No mes de outubro do pasado ano Gondomar sufriu unha vaga de incendios que comezou na parroquia de Peitieiros, estendéndose por outras parroquias do termo municipal.
O domingo día 25 ás 12 da mañá o Concello de Gondomar celebrará un acto homenaxe a todos os afectados por este atentado contra o medio ambiente e en agradecemento a todos aqueles que colaboraron de forma altruísta para a súa extinción.
Como máximo representante municipal, o alcalde, Francisco Ferreira manifesta que “é de xustiza que exista un monumento que nos lembre aqueles duros momentos vividos, que reflicta a importancia desa colaboración cidadá e das autoridades que se implicaron para salvagardar un dos bens máis prezados que ten o noso municipio, os seus montes”.
Para iso desenvolverá un sinxelo acto inaugural dunha escultura realizada por David Leiros Araujo, un novo escultor, acompañado dun dúo de violíns que interpretará pezas de Johann Sebastian Bach.
Contará ademais coa presenza da Presidenta da Deputación de Pontevedra Dna. Carmela Silva Rego, e co Presidente da Cámara de Gondomar de Portugal, D. Marco Martín, cidade coa que está hermanado o municipio, lembrando ademais que o noso país veciño este verán tamén foi un afectado, a maiores representantes de movementos asociativos, asociacións culturais, e demais autoridades civís e militares.
Quere o Alcalde, facer extensiva esta invitación a todos os veciños e veciñas de Gondomar para que sexan partícipes deste acto de recoñecemento e agradecemento.



