spot_img
InicioPontevedra e ÁreaComprometidos co sector primario da provincia e contra o Cambio Climático

Comprometidos co sector primario da provincia e contra o Cambio Climático

Carmela Silva “É no mundo local onde poderemos loitar contra a situación. Traballamos en rede, cun proxecto colaborativo e consensuado e temos un compromiso con propostas claras para construír unha provincia mellor, con maior calidade de vida para a xente”A Deputación de Pontevedra celebra o Día Contra o Cambio Climático ensalzando  o proxecto común cos concellos e co sector primario da provincia

Cun compromiso inequívoco co medio ambiente e a loita contra o cambio climático, a Deputación de Pontevedra vén de celebrar o Día Internacional cun dobre acto “de reflexión e reivindicación” para poñer en valor algunhas das boas prácticas que a institución está a impulsar para mitigar, de xeito directo ou indirecto, os efectos desta grande ameaza para a humanidade. A presidenta Carmela Silva fixo entrega dos dispositivos  co software  GESTRAEE para a xestión de residuos de aparellos eléctricos e electrónicos nos concellos beneficiarios do proxecto ESTRAEE, e posteriormente, da man de alcaldes e alcaldesas, concelleiras e concelleiros así como de representantes do sector primario da provincia, visitou a carpa instalada no paseo de Montero Ríos na que se deron a coñecer iniciativas medioambientais que lidera a Deputación como o programa Bosques Terapéuticos ou proxectos de leite e mel ecolóxica, castaña e sidra en colaboración con Asefoga, Aselaga e Odega

Carmela Silva: “É no mundo local onde poderemos loitar contra a situación. Traballamos en rede, cun proxecto colaborativo e consensuado e temos un compromiso con propostas claras para construír unha provincia mellor, con maior calidade de vida para a xente”

“Os datos son moi preocupantes e non podemos quedar impasibles ante esta situación”, asegurou Carmela Silva, quen remarcou o papel “referente a nivel estatal” da Deputación na loita contra o cambio climático dando a coñecer os principais proxectos que lidera na xestión de residuos, no turismo ou na propia mobilidade. Engadiu que non se trata de celebrar un Día contra o Cambio Climático, “senón de compromiso e de impulso de propostas claras para construír unha provincia mellor, con maior calidade de vida para a nosa xente”. E destacou o papel fundamental do mundo local “que ten moito que dicir porque é aquí onde sucede todo, onde se establecen as industrias, onde xestionamos o abastecemento e saneamento, onde tomamos decisións sobre mobilidade sustentable, sobre tratamentos de residuos. É no mundo local dende onde poderemos loitar contra esta situación. Traballamos en rede, cun proxecto común, dialogado, colaborativo e consensuado” asegurou e agradeceu o compromiso dos concellos, “que a cada proxecto que propoñemos únense rapidamente”.

Dispositivos GESTRAEE “Somos a primeira provincia do Estado”

No transcorrer do acto a presidenta provincial fixo entrega a representantes dos concellos participantes no proxecto ESTRAEE (A Guarda, Silleda, Vilagarcía, Meaño, A Lama, Gondomar, Cangas, Nigrán e Ponteareas) dos dispositivos electrónicos co software GESTRAEE, pioneiros a nivel estatal para a xestión de residuos de aparellos eléctricos e electrónicos dos seus puntos limpos, e tamén dunha guía de funcionamento, a modo de manual, na que se prové diversa información sobre as novas funcionalidades dos puntos limpos. Ambas iniciativas enmárcanse no proxecto ESTRAEE que, cun orzamento de máis de 2,1 millóns de euros cofinanciados polo FEDER, liderou a Deputación xunto a Energylab, Revertia, ERP e Lipor para mellorar o tratamento do lixo electrónico para a súa reutilización, recuperación e reciclaxe.

Carmela Silva subliñou a importancia de ESTRAEE pola súa “aposta pola economía circular e por un tratamento sustentable dos residuos” e puxo en valor este proxecto que impulsou a creación de 9 puntos limpos que teñen xa recollido 450 toneladas de residuos que supoñen 2,6 quilogramos anuais por habitante. Recordou que a través do proxecto impulsouse  unha campaña de recollida de residuos “que foi un éxito grazas á implicación e compromiso dos concellos” e tamén unha ordenanza que “pode converterse no modelo de xestión de residuos de aparellos eléctricos e electrónicos en todos os concellos da provincia”. Tamén detallou que a través de ESTRAEE realizouse unha análise do ciclo de vida deste tipo de residuos que puxo de manifesto que se poden recuperar cerca do 12,3% dos móbiles, do 37,5% das tablets e do 15% das lavadoras.

“Estamos a demostrar con proxectos como ESTRAEE que todos os fondos que solicitamos á Unión Europea, cando os xestiona o mundo local, levámolos a cabo ao 100%. Non acontece isto con outras administracións”, asegurou Carmela Silva, quen reivindicou que os fondos “Next Generation teñen que contar con nós. Teñen que chegar recursos ás deputacións e aos concellos porque xestionamos moi ben, e o ESTRAEE é unha boa proba”.

A carpa e as degustacións co sector primario da provincia

Amais da entrega dos dispositivos GESTRAEE a Deputación tamén celebrou o Día Internacional contra o Cambio Climático cunha carpa no paseo de Montero Ríos na que se puxeron en valor as actividades que, xunto ao sector da provincia e os concellos, a institución desenvolve para combater e mitigar este fenómeno e as iniciativas que lidera para poñer en valor o patrimonio natural e cultural, conservando a contorna medioambiental e fixando poboación no rural.

Na carpa difundiuse o programa “Bosques Terapéuticos”, a iniciativa que contribúe a mitigar o cambio climático e a boa conservación dos bosques da provincia. Tamén se deron a coñecer os convenios que a Deputación ten asinado con ASEFOGA para realizar un programa formativo sobre a xestión dos apiarios para a produción de mel ecolóxica; con ASELAGA para outro programa formativo centrado na potencialidade do leite ecolóxico e dos seus derivados; e con ODEGA para a promoción das variedades de mazá autóctona e sidra ecolóxica e para a promoción da castaña como alternativa de aproveitamento agroforestal na provincia. Sobre estas iniciativas a presidenta subliñou que “temos uns produtos de grande calidade, que teñen unha grande aceptación no mercado e importante valor económico” e agradeceu a súa aposta “polo rural galego e por promover iniciativas innovadoras que pretenden que sigamos a ser unha grande potencia en todo o que ten que ver con produtos do sector primario”.

Amais de divulgar información, na carpa tivo lugar unha degustación de queixo, mel, mazás e unha cata de sidra ecolóxica que puideron desfrutar cidadás e cidadáns que se achegaron á presentación. Tamén se repartiron bolsas de tea e dispuxéronse produtos de proximidade e ecolóxicos como castañas, mazá, leite, tarros de mel e pequenas botellas de sidra.

- Publicidade -spot_img