O Castelo de Soutomaior converteuse desde onte nun dos epicentros do Nadal na provincia tras a auténtica festa que se viviu no recinto co acendido das luces e co inicio da ampla programación que se desenvolverá nestas datas: mercadiño, visitas teatralizadas, obradoiros e buzón de soños.
Un grupo de elfas e elfos acompañaron á presidenta da Deputación, Carmela Silva, e a preto de 200 persoas, que participaron na conta atrás do acendido da espectacular iluminación led do Castelo que prendeu na torre da homenaxe, a do conde, a galería de damas, a muralla exterior e a construción principal da fortaleza, así como o bambán e as camelias máis senlleiras.
A torre da homenaxe e a do conde conta con cortinas luminosas led de 1,5, 6 e 9 metros de caída con microleds de cor branca cálida. Pola súa banda a galería das damas, a muralla exterior e a construción principal presentan cortinas luminosas led de 1,5 meros de caída tamén de cor branca cálida e co mesmo efecto.
Castelo de Sobroso
As mesmas cortinas de 1,5 metros de caída pódense ver tamén dende esta tarde no Castelo de Sobroso, alumeado este ano por vez primeira, en cuxo recinto están dispostos cervos iluminados.
A presidenta provincial expresou o desexo de paz e felicidade : “Temos convertido os castelos nunha auténtica festa do Nadal, en lugares de soños, máxicos, cheos de sorpresas e onde a xente vai ser moi feliz”.
Ademais de premer o botón de alumeado, Carmela Silva deu tamén o tiro de saída ao Mercadiño de Nadal, situado no xardín inglés de Soutomaior.
O mercadiño, aberto ata o 8 de decembro en horario de 11.30 a 14.00 e de 16.00 a 20.00 horas, conta con postos con produtos de quilómetro cero entre os que se atopan Rosa Crespo Pintora (Cangas), Sidrería Ribela (A Estrada), Conservas Agrelo (A Estrada), Embutidos San Martiño (A Estrada), Maruxío Terra e Sal (A Estrada), Mel Cañedo (A Estrada), Queixería Leite Ulla (A Estrada), Libraría Paz (Pontevedra), Colleiteiros Reunidos de Soutomaior, Adega San Salvador (Soutomaior), Viveiros Río Tollo (Tomiño), Acemelia (Vigo), Conservas Connorsa (Vilaboa) e Obradoiro Hedra (Vilaboa).
Visitas teatralizadas
Ao longo de decembro, o Castelo tamén ofrece visitas teatralizadas aínda que as 660 prazas xa están esgotadas. Serán a cargo da compañía Troula e comezarán este sábado, 3 de decembro ás 12.00 horas e 16.00 horas. As visitas, que continuarán o domingo, e os días, 6, 8, 10, 11, 17, 18, 23, 29 e 30 de decembro ás 12 e 16 horas, implicarán ás familias na “recuperación” do esplendor do Castelo.