spot_img
InicioVigo e áreaRedondelaO IES Mendiño de Redondela acolle a presentación do proxecto "RELEVO2_Mocidade Abordo"

O IES Mendiño de Redondela acolle a presentación do proxecto “RELEVO2_Mocidade Abordo”

O IES Mendiño de Redondela acolle a presentación do proxecto "RELEVO2_Mocidade Abordo"“RELEVO2_Mocidade Abordo’ busca achegar o sector pesqueiro, marisqueiro e acuícola á xuventude para que coñezan as saídas profesionais que ofrece

Cunha ducia de centros de ensino inscritos en RELEVO2_Mocidade Abordo, 420 mozos e mozas de 4º da ESO de Cangas, Moaña, Vilaboa, Vigo, Nigrán, Redondela, Baiona e A Guarda poderán afondar no sector pesqueiro, marisqueiro e acuícola e en todas as saídas laborais que ofrece.

O programa formativo, impulsado polo GALP Ría de Vigo-A Guarda, GALP Ría de Pontevedra, GALP Ría de Arousa, GALP Golfo Ártabro Sur, GALP Golfo Ártabro Norte e GALP A Mariña – Ortegal e no que participan medio centenar de centros e máis de 2.000 estudantes de toda Galicia, foi presentado esta mañá para a área de Vigo.

No acto, celebrado no IES Mendiño, interviñeron a xerente do GALP Ría de Vigo-A Guarda, Elena Herbello, o director do centro, José Antonio Martínez Domínguez, e o oceanógrafo e parte da asistencia técnica do proxecto, David Torres.

O instituto redondelán acolleu a primeira xornada formativa este luns; a el sumaranse ao longo do curso académico o CPR Casa de la Virgen, IES Chapela, CPI O Toural, Colegio San José, IES Pedro Floriani, IES Monte Carrasco, IES Ricardo Mella, CPR Ángel de la Guarda, IES As Barxas, IES Escolas Proval e o CPI Cova Terreña.

O programa estrutúrase en tres bloques de contidos: pesca e acuicultura, a transformación e a comercialización, e turismo e deportes náuticos. No marco de cada área abordaranse unha serie de contidos, de forma amena e dinámica, tanto en sesións formativas e de divulgación nas propias aulas, como a través de visitas.

A formación será enriquecida coa testemuña directa de profesionais do sector pesqueiro, así como saídas do alumnado a centros de traballo (confrarías, lonxas, portos) para coñecer de primeira man as distintas saídas profesionais.

O proxecto RELEVO2

Esta iniciativa de carácter formativo busca trasladar ao alumnado de centros de ensino de secundaria as posibilidades que ofrece o sector do mar na nosa comunidade e impulsar o tan necesario relevo xeracional.

Entre os seus obxectivos está a posta en valor do sector pesqueiro entre a comunidade escolar en idade de traballar e/ou de escoller estudos superiores. Así como o de valorizar o sector pesqueiro en termos económicos, dando a coñecer a demanda real existente para diferentes postos de traballo no mar e as saídas profesionais existentes no mesmo.

O proxecto conta cun equipo de docentes, profesionais do eido da oceanografía e con ampla experiencia na realización de actividades e proxectos de formación e divulgación científica sobre o medio mariño e o sector pesqueiro destinados a centros educativos.

- Publicidade -spot_img