezou e na actualidade segue a ser escasa. “Sempre me sentín protexido na casa –indicou- onde me permitiron soñar co que quería ser. Pero creo que é inxusto que moitas e moitos rapaces se sintan desprotexidos por xogar cos xoguetes que queren xogar. Estou moi agradecido de facer equipo con estes profesionais”.

Pola súa banda, a futbolista Paula Dapena, lamentou que o fútbol segue a ser “un dos ámbitos máis machistas en todo o mundo” e lembrou que a campaña “é moi importante para que nenos e nenas aprendan que o fútbol, o baile, a cociña, a investigación e o cine son cousa de todos e que non hai xogos de nenos ou nenas”. “Quixera pedir a pais nais, avós e avoas, que teñan en conta que o desenvolvemento dos nenos e nenas depende dos xoguetes que lles regalemos. A campaña é imprescindible para que a sociedade teña en conta que hai que vivir libre  de estereotipos e soñar que todos e todas podemos ser todo”.

“Faremos unha campaña moi viral”

Desde o vindeiro 7 de decembro ata o 6 de xaneiro a campaña terá soportes físicos e virtuais, que inclúen un vídeo colectivo e os individuais de cada protagonista, carteis, publicidade en medios e tamén nos autobuses urbanos de Vigo. Está dirixida á infancia, ás persoas encargadas de tomar a decisión de comprar un xoguete, como as familias, e tamén ao profesorado, Anpas, clubs deportivos e axentes culturais.

Concurso escolar

A campaña incluirá un concurso creativo dirixido á nenas e nenos de 3º e 4º de Primaria da provincia. Baixo o lema “O mellor xoguete do mundo”, animará ao alumnado a deseñar un xoguete orixinal, creativo, igualitario e non violento. Será un concurso por equipos (aulas) no que os e as participantes poderán deseñar o seu xoguete sen límites de tamaño ou peso, aínda que se valorará o emprego de material reciclable. Unha vez deseñado, deberán enviar foto da súa creación, con prazo ata o 30 de xaneiro, ao enderezo participa.igualdade@depo.es. O certame, do que se remitirá información aos centros, tamén estará dispoñible na web da Deputación. Está dotado cun primeiro premio para o centro gañador consistente nunha actividade didáctica e material educativo igualitario, e dous accésit, cos que os centros recibirán material educativo igualitario.

- Publicidade -spot_img