spot_img
InicioAs COUSAS DE CastelaoCousas de Castelao: Chámanlle a "Marquesiña"

Cousas de Castelao: Chámanlle a “Marquesiña”

Cousas de Castelao: Chámanlle a "Marquesiña"A “Marquesiña”: É o segundo relato de Cousas, no que fala dunha rapaza tan pobre que non tiña nin para calzarse pero á que todos chamaban “a marquesiña”, porque a súa nai servía na casa do marqués.
Chámanlle a “Marquesiña” e os seus peíños endexamáis se calzaron.
 
Vai á fonte, depelica patacas e chámanlle a “Marquesiña”.
 
Non foi á escola por non ter chambra que pór, e chámanlle a “Marquesiña”.
 
Non probóu máis lambetadas que unha pedra de zucre, e chámanlle a “Marquesiña”.
 
A súa nai é tan probe que traballa de xornaleira na casa do Marqués.
 
¡E aínda lle chaman a “Marquesiña”!
.
Cousas foi o termo empregado por Castelao para designar diferentes conceptos. Por unha banda, designa un xénero literario a base de pequenos relatos, que el mesmo desenvolveu e publicou con periodicidade variable na prensa da súa época, ilustrándoos cun debuxo creado especificamente para cada texto, complementándose o un ó outro. Por outra banda, é o título de dous libros que publicou, en 1926 e 1929, nos que recollía eses relatos periodísticos. Finalmente, a denominación de Cousas da Vida designa un innúmero de debuxos cun breve texto a rodapé, que publicou a partir de 1924 nas portadas de Galicia e Faro de Vigo; unha escolma destes debuxos reuniuse posteriormente en seis libros publicados baixo o mesmo título.
Cousas é unha transcendente interpretación de Galicia, unha exploración da súa problemática socioeconómica mediante o desfile de diversos personaxes arquetípicos, que en moitos casos representan os sectores máis marxinados: anciás abandonadas, xentes sumidas na miseria, cegos, vellos, mariñeiros etc.
Cada cousa está composta por un texto e unha ilustración complementaria que acadan o fondo dramático dos sucesos desenvolvidos.
O texto achega brevemente asuntos, polo xeral de ambiente labrego ou mariñeiro, de temática variada, sintéticos, comprimidos mediante unha técnica narrativa semellante á que Castelao emprega nos seus debuxos: trazos firmes e limpos que denotan o obxecto que se achega en primeiro plano, mentres que o resto da información é pura connotación, suxestión.
 
A fórmula empregada por Castelao nesta súa obra é moi orixinal, un novo xénero que supera o linde do exclusivamente literario para, coa axuda da imaxe, narrar acontecementos en que se ven inseridos diferentes personaxes cun coidado especialísimo da frase e da palabra, a cal acada por veces un inusitado lirismo. A cousa é a manifestación máis completa do estilo de Castelao, é en si mesma un estilema, pois está presente en toda a súa narrativa, ata o punto de podermos explicar a estrutura de Retrincos e, en menor grao, Un ollo de vidro ou Os dous de sempre, como unha compilación de cousas. Nestes dous últimos títulos existe un fío condutor que relaciona os elementos sucesivos da narración mentres que en Cousas ou Retrincos os distintos capítulos son unidades narrativas totalmente independentes. Fonte: wikipedia
- Publicidade -spot_img