Inicio Galicia #FestGalicia cifra en 600.000 euros o impacto económico de festival Vive Nigrán...

#FestGalicia cifra en 600.000 euros o impacto económico de festival Vive Nigrán na comarca de Vigo

#FestGalicia cifra en 600.000 euros o impacto económico de festival Vive Nigrán na comarca de VigoHoxe presentáronse na Delegación da Xunta en Vigo os resultados do informe de avaliación deste evento, realizado como parte das accións da marca coa que a Administración autonómica promove Galicia como destino musical de calidade

O festival Vive Nigrán xerou un impacto económico de 600.000 euros na comarca viguesa, segundo os datos do estudo de avaliación da repercusión do encontro que foron presentados hoxe na Delegación Territorial da Xunta en Vigo. Este informe elaborouse como parte das iniciativas desenvolvidas pola Administración autonómica baixo a marca FEST Galicia, que promove o territorio galego como destino musical con criterios de calidade, sustentabilidade e responsabilidade social.

A Consellería de Cultura e Turismo impulsa a realización destes informes sobre o impacto económico, social e mediático dos eventos patrocinados por FEST Galicia, dos que se encarga un equipo de traballo da Universidade de Santiago (USC) co apoio da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic). Os resultados de Vive Nigrán, obtidos a partir de 1080 enquisas directas a asistentes e das cifras facilitadas polo propio festival, foron presentados hoxe pola delegada da Xunta en Vigo, Corina Porro; o director da Agadic, Jacobo Sutil; o cofundador e un dos directores de Vive Nigrán, Juan Rivas, e os codirectores deste traballo: Francisco J. Sanjiao, profesor do Departamento de Economía Aplicada da USC, e Fran Núñez, autor da metodoloxía orixinal empregada.

Un 13% de visitas de fóra de Galicia

Corina Porro valorou moi positivamente o retorno económico desta cita musical na comarca e adiantou, así mesmo, que no recinto instalado en Praia América os días 19 e 20 de xullo se rexistraron unhas 4300 visitas, das que un 13% procedían de fóra de Galicia. Explicou tamén que o gasto medio por persoa e día estímase –sen incluír transporte– en 65,59 euros, do que un 77% repercute directamente na área de Vigo.

Pola súa banda, Jacobo Sutil fixo fincapé nas marxes de retorno do impacto económico, que se sitúan entre 3,1 e 4 euros por cada euro investido polo festival, subliñando igualmente que estas cifras se incrementan ao analizar a optimización do investimento público por parte da organización do evento. Neste último caso, o retorno sitúase entre 15,5 e 19,5 euros por cada euro dos 15.700 adxudicados a Vive Nigrán a través da última convocatoria de subvencións da Agadic a festivais de música.

Tamén resulta interesante analizar o perfil de asistente máis común (muller, galega, de entre 25 e 44 anos, con estudos universitarios e traballadora por conta allea), que entronca co traballo que FEST Galicia vén desenvolvendo a prol da igualdade, dunha programación con perspectiva de xénero e da incorporación de mulleres nos postos de responsabilidade e técnicos.

Integración na contorna, trato do persoal e seguridade

A valoración do público, que lle outorga a esta terceira edición unha nota de 7,6 sobre 10, é outro dos datos salientables do informe. Entre as puntuacións máis destacadas, sitúanse preto do 9 as relativas á súa localización e integración na contorna, ao trato do persoal e á sensación de seguridade. Estas elevadas notas esténdese tamén aos intanxibles e ao impacto social: permite coñecer novos grupos de música (8,88) e ver en directo propostas musicais de calidade (8,71), xera un ambiente positivo (8,59), mellora o coñecemento da localidade (8,55) e a súa imaxe (8,30), xera impacto económico (8,29), atrae turismo (8,19) e favorece o orgullo local (8,02).

Na presentación de hoxe tamén se explicou o sistema de medición empregado: Avaliación 360º, unha metodoloxía pioneira e orixinal, que Fran Núñez desenvolveu na súa tese de doutoramento e que se explica nun manual editado pola Agadic.

Segunda temporada

No Vive Nigrán, o grupo de traballo da USC formou parte do equipo de FEST Galicia desprazado ao festival, onde a marca contou cun stand propio desde o que se difundiron diferentes campañas de concienciación en colaboración coa Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, a Consellería de Política Social, a Secretaría Xeral da Igualdade e a Consellería de Cultura e Turismo, que coordina todas as accións. A súa implicación directa dá conta do carácter transversal desta iniciativa, que botou a andar no verán de 2018 e a través da que este ano se patrocinan 12 festivais de toda Galicia.

Na cita de Praia América, FEST Galicia deulle tamén soporte ao escenario que acolleu as sesións dos DJ e mais ás pulseiras cashless que se empregaron para acceder ao recinto e como medio de pago.

Con Vive Nigrán, ábrese a segunda quenda de estudos de impacto ao abeiro de FEST Galicia, que o ano pasado xa recolleu datos do Sinsal –tamén na comarca viguesa–, PortAmérica, Revenidas, SonRías Baixas e Resurrection. Este verán súmanse tamén o Atlantic Fest, 17º Ribeira Sacra, Festival de la Luz, WOS Festival e Caudal Fest.

- Publicidade -

ÚLTIMA REVISTA

+ VISTOS

SÍGUENOS

691FansGóstame
300SeguidoresSeguir

ETIQUETAS

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies